IG408H - AXUDAS PARA A ATRACCIÓN DE EMPRESAS A GALICIA (2025)

Finalidade / Obxectivo
Constitúe o obxecto das presentes bases reguladoras a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:
1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.
2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia non competitiva.
A presente convocatoria é cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 40 % restante. En particular:
Obxectivo político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3: O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Liña de actuación 1.3.01.: Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Ámbito de intervención 021: Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao amparo do regulado nas presentes bases.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.
b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
d) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
e) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Sectores incentivables
1. Serán subvencionables os investimentos proxectados ou o emprego a crear para o desenvolvemento de calquera actividade económica, agás as excluídas nos seguintes apartados.
2.Exclúense as seguintes actividades:
a) A produción e comercialización agrícola primaria.
b) Sector dos produtos da pesca e da acuicultura.
3.Exclúense tamén as seguintes actividades:
a) Produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.
b) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.
c) A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
4.Tampouco poderán concederse axudas ao abeiro destas bases para financiar os seguintes tipos de investimento:
- a construción de centros que presten servizos de formación
- infraestruturas residenciales para colectivos en risco de institucionalización
- a clausura ou a construción de centrais nucleares
- investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro
- infraestruturas aeroportuarias
- investimentos en eliminación de refugallos en entulleiras
- investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallos residuais con fins de economía circular.
5. En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, non serán subvencionables os gastos de apoio á reubicación.
Requisitos principais do proxecto
Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, ou alternativamente os custos salariais dos novos contratos de carácter indefinido e a tempo completo vinculados ao investimento, cando o proxecto resposte a unha das seguintes tipoloxías:
1. Creación dun novo establecemento.
- Creación dun primeiro establecemento.
- Creación dun novo establecemento noutra ubicación diferente ou por traslado con ampliación da capacidade produtiva.
2. Ampliación de capacidade dun establecemento existente.
3. Diversificación da producción dun establecemento existente en productos que anteriormente non se producían no mesmo.
O investimento subvencionable deberá superar o 200% do valor neto contable dos activos que se reutilizan, de acordo cos rexistros do balance de situación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado á data de presentación da solicitude.
4. Cambio fundamental no proceso global de producción do produto ou produtos afectados polo investimento no establecemento.
Suporán a implementación dunha innovación no proceso global de produción que impliquen o uso por primeira vez de métodos de organización que inclúan melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo, dos sistemas de produción ou a integración de áreas funcionais da empresa.
Na modalidade I.2 de proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 € cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo, só serán admisibles as tipoloxías de proxecto 1 e 2.
1. Os proxectos deberán ter un investimento mínimo subvencionable de 800.000 € e máximo de 10.000.000 € para os proxectos da modalidade I.1 e mínimo de 100.000 € coa creación de polo menos 25 novos empregos de carácter indefinido e a tempo completo para a modalidade I.2.
2. A persoa beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25% dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.
3. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.
4. O período de execución dos investimentos subvencionables, ou no seu caso da creación de emprego, denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, rematará dentro dos 24 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión.
5. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición dun ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben ou á contratación da execución da obra.
6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
7. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.
8. Os proxectos non poderán estar vinculados ás actividades excluídas nas presentes bases reguladoras.
Cando un ou varios elementos integrantes do proxecto estean vencellados a mais dunha actividade da empresa e unha ou máis non fosen subvencionables, para os efectos de determinar o investimento subvencionable, considerarase exclusivamente o importe proporcional á vinculación do elemento en cuestión á actividade subvencionable para a que se propón o proxecto.
9. Os proxectos deberán esta vinculados a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante.
10. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.
11. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
Cualificación requerida do proxecto
As pemes interesadas só poderán presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria. De presentárense máis dunha, arquivaranse automaticamente as rexistradas despois da primeira agás desistencia expresa das outras por parte da persoa solicitante.
As solicitudes avaliaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata a total utilización do orzamento da convocatoria.
Investimentos ou gastos computables
1. Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:
a) Nova construcción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante, ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa cunha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.
b) Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.
c) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas.
d) Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización.
A obra civil debe ser executada e facturada por terceiros. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola persoa solicitante.
2. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, utillaxe (incluídos os moldes, plantillas e troqueis), equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
En ningún caso terán a consideración de bens de equipamento as obras necesarias para a súa instalación.
3. Outros investimentos en activos fixos: mobiliario, equipos para procesos de información e envases ou embalaxes que, polas súas características, deban considerarse como inmobilizado.
4. Aplicacións informáticas directamente vinculadadas co proceso produtivo.
5. Adquisición de activos dun establecemento.
Os proxectos non poderán consistir exclusivamente en obra civil e conceptos inmobiliarios, deben de incluír obrigatoriamente investimento nalgún outro concepto subvencionable de entre os descritos nos puntos 2, 3 e 4 deste mesmo artigo.
En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.
- Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles nos casos e cos requisitos nos que así se prevexa expresamente no apartado 1.B) do cadro de especificacións do anexo I, ou para a adquisición de activos dun establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirira.
- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción e de xeito expreso, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados nos casos nos que así se prevexa no apartado 1.B).
- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
6. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:
a) Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
b) Os custos de traslado de bens equipo que xa sexan propiedade da empresa.
c) Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.
d) A adquisición das instalacións nas que a solicitante viña desenvolvendo a súa actividade en réxime de alugueiro ou dereito de uso de calquera tipo.
e) Os custos de demolición de edificios ou estruturas xa existentes illados, que non estean incluidos dentro dun proxecto de reforma ou rehabilitación.
En ningún caso se considerará o IVE como concepto subvencionable.
Contía das axudas
A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable para a modalidade I.1 e os custos salariais de ata 24 meses do emprego novo a crear para a modalidade I.2 pola porcentaxe de subvención seguinte:
35% no caso das pequenas empresas.
25% no caso de medianas empresas.
Nos sectores industriais do carbón, aceiro e ferroaleacións e no sector do transporte e infraestruturas conexas:
20 % no caso das pequenas empresas.
10 % no caso das medianas empresas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de febreiro de 2025 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos ou empregos (custos salariais) subvencionados.
Referencia lexislativa
Resolución do 11 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.
2. Documentación do expediente administrativo común a ambas modalidades de proxecto a presentar xunto coa solicitude de subvención:
1. Certificado de situación censual expedido pola AEAT e/ou, no caso de novas actividades ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.
2. Documentación xurídica da personalidade da persoa solicitante:
Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
No caso de sociedades inscritas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
3. No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todalas entidades que deban ser tidas en conta aos efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
4. En relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar as resolucións de concesión das mesmas.
5. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
2. Documentación específica relativa a cada modalidade de proxecto.
2.a) Modalidade I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €
i) Documentación a achegar coa solicitude de axuda:
1.Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.
2. No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes con reutilización de activos, deberán achegar o inventario de inmobilizado que serviu de base para a formulación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado con indicación, para cada elemento do inventario, da data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición, importe da amortización acumulada á data do inventario e, se é o caso, doutras depreciacións por perda de valor, así como o valor neto contable á data do inventario.
Así mesmo, deberá achegar un informe dun experto independente colexiado que indique os activos do inventario que se pretende reutilizar, os cales deberán figurar identificados no inventario de inmobilizado.
No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes sen reutilización de activos, deberán presentar unha declaración responsable nese sentido.
3. As tres ofertas que deba ter solicitado a persoa solicitante.
4. Para cada un dos elementos integrantes do investimento proxectado para os que non sexa de aplicación o previsto no punto anterior, deberá achegarse, como mínimo, unha oferta ou orzamento.
5. Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario electrónico de solicitude.
6. No caso de obra civil deberán presentar proxecto de obra visado e/ou planos, nos que se deberá poder verificar a superficie correspondente a cada concepto de obra civil.
Para estes efectos, cando se trate de obras menores, como as necesarias para a instalación dos equipos subvencionables, entre outras, non será preceptiva a achega desta documentación.
7. Adicionalmente, para os seguintes tipos de actuacións relacionadas con inmobles, deberán presentar:
a) No caso de obra civil de construción en terreo propio: acreditación da propiedade do terreo ou compromiso de que pasará a ser propiedade do solicitante antes do comezo das obras.
b) No caso de obra civil de construcción en terreo con concesión administrativa ou dereito de superficie: documento acreditativo da concesión ou do dereito de superficie, que deberá ter unha duración superior a 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.
c) No caso de reforma dun inmoble (nave, edificio, local…) propio: documentación acreditativa da titularidade do inmoble.
d) No caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso: contrato de arrendamento do inmoble, ou documento que acredite o dereito de uso da instalación, cunha duración mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante.
e) No caso de adquisición de edificacións xa construidas novas: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.
f) No caso de adquisición de edificacións xa construídas usadas:
- Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
- Informe de taxación suscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.
g) No caso de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, con abandono de instalación propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios: informe de taxación suscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado das instalacións que se abandonen.
h) No caso de alleamento das instalacións que se abandonan con anterioridade á resolución da solicitude: contrato de compravenda. Se as instalacións que se abandonan non son propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios, declaración responsable ao respecto.
8. No caso de investimentos vencellados a máis dunha actividade económica da empresa, sendo unha delas non subvencionable: declaración responsable da vinculación proporcional, de cada un dos elementos do investimento proxectado, á actividade para a que se propón o proxecto, de acordo co artigo 7.8 destas bases reguladoras.
9. No caso de adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirise:
Declaración de que os activos son adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador.
Declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que os mesmos non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
Informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada para os inmobles e informe técnico de persoa independente e experta na materia para os bens de equipo e outros activos de que o prezo dos activos non é superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares.
Observacións
O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de marzo de 2028.
A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun mes a partir da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión.
Unha vez pechada a convocatoria, abrirase un rexistro de presolicitudes que permanecerá aberto ata a apertura da seguinte convocatoria. As solicitudes de inscrición neste rexistro deberán conter todos os datos relativos ao proxecto de investimento e non poderán ser modificadas, excepto actualización de importes.
O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pago do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.