IG408E - AXUDAS DE XUROS EN PRÉSTAMOS CONCEDIDOS CON FONDOS PÚBLICOS (2025)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 25 de febreiro de 2025 (DOG Nº45 do 06/03/2025) - Bases reguladoras
- Extracto das bases
Finalidade / Obxectivo
Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación da subvención de xuros de préstamos subscritos coas entidades e para as modalidades de financiamento subvencionable especificadas no anexo I destas bases:
Entidades e modalidades de financiamento.
• Xesgalicia-Sodiga Galicia, Sociedad de Capital Riesgo, S.A., Fondo Galicia Compite FICC, Galicia Iniciativas Emprendedoras, FICC, Fondo Galicia Innova Tech, FICC:
Todas as modalidades de financiamento.
• Instituto de Crédito Oficial:
- Liña ICO-Verde de financiamento directo.
- Liñas de financiamento directo ICO do Plan de recuperación e resiliencia.
• Banco Europeo de Investimentos (BEI):
- Liñas de financiamento directo BEI
- Instrumento financeiro de cofinanciamento BEI MRR
Tipos de apoio
subvención de xuros en réxime de concorrencia non competitiva.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas titulares de préstamos concedidos e formalizados a partir do ano 2020, para o desenvolvemento de proxectos empresariais con impacto directo en Galicia, coas entidades e modalidades relacionadas no anexo I, que se atopen ao día nos pagamentos nos ditos préstamos, que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia e que teñan os seus centros de traballo localizados maioritariamente nesta comunidade autónoma.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.
c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004 pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Contía das axudas
1. A axuda consistirá na subvención dos xuros das operacións de préstamo contratadas a partir do 1 de xaneiro de 2020 coas entidades e nas modalidades relacionadas no anexo I, co obxecto de desenvolver proxectos empresariais con impacto directo en Galicia. O importe da subvención que se conceda será o menor dos seguintes importes:
a) Un máximo de 3 puntos porcentuais de xuros calculados na taxa anual equivalente sobre o capital vivo previsto no contrato en cada período de liquidación, segundo o pactado no contrato de financiamento ou póliza de préstamo, que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.
b) O importe bruto total dos xuros ordinarios que se xeren e que se deberán pagar entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026. Para estes efectos, consideraranse pagadas no período as retencións sobre os rendementos de capital que figuren incluídas, de ser o caso, nas liquidacións de xuros correspondentes.
c) O importe que, sumado ás axudas de minimis percibidas pola titular e sociedades vinculadas nos tres últimos anos, falte para chegar ao límite de axudas de minimis aplicable á persoa beneficiaria.
Respecto das alíneas a) e b) anteriores asúmense as hipóteses seguintes:
– Mantemento do capital vivo previsto no calendario de amortización en vigor no momento da solicitude, sen amortizacións anticipadas.
– Nos préstamos a tipo variable e nos préstamos participativos, para a determinación da axuda que se vaia conceder, considérase o tipo de xuro en vigor no momento da solicitude.
A subvención concedida terá un carácter de subvención máxima. No momento da liquidación, nos casos de amortizacións anticipadas, e/ou nos supostos en que durante o período de liquidación o tipo de xuro aplicado rexistre unha baixada respecto ao tomado en conta para o cálculo da axuda na resolución de concesión, o importe da axuda será axustado para que o importe bruto da subvención non supere en ningún caso o importe dos xuros ordinarios efectivamente aboados pola persoa beneficiaria no préstamo subvencionado.
3. A axuda será aboada ás persoas titulares na conta bancaria que designen.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que se esgote o crédito orzamentario.
b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.
Incompatibilidades
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.
A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros durante os tres anos previos á concesión da subvención. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 50.000 euros.
No caso de que a axuda calculada conforme o punto primeiro supere os límites indicados no punto 4, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites. Será causa de denegación se as axudas de minimis xa percibidas nos tres anos previos á concesión da subvención superan os ditos límites.
Referencia lexislativa
Resolución do 25 de febreiro de 2025 (DOG Nº45 do 06/03/2025) - Bases reguladoras
Información e tramitación
1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través de https://spiga-sede.igape.es/ Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es/
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude exerza a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen detectar excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
b) Pólizas ou contratos de financiamento das operacións das cales se solicita subvencionar os xuros.
c) Certificación emitida pola entidade prestamista, en que se identifiquen a titular, a operación financeira, a modalidade de operación, o capital vivo nas datas 31.12.2024 e de emisión, e que indique expresamente que non ten cantidades vencidas pendentes de pagamento. Para o caso de préstamos a tipo de xuro variable, deberá incluír o tipo de xuro nominal anual aplicable en 1.1.2025 e as modificacións producidas ata a data de emisión do certificado.
d) Memoria explicativa do proxecto empresarial que se financia co préstamo para o que se solicita a subvención, que detalle os investimentos e gastos financiados e o impacto para as actividades da empresa en Galicia.
e) Cadro de amortización que detalle claramente o capital vivo previsto nos períodos de liquidación de xuros comprendidos entre o 1.1.2025 e o 31.10.2026.
Observacións
Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria, dentro dos prazos establecidos no punto 4 deste artigo, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación.
Establécense dous prazos de presentación de solicitudes de cobramento:
a) Desde o 1.11.2025 ata o 15.11.2025, para o cobramento das liquidacións de xuros xerados e pagados desde o 1.1.2025 ata o 31.10.2025.
b) Desde o 1.11.2026 ata o 15.11.2026, para o cobramento das liquidacións de xuros xerados e pagados desde o 1.11.2025 ata o 31.10.2026.
As persoas beneficiarias deberán xuntar, en cada unha das liquidacións, os xustificantes que acrediten o pagamento dos xuros obxecto de subvención no período correspondente, os cales poderán consistir en documentos acreditativos das liquidacións ou boletas bancarias, en que se detalle o capital vivo, o período de liquidación e o tipo de xuro aplicado, mais o extracto bancario que xustifique o cargo na conta. Alternativamente, poderán achegar un certificado emitido pola entidade prestamista en que figuren os devanditos datos e mais as datas de pagamento de cada unha das liquidacións.