IG408L - IGAPE INNOVA - MELLORA DA CAPACIDADE DE INNOVACIÓN DAS EMPRESAS (2025)
Finalidade / Obxectivo
Incrementar a capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.
Liñas de actuación:
Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia competitiva.
Esta convocatoria finánciase con fondos propios.
Beneficiarios potenciais
1. Pequenas e medianas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.
Consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.
2. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:
a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.
f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Sectores incentivables
1. Poderán presentarse solicitudes a unha ou ambas as dúas liñas da presente resolución.
2. Cada liña recollerá actividades diferenciadas que estarán incluídas en plans de innovación en procesos e organización (no caso da Liña 1) e en plans de deseño para a innovación (no caso da Liña 2).
3. As actividades que se subvencionan para cada unha das liñas serán as indicadas no artigo 1 da presente convocatoria.
4. Os plans reunirán, necesariamente, as seguintes características:
a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades para cada unha das liñase permitirán implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras e de deseño da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable para cada plan será dun mínimo de 50.000 euros e dun máximo de 250.000 euros por plan. A presentación dun plan cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) A duración máxima de cada plan será ata o 30 de outubro de 2026; a presentación dun plan cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
5. Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.
6. Será requisito indispensable o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3).
7. Considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.
Requisitos principais do proxecto
1. Os plans de innovación e deseño estarán constituídos por un conxunto completo e coherente de actividades enfocadas a implementar melloras significativas nas funcións empresariais relacionadas coa produción, deseño, prestación e distribución de produtos, bens e servizos, así como nos métodos organizativos e prácticas comerciais empregadas pola empresa, e que permitan incrementar a capacidade innovadora e de deseño dando lugar a diferenzas substanciais, non exclusivamente tecnolóxicas, coas prácticas anteriores.
As actuacións deben circunscribirse ao estudo, deseño, posta en marcha e validación das innovacións a nivel de pilotos ou demostrativos, coa finalidade de diferenciar estes das implantacións con carácter produtivo e comercial na empresa, que terían a consideración de actuacións e custos correntes.
* Condicións particulares de cada liña:
a) Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
1º Innovación en procesos.
Unha innovación en procesos fai referencia a un proceso novo ou mellorado para unha ou máis funcións de negocio que difiren significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que se poñen en uso por primeira vez na empresa. A continuación, lístanse exemplos de innovación en procesos:
• Métodos de fabricación ou produción de bens ou servizos innovadores, incluíndo enxeñería e probas técnicas de soporte á produción. Tamén inclúe as actividades para conseguir, identificar, desenvolver ou adaptar procesos. Esta función pode ser levada a cabo de forma sistemática ou ad hoc, tanto dentro da empresa como externamente.
• Sistemas loxísticos ou métodos de entrega ou distribución: transporte e servizos de entrega, almacenaxe e xestión de pedidos.
• Métodos de procesamento de información ou comunicación con intensificación tecnolóxica.
• Métodos de márketing para promoción, embalaxe, fixación de prezos, posicionamento do produto ou servizos pos-venda. Admitiranse actuacións de definición ou testaxe de innovacións en novos procesos ou significativamente mellorados con esta finalidade. Non se admitirán implementacións finalistas e, polo tanto, directamente vencellados a obxectivos e retornos comerciais.
• Innovacións en procesos con beneficios medioambientais, inclúe entre outros: a redución do uso de material, auga, enerxía, pegada de carbono; a redución da contaminación (solo, acústica, auga ou aire); a substitución de materiais por outros menos contaminantes ou perigosos, así como enerxías máis limpas; ou reciclaxe de produtos/materiais ou extensión da vida útil.
• Testaxe a escala preindustrial e pilotos de tecnoloxías facilitadoras (TFE) relacionadas coa: nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados e fabricación e procesamento avanzado, nas que se inclúen especificamente a intelixencia artificial, ciberseguridade, impresión 3D, automatización avanzada e robótica, realidade aumentada, etc.
2º Innovación en organización.
Método novo ou mellorado para unha ou máis funcións relativas á organización empresarial e as súas interaccións, que difiren significativamente dos métodos anteriores da empresa e que se poñen en uso por primeira vez. A innovación ten un alcance ou percepción a nivel de empresa, sendo para esta a novidade ou mellora significativa, aínda que non o sexa para o seu sector ou mercado.
i) Creación de departamentos/unidades de I+D+i.
• Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado.
• Creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.
ii) Deseño e desenvolvemento de novos procesos de organización que impacten, entre outros: nos métodos de produción, distribución, así como a experiencia do usuario, tanto no sector industrial como de servizos.
iii) Validación, a través de pilotos, de novos métodos ou metodoloxías enfocadas á:
• Mellora organizacional no negocio ou a organización do traballo.
• Xestión do coñecemento ou a toma de decisións.
• Xestión dos recursos humanos e a responsabilidade social.
• Relacións cara o exterior (con provedores, clientes, intermediarios…).
• Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta.
• Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou a apertura de novos mercados. Non se inclúen as actuacións relativas á comercialización que non poidan ser considerados pilotos de innovación.
b) Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
1º Deseño de produto/servizo.
Concepción e desenvolvemento de produtos/servizos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.
Para isto, as actividades subvencionables de cada unha das fases do plan de deseño deberán incluír:
Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.
Esta fase ten como obxectivo a análise do contexto do proxecto, a definición de claves para o deseño e a materialización de solucións en forma de conceptos visuais. Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de produtos/servizos, nos seguintes ámbitos.
• 1.2 Briefing: Resumo do posicionamento, insights e keys de deseño. Obxectivos e especificacións de deseño.
• Conceptualización-brainstorming: conceptos e estilo do produto con base nas solucións asociadas a obxectivos; presentación de conceptos de produto-estilo asociado a unha aproximación a custos e investimentos; selección final.
Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.
Esta fase ten como obxectivo definir integramente o deseño a partir do concepto seleccionado na fase I, así como da súa arquitectura xeral e despezamento, tanto desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo como económico.
Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• 2.1. Deseño de detalle:
- Deseño funcional e dimensional do produto: análise de todos os usos para garantir o correcto funcionamento e a interacción co usuario. Definición da arquitectura de produto e despezamento.
- Selección de materiais, procesos e compoñentes.
- Refinamento estético (axuste de proporcións e encontros entre os diferentes compoñentes).
- Deseño de gráfica aplicada. Selección de acabados. Integración da marca.
• 2.2. Desenvolvemento:
- Definición técnica dos diferentes compoñentes (adecuación a cada proceso produtivo e optimización da montaxe e transporte).
- Desenvolvemento dos diferentes sistemas e mecanismos; modelado 3D das pezas e xeración de planos para produción.
Fase III: Preindustrialización.
Esta fase ten como obxectivo integrar todas as melloras necesarias nas diferentes pezas e compoñentes do produto. Elaborarase o material necesario para a contratación de útiles ou moldes de fabricación e a produción dos diferentes compoñentes para a súa produción seriada.
Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• 3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.
• 3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.
• 3.3. Solucións para mantemento e reparación.
• 3.4. Especificacións de montaxe.
Nos proxectos de deseño de produto /servizo tamén se poderán considerar outras disciplinas do deseño para a innovación que se interrelacionen para a consecución do resultado final do dito proxecto, son as seguintes:
• Deseño circular: mediante esta liña de subvención, preténdese impulsar o deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables. Esta convocatoria pretende poñer en marcha novas solucións sustentables para contribuír á transición ecolóxica mediante o deseño de novos produtos.
• Deseño dixital: nos casos nos que o deseño do produto supoña o desenvolvemento de deseños dixitais, poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo produto.
• Deseño de identidade de produto: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto.
Cualificación requerida do proxecto
A avaliación de cada plan de innovación e deseño realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros establecidos nas bases reguladoras.
Investimentos ou gastos computables
1. Custos directos:
a) Custos de persoal, propio ou de nova contratación, rexeranse polo disposto no artigo 8 destas bases.
b) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan que constitúe o obxecto da subvención. Rexeranse polo disposto no artigo 9 destas bases. A subcontratación máxima será do 50 % do custos directos elixibles do plan.
c) Custos de material, subministracións e produtos similares.
- Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades do plan.
- Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto, xa que se consideran incluídos dentro da porcentaxe de custos indirectos.
- Entrarán neste concepto do custo as licenzas de software mediante subscrición, pagamento por uso, ou similar.
d) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, así coma a obtención de certificacións.
- No relativo a patentes, inclúese a xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade intelectual tanto en España coma internacionalmente, excluíndo o mantemento ou ampliación das existentes.
- As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realice en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.
- No relativo á obtención de certificacións, aceptaranse os custos de normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como Pequena ou Mediana Empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da Xove Empresa Innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas que se consideren axeitadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.
e) Custos de servizos de asesoramento en materia de deseño e/ou innovación empresarial: consultoría, e asistencia nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan, así como a consultoría e a asistencia sobre a introdución ou a utilización de tecnoloxías e solucións innovadoras (incluídas as tecnoloxías e as solucións dixitais).
f) Custos de servizos de apoio en materia de innovación: a subministración ou accesos a bases de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio, experimentación e certificación ou outros servizos relacionados –incluídos os servizos prestados por organizacións de difusión de investigación e coñecementos, infraestruturas de investigación e infraestruturas de ensaio e experimentación ou outras agrupacións empresariais innovadoras, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces ou tecnoloxicamente avanzados, incluída a aplicación de tecnoloxías e solucións innovadoras (incluídas as tecnoloxías e as solucións dixitais).
g) Custos de adquisición de propiedade industrial: corresponden exclusivamente á adquisición de licenzas de propiedade industrial, que deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.
h) Custos de equipamento e material instrumental inventariables, de nova adquisición.
Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.
Se o equipamento e material se dedican exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición.
A compra de novas licenzas e as renovacións de licenzas de software están dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral e son coherentes cos obxectivos presentados na memoria técnica.
A instalación do equipamento ou material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.
Tamén se inclúen os activos necesarios para o prototipado ou validación de pilotos.
Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
• Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao finalizar o contrato de leasing.
• Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.
• As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data de presentación da solicitude da subvención. Só se poderán imputar as cotas pagadas dentro do período de execución de cada anualidade.
• Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.
2. Custos indirectos, que son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. O custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 20 % aos custos directos do plan.
3. En ningún caso poderá concertar a empresa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos ou subministracións subvencionadas coas persoas ou entidades relacionadas no punto 5 do artigo 9 destas bases reguladoras.
4. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
5. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de produtos ou servizos existentes, de procesos produtivos ou de procesos en materia de organización, que non supoñan unha innovación.
En concreto exclúense os custos derivados de:
a) O cumprimento de normativa obrigatoria.
b) As análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Implantación de certificados de calidade, medio ambiente, boas prácticas ou similares.
d) Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
e) Calquera tipo de acción formativa.
f) Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERPs, CRMs, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
g) Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
h) Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
i) Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións, etc.).
j) Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de innovación e deseño:
zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina.
k) Investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.
En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Contía das axudas
• Liña 1: Plan de innovación
Orzamento: De 50.000 € 250.000 €
Subvención peme: De 25.000 € a 125.000 € (50%)
• Liña 2: Plan de deseño
Orzamento: De 50.000 € 250.000 €
Subvención peme: De 25.000 € a 125.000 € (50%)
Subvención Gran empresa: De 12.500 € a 62.500 € (25%) / De 20.000 € a 100.000 € (ata o 40%)
* No caso de plans para o desenvolvemento experimental de proxectos de deseño postos en marcha por grandes empresas, a intensidade da axuda poderá aumentar ata o 40 %.
Esta ampliación aplicarase cando os resultados do proxecto de desenvolvemento de deseño se difundan amplamente por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará o 10 de febreiro de 2025 ás 9:00 h e rematará o 10 de marzo de 2025 ás 14:00 h
Incompatibilidades
Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) 651/2014 que se indican e que teñen a consideración de intensidade máxima.
Referencia lexislativa
Resolución do 13 de xaneiro de 2025 (DOG Nº8 do 14/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.
* Documentación complementaria:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de plans aplicables (artigo 7).
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia deban ter solicitado.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.
f) En relación á declaración doutras axudas para o mesmo plan, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos medios de proba establecidos nas bases.
Observacións
Prazo de execución dos plans de deseño e innovación: comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de outubro de 2026.
As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 30 de outubro de 2025 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de outubro de 2025 ou anterior, e como máis tarde o 30 de outubro de 2026 no resto dos proxectos.
As persoas beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 70 % da subvención.