IN422P- AUTOMOCIÓN - LIÑA 3. ENERXÍAS RENOVABLES E HIDRÓXENO RENOVABLE (2025)

Finalidade / Obxectivo

Apoiar á industria da automoción galega dentro do Plan de Apoio á Descarbonización e Transición ao Vehículo Eléctrico do Sector da Automoción de Galicia, mediante apoios en tres tipoloxías ou liñas de proxecto de actuación: desenvolvemento tecnolóxico e innovación de procesos ou organización, investimento produtivo e Renovables.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas das liñas 1 e 3 da presente convocatoria están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:

Liña 3: Enerxías renovables e hidróxeno renovable.
Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.
Prioridade 2A: Transición Verde.
Obxectivo específico: RSO2.2. Fomento das enerxías renovables de conformidade coa Directiva (UE) nº 2018/2021, en particular os criterios de sustentabilidade que nela se detallan.
a) Cando as axudas promovan as enerxías renovables térmicas e eléctricas:
– Actuación: 2.2.01 Incentivos ás enerxías renovables térmicas e eléctricas.
– Ámbito de intervención:
048: Enerxía renovable solar.
049: Enerxía renoble biomasa.
052: Outras enerxías renovables (incluída a xeotermia).
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización:
• RCO22-Capacidade de produción adicional de enerxía renovable (MW).
– Indicador de resultado:
• RCR29-Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./
ano).
• RCR32-Capacidade operativa adicional instalada para enerxía renovable (MW).
b) Cando as axudas promovan o hidróxeno verde:
– Actuación: 2.2.02 Incentivos aos gases de orixe renovable.
– Ámbito de intervención:
086. Infraestruturas para combustibles alternativos
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización:
• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
• RCO01-Empresas apoiadas.
– Indicador de resultado:
• RCR02-Investimento privado que acompaña o apoio público (euros)

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado.

Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao corrente de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.
e) As que entren dentro da categoría de empresas en crise.
Para o caso das agrupacións de empresas ás que se fai referencia na liña 1, cada unha das integrantes da agrupación deberán de reunir todos os requisitos establecidos neste artigo.

Sectores incentivables

Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

Investimentos para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable conforme ao disposto nas disposicións específicas para a liña 3.

-A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude.

-O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar o 31 de outubro de 2026.

- As empresas interesadas poderán presentar unha única solicitude de axuda a cada liña definida. De presentárense máis dunha á mesma liña, arquivaranse automáticamente as rexistradas despois da primeira, agás desistencia expresa de algunha das outras por parte da persoa solicitante.
Unha vez presentadas, as solicitudes non poderán modificarse.

- Establécese un importe máximo acumulado por empresa na mesma convocatoria de 10.000.000 €

Investimentos ou gastos computables

1. Condicións dos proxectos.

Poderán ser subvencionables os investimentos realizados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 31 de outubro de 2026. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

O investimento mínimo para que un proxecto sexa subvencionable establécese en 100.000 €.

No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:
1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
As actuacións que poidan afectar a espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao amparo da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.
As actuacións que poidan afectar a bens culturais ou á súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.
En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, non serán subvencionables os gastos de apoio á reubicación.
2. Conceptos subvencionables.
Serán subvencionables os investimentos para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable.
Teranse en conta as seguintes consideracións xerais:
a) No caso de proxectos relacionados co aproveitamento de enerxías renovables para a xeración de electricidade, só serán elixibles aqueles destinados ao autoconsumo. Non serán elexibles as instalacións que utilicen como recurso a enerxía eólica.
b) Axudas ao investimento para proxectos de almacenamento de electricidade unicamente na medida na que se concedan a proxectos combinados de enerxía renovable e almacenamento (behind-the-meter - «tras o contador»), sempre que ambos elementos sexan compoñentes dun único investimento ou que o almacenamento estea conectado a unha instalación de enerxías renovables existente. O compoñente de almacenamento absorberá polo menos o 75 % da súa enerxía de instalacións de xeración de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual, non sendo subvencionables as baterías de chumbo-ácido. As mesmas normas serán de aplicación ao almacenamento térmico conectado directamente a unha instalación de produción de enerxías renovables.
c) Axudas ao investimento para instalacións de produción, distribución e/ou consumo de hidróxeno renovable unicamente na medida na que a electricidade utilizada para a produción no electrolizador sexa de orixe renovable. Para a acreditación da orixe renovable da electricidade estarase ao disposto no Regulamento delegado (UE) 2023/1184 polo que se completa a Directiva (UE) 2018/2001 sobre fontes de enerxía renovable.
As instalacións de hidróxeno verde deben supoñer unha mellora ambiental efectiva e reducir as emisións de dióxido de carbono por medio do uso de fontes renovables de forma directa e/o indirecta, o que deberá xustificarse na memoria descritiva. Esta redución das emisións de gases de efecto invernadoiro na utilización do hidróxeno como combustible para o transporte será do 70 %, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa, e calcularase de acordo coa metodoloxía establecida no Regulamento (UE) 2023/1185.

d) No caso de instalacións de biocarburantes, biolíquidos, biogás, e combustible de biomasa deben xustificar que cumpren os criterios de sostibilidade e redución das emisións de gas de efecto invernadoiro da Directiva (UE) 2018/2001 e os seus actos de execución ou delegados e se produciran a partir das materias primas enumeradas no anexo IX de dita Directiva.

Serán subvencionables proxectos de biogás e/o biometano e os equipos e infraestructuras necesarios para o aproveitamento enerxético dese gas renovable, de forma que a produción do biogás/biometano realícese en plantas asociadas aos recursos e demandas locais. A produción de biogás/biometano realizarase en plantas de dixestión anaerobia asociadas que utilicen como materia prima biorresiduos urbanos ou municipais xa separados ou lodos de plantas de depuración de augas. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable xerado ao autoconsumo enerxético, identificando e confirmando os compromisos de consumo. As instalacións de biogás deberán lograr unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de, polo menos, un 80 % no caso de producir electricidade ou calor, e igual ou superior ao 65 % no caso de producir biogás/biometano para uso en transporte, de acordo coa metodoloxía establecida no Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa. No caso de depuradoras de augas residuais, serán elixibles exclusivamente os custos a partir do proceso dixestión anaerobica.

Serán custos subvencionables os custos totais do investimento asociado á xeración renovable, en concreto considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, a dirección facultativa, a obra civil relacionada coa actuación, o prezo dos equipamentos, os accesorios e elementos de interconexión, a súa montaxe e posta en marcha así como os compoñentes de protección, regulacion e control. Serán de aplicación os seguintes custos elixibles máximos en función da potencia e requisitos específicos para as seguintes tecnoloxías:

1. Renovables eléctricas.
Investimento elixible máximo (IVE non incluído):
Fotovoltaica 1.000 €/kW
Almacenamento (baterías) 750 €/kWh

2. Renovables térmicas.
Investimento elixible máximo (IVE non incluído):
Biomasa 450 €/kW
Aerotermia 1.000 €/kW
Xeotermia 1.800 €/kW
Solar térmica (paneis planos) 1.000 €/kW
Solar térmica (tubos de baleiro) 1.500 €/k

3. Conceptos non subvencionables.

a) Os gastos de legalización.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) As operacións de mantemento e de gastos de funcionamento funxibles.
e) As instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda.


Contía das axudas

A intensidade de axuda a aplicar sobre o custo subvencionable, en función da tipoloxía de proxecto e da tipoloxía de empresa, é a que se indica a continuación (para a determinación do tamaño de empresa terase en conta a metodoloxía do anexo I do Regulamento 651/2014):

Proxectos de enerxías renovables (1)
Gran empresa - 45/30 %
Mediana empresa - 55/40 %
Pequena empresa – 65/50 %

(1) A primeira porcentaxe aplicarase aos investimentos asociados á xeración de enerxía procedente de fontes renovables e o segundo a aqueles investimentos non asociados á xeración (almacenamento enerxético, equipos consumidores de hidróxeno renovable, etc.).

A axuda máxima por solicitude establécese en 1.000.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 11 de febreiro de 2025 ás 9.00 horas e rematará o 30 de abril de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos custos subvencionados.

Referencia lexislativa

Resolución do 13 de xaneiro de 2025 (DOG Nº8 do 14/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.

* Documentación complementaria:

a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas deberán achegar escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

b) Ofertas: as tres ofertas que debe ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.
No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas non será preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación suscrito por sociedade de taxación homologada.

c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias acreditarán o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores.

* Documentación específica:
a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) segundo a tipoloxía do proxecto.

b) Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipo, potencia nominal e rendemento enerxético.

c) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes achegar tamén fotografías destes.

d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Croques ou planos nos que se localicen os equipamentos na edificación.

e) Nos proxectos que inclúan infraestruturas cunha vida útil superior a 5 anos, acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as Orientación técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva ao efecto a Autoridade de Xestión ou o Organismo Intermedio dos Programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021- 2027. A análise realizarase utilizando as Guías elaboradas ao efecto pola Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos que pode descargar aquí https://igape.gal/gl/guia-climate . Nos proxectos nos que resulte preceptiva, pode integrarse na Avaliación de Impacto Ambiental.

f) Proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará o 31 de outubro de 2026.

A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun mes a partires da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión. Para estes efectos:
– Imputaranse á anualidade 2025 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 30 de novembro de 2025.
Os gastos executados a partir do 1 de decembro de 2025 poderán impultarse con cargo á xustificación da anualidade 2026.
– Imputaranse á anualidade 2026 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 31 de outubro de 2026.

En todas as liñas resolverase a concesión de axuda e un anticipo do 80 % da axuda.

A liña 3 será xestionada polo Inega.