IG408G - AXUDAS A STARTUPS (2025)

Finalidade / Obxectivo

Fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e investimentos nos que incorran dende o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude de axuda.

Tipos de apoio

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Fondos propios da Comunidade Autónoma.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse startups, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica, que reúna simultaneamente as seguintes condicións:

a) Ser de nova creación ou, non sendo de nova creación, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou Rexistro de Cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía, industriais e outros sectores estratéxicos ou que desenvolvesen tecnoloxía propia, deseñada integramente en España.

b) Non xurdir dunha operación de fusión, escisión ou transformación de empresas que non teñan consideración de empresas emerxentes. Os termos concentración ou segregación considéranse incluídos nas anteriores operacións.

c) Non distribuír nin ter distribuído dividendos, ou retornos no caso de cooperativas.

d) Non cotizar nun mercado regulado.

e) Ter a súa sede social, domicilio social ou establecemento permanente en España.

f) Ter ao 60 % do persoal cun contrato laboral en España. Nas cooperativas computaranse dentro do persoal, para os únicos efectos da citada porcentaxe, os socios traballadores e os socios de traballo, cuxa relación sexa de natureza societaria.

g) Desenvolver un proxecto de emprendemento innovador que conte cun modelo de negocio escalable, segundo o previsto no artigo 4.
Cando a empresa pertenza a un grupo de empresas definido no artigo 42 do Código de Comercio, o grupo ou cada unha das empresas que o compoñen deberá cumprir cos requisitos anteriores.

2. Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:

– Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022.
– Acreditar a cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).
– Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimatech, Turislab, Galicia Avanza).
– Acreditar mediante certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de Spin-off das universidades, dos centros de FP ou de centros tecnolóxicos.
– Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.
– Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.
– Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Requisitos principais do proxecto

Concederase unha axuda do 100% ata un máximo de 20.000 € para os gastos e investimentos realizados (facturados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

No caso de gastos periódicos de pagamento por períodos superiores ao subvencionable, só será subvencionable a parte proporcional correspondente ao período subvencionable, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2025 e a data de presentación da solicitude de axuda.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderán ser subvencionables calquera gasto ou investimento nos que incorra a startup dende o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude de axuda, que estean vinculados coa actividade da startup en Galicia. O importe mínimo subvencionable deberá acadar 10.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser novos, adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros.

Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida no artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014).

Os investimentos deberán manterse na empresa beneficiaria durante un período mínimo de 2 anos a contar dende a data da resolución de concesión da axuda.

2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. En ningún caso os gastos e investimentos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Contía das axudas

Concederase unha axuda do 100% ata un máximo de 20.000 € para os gastos e investimentos realizados (facturados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

No caso de gastos periódicos de pagamento por períodos superiores ao subvencionable, só será subvencionable a parte proporcional correspondente ao período subvencionable, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2025 e a data de presentación da solicitude de axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de febreiro de 2025 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, tendo en conta a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos gastos e investimentos.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 9 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria 2025
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

As persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da startup solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

No formulario incluirase a xustificación dos gastos e investimentos realizados mediante a modalidade de conta xustificativa simplificada

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.

• Documentación a achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil

Observacións

Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.
O aboamento das subvencións reguladas nestas bases realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados o cumprimento dos requisitos esixidos; resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.