IG300C - AXUDAS Á TRANSFORMACIÓN DIXITAL DAS PEMES (2025)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas están destinadas a apoiar a posta en marcha de proxectos de dixitalización, cuxa finalidade sexa a implantación de solucións que proporcionen soporte dixital aos procesos dunha empresa, así como proxectos de interconexión dixital entre unha empresa galega e outras, ou entre dúas ou máis empresas galegas. Estes proxectos poden incluír, entre outros, ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, ou procesos de coordinación entre un líder industrial e as pemes que integran a súa cadea de valor.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia competitiva.

A presente convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:
Obxectivo político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.2. Aproveitar as vantaxes que ofrece a dixitalización aos cidadáns, ás empresas ás organizacións de investigación e ás administracións públicas.
Liña de actuación 1.2.01. Axudas á dixitalización avanzada das empresas galegas, incluídas as entidades do terceiro sector.
Ámbito de intervención 013. Dixitalización de pemes (incluídos o negocio e o comercio electrónicos e os procesos empresariais na rede, os polos de innovación dixital, os laboratorios vivintes, os ciberemprendedores, as empresas emerxentes baseadas en TIC, o comercio electrónico entre empresas).

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.
Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

2. As pemes poderán solicitar axudas ás tipoloxías de proxectos individuais.

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.
c) As empresas en crise.
d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

Sectores incentivables

Empresas de calquera sector económico excepto:

1. O sector da pesca e a acuicultura e ao sector da produción agrícola primaria, agás para gastos en servizos de consultaría no caso destas últimas;

2. Empresas pertencentes aos sectores do aceiro, o lignito e o carbón; ao sector do transportes, así como a correspondente infraestrutura; a produción, almacenamento, transporte e distribución e as infraestruturas de enerxía; e o sector da banda larga, agás para os gastos en servizos de consultoría.

Requisitos principais do proxecto

1. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento de interfaces dixitais para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e melloras en ciberseguridade.
3º. Implementación de sistemas de dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral, tales como ERP, CRM e similares.
4º. Mellora da función loxística da empresa, a través da implantación de solucións dixitais, nalgunha das seguintes áreas:

*Dixitalización e automatización:
1. Automatización e/ou robotización de procesos loxísticos, incluíndo carga e descarga, almacenaxe, transporte e distribución.
2. Xeolocalización e sensorización para o control de ubicacións con fins como trazabilidade, vixilancia e localización de cargas, contedores e medios de transporte.
3. Aplicación de vehículos autónomos e elementos auxiliares para automatizar operacións de transporte interno ou de carga e descarga.

* Procesos e aplicacións:
4. Desenvolvemento e adaptación de contratos intelixentes e xestión de información mediante blockchain.
5. API’s colaborativas e sistemas de intercambio de datos.

* Virtualización e analítica de datos:
6. Aplicación de realidade virtual e/ou aumentada nos procesos loxísticos.
7. Uso de algoritmos e análise de datos aplicados aos procesos loxísticos.
8. Simulación e virtualización de procesos loxísticos.

b) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador, aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Implantación dun sistema dixital común para mellorar as interaccións dixitais entre elas.

2º. Sistemas colectivos de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares).

3º. Implantación dun sistema de dixitalización de procesos ou de xestión integral, deseñado especificamente para o ámbito de actividade das empresas que participen no proxecto colectivo.

4º. Implantación dun sistema común para mellorar a función loxística nas áreas definidas no punto 1.a) 4º deste artigo.

Ademais, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:

Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable menos de 50.000 €.
Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000 €.
Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000€.

O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades e tipos no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

2. Os proxectos deberán estar completamente finalizados para poder optar ao cobro da subvención. Considerarase que un proxecto está finalizado cando, no caso de proxectos colectivos, exista a capacidade de interconexión multiempresa dos procesos. No caso de proxectos individuais, considerarase finalizado cando as interfaces permitan a conexión efectiva entre a persoa solicitante e outra ou outras empresas, ou cando os sistemas de dixitalización estean completamente implantados e operativos. Esta situación deberá acreditarse na memoria de xustificación.

3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

4. O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 euros para os proxectos individuais e de 10.000 euros por participante para os proxectos colectivos.

5. Todos os proxectos deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do No Significant Harm).

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para poder optar á concesión da axuda en réxime de concorrencia competitiva:

Modalidades do artigo 1.1.a) (proxectos individuais): 40 puntos.
Modalidades do artigo 1.1.b) (proxectos colectivos): 60 puntos.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade (que para ser subvencionables deben contabilizarse nunha conta contable do grupo 2) que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto, sempre que a funcionalidade principal do elemento adquirido teña unha relación directa cos ámbitos de actuación.

Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte exterior, equipamento de oficina e o equipamento TIC básico (tal como ordenadores de sobremesa, portátiles, teléfonos intelixentes, tablets, impresoras). Non obstante, excepcionalmente poderase autorizar a adquisición de equipamento TIC que pola súa especificidade quede xustificado no ámbito de desenvolvemento do proxecto, cando o seu subministro sexa imprescindible para a implantación do proxecto, sen que poidan ser utilizados para outros fins distintos á devandita implantación.

En particular, no caso de adquisición de software, considerarase investimento inmaterial as actuacións relacionadas coa implantación, parametrización, configuración desenvolvemento, migracións de datos e instalación e posta en marcha, así como a compra de licenzas. Con carácter xeral, non serán subvencionables as suscricións a Software como Servizo (SaaS) por considerarse conceptos de gasto.

b) Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico ou organizativo (que para ser subvencionables debe contabilizarse nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica e consultoría directamente relacionada coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e polo tanto non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outros non vinculados directamente ao obxecto do proxecto.

Exclúese os gastos de formación, capacitación e desenvolvemento de competencias dixitais.

Os conceptos subvencionables, poderán reclasificarse de oficio pola área xestora da axuda atendendo á súa descrición.

Non se aprobarán proxectos nos que non se determine o alcance ou que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas nas que non se indique con claridade o resultado a obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

c) Nos proxectos colectivos (artigo 1.b), se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto, ata un máximo de 1.500 euros (excluído IVE) por cada peme beneficiaria participante no proxecto, ata un importe total máximo de 6.000 euros por proxecto (excluído IVE). Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.

d) Nos proxectos individuais que sexan coordinados por un hub de innovación dixital, dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID, cun importe subvencionable igual ou superior a 60.000 euros, excluídos os gastos de coordinación do hub, será subvencionable, ata un máximo de 6.000 euros o servizo de consultoría desenvolto polo hub en concepto de coordinación, apoio á definición do proxecto, apoio na selección de tecnoloxías e provedores e seguimento da implementación do proxecto. Adicionalmente, deberase achegar declaración do hub de innovación dixital, conforme non se proporcionou á peme solicitante ningún outro tipo de servizo e/ou asesoramento financiado con outros programas de axuda e concorrente co que se presta ao abeiro desta axuda.

e) Para aqueles proxectos nos que as colaboracións externas ou ben a adquisición de activos inmateriais superen os 30.000 euros ou a suma de investimentos e colaboracións supere os 45.000 euros (considerando exclusivamente os conceptos indicados nas alíneas a) e b) deste punto) será subvencionable o informe dun enxeñeiro colexiado cualificado, ata un importe máximo de 2.000 euros, que deberán achegar de acordo co establecido no artigo 17.5.f. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa.

3. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública, o que será obxecto de declaración responsable tanto na solicitude inicial como na solicitude de cobramento.

4. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable.

5. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

6. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos pola persoa beneficiaria en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os subministren.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da persoa beneficiaria se manteña en Galicia durante este período.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e permanecer vinculados co proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos tres anos. Este extremo acreditarase coa declaración expresa da persoa beneficiaria no formulario de solicitude de cobramento.

10. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

11. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o importe de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

12. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

13. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación.

Contía das axudas

1. A subvención será do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas.

A subvención será do 50% dos gastos en servizos de consultoría subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 5.2.c) e 5.2.d), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda será do 7 de febreiro ás 9.00 horas ata o 7 de marzo ás 14:00 horas.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.

Referencia lexislativa

Resolución do 9 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.

As pemes individuais poderán presentar unha única solicitude para cada un dos catro tipos de proxecto dos definidos no artigo 1.1.a); no caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías, as persoas solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto dos definidos no artigo 1.1.b); non obstante as pemes poderán presentar ata catro proxectos individuais (un por cada tipo dos definidos no artigo 1.1.a) e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de proxectos aplicables (artigo 6).

b) As tres ofertas que deban ter solicitado.

c) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores destes, no caso de non estar inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Poder da persoa representante que presenta a solicitude, no caso de non estar inscritas no Rexistro Mercantil.

e) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 4.3. das bases reguladoras.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha trascripción desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste apartado, en base á información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos de transformación dixital das pemes non poderá superar o 30 de xuño de 2026.

As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 31 de outubro de 2025 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de outubro de 2025 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2026 no resto dos proxectos.