IG410A - AXUDAS ÁS AGRUPACIÓNS EMPRESARIAIS (CLÚSTERES) INNOVADORAS (2025)
Finalidade / Obxectivo
Apoiar proxectos compostos por plans de actuación que dean mellor sustento á competitividade sostible, á innovación e a cooperación empresarial en distintos ámbitos da actividade en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras galegas para a realización de actividades neses eidos.
Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada das actuacións que conforman o seu proxecto e que levará a cabo durante todo o prazo de execución. Estas actuacións, co gallo de non supoñer unha vantaxe económica directa e individualizada para empresas determinadas, deberán enmarcarse nun ou varios dos seguintes eidos:
- Accións de divulgación, sensibilización e concienciación de traballadores e directivos das empresas en temáticas relacionadas coa dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, a internacionalización, a hibridación intersectorial, etc.
- Actividades de difusión, foros ou seminarios sobre materias de impacto na competitividade empresarial.
- Elaboración de estudos, análises ou diagnósticos relacionados coas cadeas de valor ou as tendencias emerxentes.
- Plataformas, estudos ou sistemas de vixilancia tecnolóxica ou de mercados.
- Accións de prospección de mercados.
- Creación de bases de datos de talento, de profesionais ou de servizos especializados, ou calquera outra base de datos de interese para a agrupación.
- Accións de fomento e impulso da colaboración empresarial e sectorial.
- Desenvolvemento de mapas sectoriais, tecnolóxicos ou de capacidades, así como creación de observatorios relacionados coas tendencias e necesidades da actividade do clúster.
Non serán subvencionables as actuacións que supoñan unha axuda directa ou unha vantaxe económica manifesta para empresas concretas e individualizadas, nin aquelas que consistan nunha actividade económica da entidade solicitante, entendéndose por actividade económica toda aquela pola que a entidade perciba unha retribución de mercado.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios potenciais
1. As agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras, que se conciben como combinación no espazo xeográfico galego de empresas e centros tecnolóxicos, de investigación ou formación, públicos ou privados involucrados nun proceso colaborativo destinado a obter beneficios derivados da cooperación e cuxa actividade se organiza en torno a unha cadea de valor ou sector tecnolóxico ou a un mercado ou segmento de obxectivo, que cumpra algunha das seguintes condicións:
a) Entidades que teñan o seu domicilio social en Galicia e teñan en vigor á data da solicitude o recoñecemento como AEI (Agrupación Empresarial Innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clústeres expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis).
b) Entidades clúster que fosen beneficiarias na última convocatoria 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia (procedemento IG410A) ou beneficiarias na última convocatoria 2022 das axudas do Igape ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia (procedemento IG410A).
c) Entidades que sen cumprir ningunha das anteriores condicións, reúnan os seguintes requisitos:
i. Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.
ii. Que representen un ámbito de actividade ou unha cadea de valor cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1% do PIB da Comunidade Autónoma no ano 2023, que se calculará a partir da suma agregada da facturación dos CNAEs que definan o ámbito de actividade ou cadea de valor en Galicia.
iii. Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
iv. Que cando menos o 60% dos seus asociados directos sexan empresas e, destas, que o 50% ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.
v. Que teñan como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos, que serán acreditados con información de fontes amplamente recoñecidas de información financeira e empresarial:
1º) 30% da facturación do ámbito de actividade englobado.
2º) 10% das empresas do ámbito de actividade.
3º) 20% do emprego do ámbito de actividade.
vi. Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos asociados ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía, rexeitándose os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.
vii. Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar exclusivamente un negocio de proximidade ou local.
viii. Capacidade de execución de proxectos implicando aos seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 2 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas que representen ou asocien a varios clústeres, como entidades Meta-clúster ou Digital Innovation Hubs.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común.
4. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.
5. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, non poderán ser entidades beneficiarias as que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.
Cualificación requerida do proxecto
Criterios de valoración:
Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, polas características da agrupación clúster:
a) Importancia do ámbito da actividade na economía galega: 20 puntos.
Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.
Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.
Soporte da nova industria: telecomunicacións, enerxía, loxística.
b) O número de actuacións propostas que se van realizar: 2 puntos por cada actuación ata un máximo de 10 puntos.
c) O custo medio do conxunto de actuacións propostas: outorgando 20 puntos á proposta de menor custo medio e 0 puntos á proposta de maior custo medio; a puntuación das restantes será calculada mediante a seguinte fórmula: p= 20 - 20 (x – l)/(h-l). Sendo p, os puntos outorgados, l: o menor custo medio, h: o custo medio máis elevado e x: o custo medio da proposta que se vai avaliar.
d) Fortaleza da entidade clúster: número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia sobre o total de empresas do ámbito de actividade en Galicia: 1 punto por cada 10% ata un máximo de 10 puntos.
e) Capacidade de mobilización de proxectos. Teranse en conta os proxectos promovidos ou nos que fose participante a entidade clúster no último exercicio. Outorgarase un punto por proxecto no que só participe a entidade clúster e 2 por cada proxecto no que tamén participen empresas asociadas ata un máximo de 10 puntos.
f) Posuír a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster acreditada pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor ou estar inscrita no Rexistro de AEI (Agrupacións Empresariais Innovadoras) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo: 20 puntos.
g) Contribución da carteira de actuacións propostas á transformación dixital, á sostibilidade, á innovación, á expansión de mercados e internacionalización ata un máximo de 10 puntos.
No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a), b), c), d), e), f) e g) por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.
Investimentos ou gastos computables
Poderán concederse axudas aos custos de execución das accións propostos e aprobados seguintes:
1. Custos de persoal con contrato laboral, actual ou de nova contratación, na medida na que se dedique ás actuacións propostas pola entidade clúster.
Para os efectos desta axuda considéranse custos de persoal:
Salario bruto: retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración os finiquitos e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as dietas nin as compensacións de transporte ou comida. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estiveran recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar a persoa beneficiaria.
Non se aceptarán incrementos retributivos agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador que vaia a imputar horas ás actuacións subvencionables, no último exercicio. No caso de contratacións novas deberán declarar as condicións nas que se fará dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.
O persoal tamén poderá ser autónomo economicamente dependente da agrupación, conforme á Lei do Estatuto de Traballo Autónomo.
Un traballador con contrato laboral non poderá ao mesmo tempo facturarlle á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta. Para estes efectos a auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras deberá conter unha mención expresa sobre este extremo.
A retribución anual máxima subvencionable para calquera persoa asignada ao proxecto non poderá superará os 50.000 € brutos; o excedente, se é o caso, non será considerado na imputación. Para persoal de Dirección Xeral ou Xerencia das entidades beneficiarias, o límite de imputación a esta axuda establécese no 30% das horas dun ano laboral.
2. Os custos de colaboracións externas específicas e necesarias para a execución das actuacións.
3. Gastos indirectos da entidade: este concepto calcularase como un 10% dos custos de persoal imputados.
4. Custos de auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 17.6 destas bases reguladoras.
5. No suposto de que o importe do IVE dos gastos subvencionables supoña un custo real soportado pola persoa beneficiaria poderá ser considerado tamén un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da persoa beneficiaria con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase en base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade da persoa beneficiaria realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.
6. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que o presten. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir os requisitos de comparabilidade, non vinculación, identificación do ofertante e do destinatario e data.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables.
7. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
Contía das axudas
1. Con carácter xeral, a subvención será do 60% dos custos relacionados no artigo 5.
2. A intensidade da axuda poderá incrementarse ata un máximo do 70% nos seguintes casos:
a. Nun 5% adicional se a entidade participou polo menos en 2 proxectos a nivel nacional, nos últimos dous anos, resultando unha intensidade de axuda do 65%.
b. Outro 5% adicional, se a entidade participou polo menos en 2 proxectos a nivel europeo, nos últimos dous anos, resultando unha intensidade de axuda do 70%.
3. Alén do anterior, en calquera caso a subvención aos custos de auditoría será do 70% ata un máximo de 2.500 € por cada liquidación parcial.
O importe máximo subvencionable para unha única entidade establécese en 400.000 € e o importe mínimo establécese en 25.000 €. Unha entidade só poderá presentar un proxecto por convocatoria, no que incluirá todas as actuacións que se van realizar que respondan ás tipoloxías especificadas no presente artigo, para as que solicita a subvención.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda será de un mes contado desde as 9.00 horas do día 07/02/2025 ata as 14:00 h. do 07/03/2025
Incompatibilidades
Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do custo subvencionable aprobado.
Referencia lexislativa
Resolución do 9 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e condicións dos artigos 1 e 4 das bases reguladoras, a declaración dos gastos e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases.
b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
c) Acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 € as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Observacións
O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de setembro de 2026. As persoas beneficiarias deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención. O prazo para presentala rematará o 30 de setembro de 2026.
As persoas beneficiarias poderán, así mesmo, presentar solicitudes de cobramento parcial da subvención en cada anualidade do proxecto. Para o ano 2025 poderán presentar un máximo de dúas solicitudes de cobramento parcial, entre o 1 e o 31 de maio e o 1 e 30 de outubro, e para o ano 2026 poderán presentar solicitude de cobramento parcial entre o 1 e o 30 de abril, e a solicitude final ata o 30 de setembro.
No seu caso, as solicitudes de cobramento parcial do ano 2025, comprenderán gastos executados dende a data de presentación da solicitude de axuda ata a data de solicitude de cobramento parcial; no ano 2026, a solicitude de cobramento parcial comprenderá gastos dende a anterior solicitude de cobramento parcial ata a data de solicitude de cobramento parcial do 2026; e a derradeira, gastos dende a última solicitude de cobramento parcial presentada ata a data de xustificación final.