IG302 - PRÉSTAMOS PARCIALMENTE REEMBOLSABLES PARA PROXECTOS EMPRESARIAIS DE INVESTIMENTO CREADORES DE EMPREGO PREVISTOS NO FTX (IG408J) (2024)

Finalidade / Obxectivo

1. O obxecto é a concesión de préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento empresarial xeradores de emprego na provincia da Coruña, cofinanciado no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ), que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

1.1. Creación dun novo establecemento, derivado da creación dunha nova empresa ou que dea lugar á diversificación económica, modernización ou reconversión dunha empresa existente.
1.2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente, sempre que supoña unha modernización respecto á tecnoloxía previamente utilizada.
1.3. Diversificación da produción dun establecemento para a fabricación de produtos que antes non se producían no mesmo.
1.4. Transformación fundamental do proceso global de produción do produto ou produtos ou da prestación global do servizo ou servizos afectados polo investimento no establecemento.

Tipos de apoio

Instrumento financeiro combinado con subvención nunha mesma operación en réxime de concorrencia competitiva.
Estas axudas están cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ) que ten unha taxa de cofinanciamento do 70%, proporcionándose o cofinanciamento nacional no nivel dos perceptores finais, como investimento elixible nos mesmos. En particular:

Obxectivo político ou obxectivo específico do FTJ (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climáticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.

Prioridade P2: A Coruña.
Actuación: CO3. Impulso a pemes e proxectos empresariais tractores para a diversificación económica dos territorios. Apoio a proxectos empresariais e pemes que xeren actividade económica e manteñan e/ou cren emprego, a través de instrumentos financeiros de préstamos.

Beneficiarios potenciais

Instrumento financeiro combinado con subvención nunha mesma operación en réxime de concorrencia competitiva.
Estas axudas están cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ) que ten unha taxa de cofinanciamento do 70%, proporcionándose o cofinanciamento nacional no nivel dos perceptores finais, como investimento elixible nos mesmos. En particular:

Obxectivo político ou obxectivo específico do FTJ (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climáticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.

Prioridade P2: A Coruña.
Actuación: CO3. Impulso a pemes e proxectos empresariais tractores para a diversificación económica dos territorios. Apoio a proxectos empresariais e pemes que xeren actividade económica e manteñan e/ou cren emprego, a través de instrumentos financeiros de préstamos.

Sectores incentivables

1. Poderán ser obxecto de axuda os proxectos pertencentes a todas as actividades económicas susceptibles de recibir axudas, de acordo coa normativa nacional e da Unión Europea aplicable, coas excepcións establecidas no punto 2 este artigo.

2. Non poderán concederse axudas aos seguintes sectores e actividades:

a) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos de tabaco.
b) Investimentos relacionados coa produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
c) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.
d) Sectores do aceiro, o lignito e o carbón.
e) Sector do transporte, así como a correspondente infraestrutura; as axudas á produción, o almacenamento, o transporte, a distribución e as infraestruturas de enerxía, con excepción das axudas rexionais ao investimento nas rexións ultra periféricas e os réximes de axudas de funcionamento de finalidade rexional; e as axudas no sector da banda larga, con excepción dos réximes de axudas de funcionamento de finalidade rexional.
f) As axudas rexionais de funcionamento concedidas a empresas cuxas actividades principais estean incluídas no ámbito da sección K “Actividades financeiras e de seguros” de NACE Rev. 2 ou a empresas que realicen actividades intragrupo e cuxas actividades principais estean incluídas nas categorías 70.10 “Actividades das sedes centrais” ou 70.22 “Outras actividades de consultaría de xestión empresarial” de NACE Rev. 2.
g) Transformación e comercialización de produtos agrícolas cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade dos devanditos produtos adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas ou cando a axuda se supedite á súa transmisión, total ou parcial, aos produtores primarios.
h) Sector da pesca e a acuicultura
i) Sector agrícola primario.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables os proxectos de investimento empresarial xeradores de emprego no territorio da Coruña.

2. Non serán subvencionables os proxectos que unicamente supoñan a ampliación de capacidade nun establecemento existente, nin traslados por recolocación de actividades.

3. O proxecto deberá comprender un importe mínimo de investimento de 60.000 euros. Non se establece un importe máximo de investimento subvencionable.

4. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só o emprendería dunha maneira limitada ou diferente.

Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude de axuda . Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a axuda con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto. (contrato ou oferta asinado entre as partes, pedido...)
A obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Aqueles proxectos excluídos por non dispoñer de crédito orzamentario tras a aplicación dos criterios de priorización correspondentes, no suposto de presentación de idéntico proxecto a futuras convocatorias do instrumento, tomarase en consideración a data de solicitude desta convocatoria en relación ao efecto incentivador.

5. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de finalización do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, finalizará dentro dos 18 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

Investimentos ou gastos computables

1. Só serán subvencionables os investimentos produtivos en activos materiais e inmateriais adquiridos a terceiros non vinculados coa persoa beneficiaria. Os investimentos produtivos deben entenderse como investimentos en capital fixo ou como o activo inmobilizado dunha empresa para producir bens e servizos, de maneira que se contribúa á formación bruta de capital e ao emprego.

2. Os instrumentos financeiros poderán financiar o IVE soportado polas persoas beneficiarias en relación cos investimentos que constitúan a operación. Con todo, a efectos do cálculo do tramo non reembolsable do préstamo, non se computará o IVE que sexa recuperable.

3. Só será subvencionable a adquisición de terreos por un importe que non exceda do 10 % do investimento total subvencionable da operación que se trate. Esta limitación non aplica ás operacións relativas á conservación do medio ambiente. Tampouco será de aplicación naqueles casos en que a operación consista, atendendo o seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas en uso para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a operación consiste na adquisición de edificacións xa existentes de modo que o terreo en que se asentan non constitúe o elemento principal da adquisición, calquera que sexa o seu obxecto ou finalidade, cando o valor de mercado do chan exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.

4. As adquisicións de bens inmobles ou de bens mobles inscritibles nun rexistro público deberán utilizarse para os fins previstos durante un período mínimo de 5 anos, e o resto dos investimentos na localización prevista durante un mínimo de 3 anos, en ambos os casos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.

5. O importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles no momento da adquisición, o que se acreditará mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no Banco de España.

6. Non será subvencionable a adquisición dos terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao Igape, Xesgalicia ou a outro organismo ou entidade, directa ou indirectamente, vinculado ou relacionado cos mesmos.

7. Os custos de adquisición de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que o mesmos non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria e
b) que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador independente.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na lei de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € para o caso de execución de obra), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan.

No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas non será preciso achegar as tres ofertas, senón que deberá acompañarse un informe de taxación subscribido por sociedade de taxación homologada.

Contía das axudas

1. O préstamo non superará o 70% do investimento subvencionable, e configúrase como un instrumento financeiro combinado con subvención nunha única operación.

2. Polo menos un 30% do investimento subvencionable deberá ser financiado por terceiros, xa sexan entidades financeiras ou outras entidades privadas ou públicas nacionais. Esta contribución terá a consideración de cofinanciamento nacional, para o que o titular deberá achegar os acordos xurídicos celebrados coas entidades privadas ou públicas españolas, acreditativas desta contribución e a xustificación da transferencia efectiva dos recursos.

3. A persoa beneficiaria das axudas deberá achegar unha contribución financeira mínima do 25% dos custos subvencionables, ben a través dos seus propios recursos, ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública, podendo computarse esta última como cofinanciamento nacional para os efectos do apartado 2 anterior.

• Características dos préstamos:

1. Os préstamos concedidos contarán cun tramo reembolsable e outro non reembolsable. O tramo non reembolsable estará constituído pola subvención concedida ao amparo destas bases en combinación co instrumento financeiro nunha única operación
A subvención materializarase no momento de acreditación do cumprimento da creación de emprego, e das condicións de execución do proxecto baremadas na concesión.
A suma dos tramos reembolsable e non reembolsable constituirá o importe da operación única de instrumento financeiro combinada con subvención, que como máximo supoñerá o 70% do investimento subvencionable. Ambos os tramos devindicarán xuros aos tipos determinados neste artigo, mentres o tramo non reembolsable non adquira firmeza.

2. O tramo non reembolsable será o 25% do investimento subvencionable no caso das medianas empresas e o 35% do investimento subvencionable en caso das pequenas empresas e microempresas.

3. Disposición: Prevese a posibilidade de solicitar e realizar varias disposicións. As distintas disposicións atenderán o ritmo de execución do proxecto subvencionado e financiado.

4. Tipo de xuro ordinario: Será FIXO, e determinado no momento da concesión para cada empresa beneficiaria e proxecto, conforme ao método recollido nas bases.

A cualificación de risco de crédito e o grao de colateralización serán determinados con arranxo ao Anexo III de determinación da cualificación do risco de crédito e grao de colateralización destas bases.

No caso de que o tipo base sexa negativo, o tipo de xuro así resultante de sumar a marxe non poderá ser inferior ao 0%.

Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

5. Tipo de xuro moratorio: virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario máis 4 puntos porcentuais anuais.

6. Reembolso: O tramo reembolsable será reintegrado pola persoa beneficiaria nun prazo máximo de 12 anos, con carencia igual ao prazo de execución do proxecto previsto na resolución de concesión máis un ano. Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pago de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase ao contrato de préstamo.

7. En caso de producirse o incumprimento total ou parcial das condicións do contrato de financiamento, o Igape poderá dalo por vencido, e requirirá o reembolso total ou parcial, segundo corresponda, do capital vivo e dos xuros devindicados.

8. Garantías: o Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación. Con carácter xeral, todos os préstamos deberán contar con garantías adecuadas.

9. Dereito privado: os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra este prazo.

Aqueles proxectos excluídos por non dispoñer de crédito orzamentario tras a aplicación dos criterios de priorización correspondentes, no suposto de presentación de idéntico proxecto a futuras convocatorias do instrumento, tomarase en consideración a data de solicitude desta convocatoria en relación ao efecto incentivador.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionables.

Referencia lexislativa

Resolución do 7 de outubro de 2024 (DOG Nº 201 do 17/10/2024) - Bases reguladoras e convocatoria 2024

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a operación financeira, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

2. Para presentar a solicitude, será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.

Observacións

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de 45 días desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para solicitar a disposición dos fondos dos préstamos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 28 de novembro de 2025.

O prazo para executar os proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 31 de marzo de 2026.

O prazo para xustificar a realización e o pago do investimento subvencionable será de catro meses desde a finalización do prazo de execución indicado no acordo de concesión.

Os perceptores finais das axudas deberán presentar a acreditación do cumprimento do fito de creación de emprego, e no seu caso doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión do instrumento financeiro de préstamo combinado con subvención nunha única operación, no prazo de doce meses a partir da data final de execución do proxecto fixada na resolución de concesión.