IG408M - INTELIXENCIA ARTIFICIAL IA360 - DESENVOLVEMENTO DE TECNOLOXÍA PARA COMERCIALIZAR NOVOS PRODUTOS E SERVIZOS BASEADOS EN IA (2025)

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é apoiar ás pemes e grandes empresas de Galicia no desenvolvemento tecnolóxico e a innovación a través do uso da Intelixencia Artificial.
Terán consideración de actuacións subvencionables os proxectos de desenvolvemento de casos de uso de Intelixencia Artificial para a mellora da actividade económica e industrial e para a comercialización de novos produtos e servizos.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia non competitiva.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

Esta convocatoria enmárcase no Investimento C16.R01 comprendida no Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que contribúe aos fitos 251 e 253. Contribuirá ao cumprimento dos obxectivos asociados á mesma, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a nivel europeo e nacional.

Estas axudas contribúen á transición dixital na actividade etiquetada como «convocatoria integración IA en cadeas de valor (Etiqueta 009bis)» no compoñente 16 da Estratexia nacional de Intelixencia artificial. En particular, contribúen á transición dixital da seguinte maneira:
• Investimento en I+D na área dixital.
• Dixitalización de empresas.
• Investimentos en capacidades dixitais e despregamento de tecnoloxías avanzadas.

A presente convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia (25 %) e cofinanciaranse (75 %) con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do compoñente 16, Estratexia Nacional de Intelixencia artificial, Reforma 1, Estratexia Nacional de Intelixencia artificial, ao amparo das Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH) e dentro do Proxecto «Cadea de Valor en Intelixencia artificial».

Beneficiarios potenciais

1. As empresas de calquera sector galegas ou cun centro de traballo en Galicia, que realicen calquera actividade económica coa excepción, cando resulte de aplicación a cada Liña o Regulamento de minimis, das actividades excluídas por este:

• A produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.
• A produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros.

Asemade, non poderán ser consideradas como persoas beneficiarias todas aquelas empresas que se dediquen a sectores especificamente excluídos en materia de investigación, desenvolvemento e innovación polo Regulamento (UE) 651/2014.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.
d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, cando este resulte de aplicación ás Liñas.
e) Só poderán ser beneficiarias das presentes subvencións as persoas ou entidades que realicen actividades que cumpran a lexislación ambiental nacional e da UE pertinente.

Requisitos principais do proxecto

As entidades solicitantes das axudas previstas nesta Liña A deberán seleccionar no formulario de solicitude o réxime xurídico que lles será de aplicación, podendo escoller:

a) Réxime de minimis (Regulamento (UE) 2023/2831).

b) Réxime de exención por categorías (Regulamento (UE) 651/2014).

En función da elección realizada, resultarán de aplicación as disposicións comúns e específicas desta Liña que concretamente se refiran ao réxime seleccionado, así como calquera outras que non sexan exclusivamente aplicables ao outro réxime.

Para efectos desta convocatoria e da elixibilidade dos proxectos, os casos de uso deberán partir dun nivel de madurez tecnolóxica correspondente polo menos a TRL 6, todo iso de conformidade coas descricións previstas no Anexo III.

Cada proxecto debe pertencer a unha categoría, subcategoría e temática, ou varias delas, das indicadas nas bases reguladoras.

CATEGORÍAS
- Planificación integrada
- Operacións e procesos
- Fiabilidade e mantemento
- Loxística
- Servicio post delivery

Cualificación requerida do proxecto

Terán consideración de actuacións subvencionables os proxectos de desenvolvemento de casos de uso de Intelixencia Artificial para a mellora da actividade económica e industrial e para a comercialización de novos produtos e servizos.

Para efectos desta convocatoria e da elixibilidade dos proxectos, os casos de uso deberán partir dun nivel de madurez tecnolóxica correspondente polo menos a TRL 6, todo iso de conformidade coas descricións previstas no Anexo III.

Investimentos ou gastos computables

O orzamento mínimo dos proxectos será de 100.000 euros.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros.

Non serán subvencionables en ningún caso impostos, intereses e gastos financeiros, e taxas.

Os gastos subvencionables axústanse ás seguintes limitacións:

• A imputación de gastos de persoal está limitada á nova contratación de persoal temporal e aos custos de persoal indefinido para actividades directamente relacionadas cos compoñentes descritos na execución dos proxectos e só serán subvencionables na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

• A imputación de gastos de equipamento está limitada aos custos de amortización de equipamento novo que é necesario para a execución dos proxectos.

• A imputación de gastos de obras civís está limitada a obras de acondicionamento necesarias para a posta en marcha de equipamento adquirido con cargo aos proxectos e só serán subvencionables na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

• A imputación doutros gastos está limitada a gastos non recorrentes e estritamente relacionados coa execución dos proxectos, que non se corresponden a custos de persoal e equipamento incluíndo, entre outros, custos de funxible e subcontratacións, ata o límite permitido pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións.

• Poderanse imputar custos indirectos ata un quince por cento (15 por 100) da suma dos custos directos debidamente xustificados nos termos que se establecen na Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

• Non se poderán imputar custos financeiros nin impostos indirectos, tales como o Imposto sobre o Valor Engadido e o Imposto Xeral Indirecto Canario.

Non se financiarán gastos orzamentarios ordinarios e recorrentes. Todos os gastos deberán responder de maneira indubitada á natureza da actividade en relación aos compoñentes, fitos e obxectivos, seleccionados para o seu financiamento polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que, en todo caso e circunstancias, deberán contribuír aos fitos e obxectivos da medida.

En materia de ofertas de provedores, vinculación empresarial e morosidade estarase ao establecido no artigo 5 das presentes bases.

O período subvencionable e o efecto incentivador estarán condicionados ao réxime xurídico escollido pola entidade solicitante. Así pois, quedarán definidos como segue:

a. Réxime de minimis (Regulamento (UE) 2023/2831): o período subvencionable das actuacións poderá comezar o día 1 de xaneiro de 2025 e a execución e xustificación axustaranse ao especificado no apartado quinto da resolución de convocatoria das presentes bases de axudas.

b. Réxime de exención por categorías (Regulamento (UE) 651/2014): poderán ser subvencionables os investimentos realizados desde a data de presentación da solicitude de axuda e deberán de axustarse aos prazos de execución e xustificación establecidos no apartado quinto da resolución de convocatoria das presentes bases de axudas. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación en que a empresa incorrería en calquera caso.

Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a entidade solicitante deberá presentar a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser efectuados con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto.Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Contía das axudas

Desenvolvemento experimental.
Pequenas empresas: 45%
Medianas empresas: 35%
Grandes empresas: 25%

Desenvolvemento experimental con ampla difusión dos resultados do proxecto por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta

Pequenas empresas: 60%
Medianas empresas: 50%
Grandes empresas: 40%

En calquera caso, a intensidade máxima de axuda non superará:

- 1.000.000 euros nos casos en que resulte aplicable o Regulamento (UE) 651/2014.

- 300.000 euros cando resulte aplicable o Regulamento (UE) 2023/2831, atendendo en todo caso ao previsto no artigo 3.3 destas bases achega do límite de axudas percibidas nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comeza o 10 de febreiro e rematará ás 14:00 horas do 30 de abril de 2025.


Incompatibilidades

1. As axudas concedidas ao amparo das presentes bases serán compatibles con calquera outra axuda, ingreso ou recurso para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado, sempre que a intensidade de axuda acumulada non supere o importe da actuación e, cando resulte de aplicación a cada Liña, non se supere a intensidade permitida no Regulamento (UE) 651/2014.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape para os mesmos gastos e investimentos.

3. No caso de que, conforme ás disposicións específicas de cada Liña, lles sexa de aplicación o réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 € nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 13 de xaneiro de 2025 (DOG Nº8 do 14/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria 2025
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.

Cada empresa só poderá presentar unha solicitude de axuda por cada unha das liñas (A, B e C). As tres liñas son compatibles entre si, podendo beneficiarse as empresas do ciclo completo (Intelixencia Artificial 360).

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

b) As tres ofertas, no caso de proxectos iniciados con anterioridade á presentación da solicitude.

c) Aquelas entidades beneficiarias que desenvolvan actividades económicas, consonte o artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, acreditarán a inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retenedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou no censo equivalente da Administración Tributaria Autonómica, que debe reflectir a actividade económica efectivamente desenvolta á data de solicitude da axuda.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004.

2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

As solicitudes deberán de vir acompañadas cunha memoria técnica e económica do proxecto, que deberá conter, polo menos, a información detallada nos seguintes puntos:

– Descrición do proxecto para desenvolver definindo o problema ou necesidade detectada e os obxectivos para alcanzar.

– Descrición económica do proxecto que consistirá no desenvolvemento dun orzamento total e detallado do proxecto.

– Se se solicitou o 15 por 100 adicional de axuda para a difusión do proxecto deberá presentar o plan difusión do proxecto e dos resultados do mesmo.

Ademais, e no caso de que se escollera a aplicación do Regulamento de minimis, para investimentos e gastos realizados antes da data de solicitude de axuda, achegarase:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente.
b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución (Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario,) ou informe dun auditor de contas.

Observacións

Os prazos de execución e xustificación das actuacións serán:
Desde a data de solicitude ata o 31 de outubro de 2025 o prazo de xustificación será o 1 de decembro de 2025.
O prazo de execución desde o 1 de novembro de 2025 ata o 9 de xaneiro de 2026 o prazo de xustificación será o 30 de xaneiro de 2026

Unha vez pronunciada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións, sen prexuízo do establecido no artigo 15 l) destas bases no relativo á consecución de obxectivos, que non serán consideradas modificacións.