IG422B - FOEXGA - FOMENTO DAS EXPORTACIÓNS GALEGAS (2025)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 31 de marzo de 2025 (DOG Nº70 do 10/04/2025) - Bases reguladoras
- Extracto das bases
Finalidade / Obxectivo
O obxectivo principal destas axudas é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
O Igape publicará na súa páxina web https://www.igape.gal/gl/pemes-e-autonomos/internacionalizacion a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras adheridas ao programa.
As entidades colaboradoras serán as encargadas de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións.
Tipos de apoio
Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva. Réxime de mínimis.
Programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento FEDER do 60 %, computándose como cofinanciamento nacional polo 40 % restante, parte de cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible dos beneficiarios.
En particular:
Obxectivo Político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A Transición dixital e intelixente.
Obxectivo Específico 1.3: Reforzar o crecemento sostible e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Actuación 1.3.03: Axudas á internacionalización de empresas galegas.
Subtipo de acción 1.3.3.1: axudas ao programa de misións comerciais de pemes.
Ámbito de intervención 021: Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Beneficiarios potenciais
1. As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran cos criterios de definición de peme, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) As persoas beneficiarias deberán contar con presencia nos medios dixitais internacionais, contando como mínimo cunha páxina web con versión en inglés.
e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis.
g) Que estean ao día de pagamentos adebedados ás Cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.
Requisitos principais do proxecto
Será subvencionable a participación agrupada nas seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida nas que participen un mínimo de dúas empresas, aínda que só unha teña dereito a subvención por estas bases:
a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais, misións institucionais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), só en formatos presenciais e sempre que leven aparelladas o desenvolvemento dunha axenda empresarial. Exceptúanse deste requisito de axenda as misións que teñan por obxecto visitas a feiras e a participación nas misións institucionais.
b) Participación presencial en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.
Estas actuacións deberán executarse preferentemente nos países que se recollen no Anexo IV.
Investimentos ou gastos computables
a) Custos directos: determinados en base ao seu custo real.
· Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos dos citados no artigo 3.1.b). Así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuacións.
· Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción.
· Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.
· Aluguer do espazo, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, aluguer de mobiliario, gastos de subministros básicos no stand (luz, auga, limpeza), inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.
· Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente.
· Viaxe dunha persoa da peme participante (2 persoas no caso de actuacións do artigo 3.1.b).
Datas da viaxe subvencionable: entre a data da convocatoria e a data límite de presentación da solicitude de cobramento. Só se subvencionarán os gastos correspondentes a avión, tren, barco e/ou autobús, que sexan necesarios para o desenvolvemento da acción. Incluídos os traslados internos no/s país/es nos que se celebre a acción. Non serán subvencionables os gastos de transporte en vehículo particular nin taxis. Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do consello de administración da mesma.
· Aloxamento dunha persoa da peme participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).
Só se subvencionarán pernoctas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoctas (7 pernoctas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b). No caso de accións en máis dun país, engadiranse un máximo de 3 pernoctas máis subvencionadas por país, cun máximo total de 12 pernoctas. Só se subvencionarán este tipo de custos cando a persoa que viaxa sexa persoal propio da empresa, ou forme parte do consello de administración da mesma.
· Traslados grupais.
Só se subvencionarán os traslados que sexan contratados e facturados á cámara como organizadora, inclúense todos aqueles traslados en grupo que se realicen no marco da acción, incluídos os traslados dende e ata o aeroporto, así como traslados dende ou ata lugares onde se celebren reunións ou eventos incluídos no programa conxunto da acción. Quedan excluídos os traslados individuais de calquera tipo.
· Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe, dunha persoa da peme participante. No caso das actuacións das citadas no artigo 3.1.b) dúas persoas por peme participante.
Servizos prestados directamente pola entidade colaboradora organizadora da acción:
· Gastos de organización da acción, información e asesoramento á peme, (dossier de mercado, asesorías telefónicas, reunións previas, seguimento da axenda de entrevistas, elaboración de listados, informes, e todas aquelas precisas para a eficiente organización da acción e a xestión da subvención para a peme).
· Parte proporcional do servizo de apoio técnico en destino.
A prestación deste servizo por parte da entidade colaboradora será obrigatoria en calquera actuación agrupada cunha participación igual ou superior a 4 empresas. Poderase solicitar a excepción desta obriga que se poderá acordar cando polas características da actuación desprenda que non aporta valor engadido a actuación.
· Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento, incluídos os seguros de viaxe, as probas PCR ou similares, e os visados correspondentes.
Só se subvencionarán pernoctas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoctas (7 pernoctas no caso de actuacións do artigo 3.1.b).
b) Custos indirectos: determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo do 7% dos custos directos
Gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), subministros (comunicacións, auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, mantemento ou limpeza.
- Cando o importe dos gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €), a entidade colaboradora, deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente núme¬ro de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
- Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade colaboradora ou a peme beneficiaria ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:
Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
- No caso de que a entidade colaboradora teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado.
- Polo que respecta á asistencia externa para a realización de axendas en destino, as empresas subcontratadas polas entidades colaboradoras para prestar este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais de España no estranxeiro, cámaras de comercio españolas no exterior, ou por cámaras de comercio estranxeiras.
- O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución da actuación e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025, -se ben a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data da última factura)-, ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
- Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actuación prevista.
- En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.
- Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación destas bases o Imposto sobre o valor engadido (IVE), a non ser que se acredite que non é recuperable.
- Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Contía das axudas
A contía da axuda será dunha subvención do 70% dos custos directos subvencionables. Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7% sobre os custos directos subvencionables, resultando unha intensidade de axuda do 71.96%.
* Límites máximo de gasto subvencionable por cada peme e acción na que participe:
Por cada peme beneficiaria e por cada misión na que participe: 8.000 €. Este límite será de 10.000€ cando a misión se realice a máis dun país.
Por cada peme beneficiaria e por cada evento expositivo no que participe: 32.000€.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (IG422B) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras contado dende ás 9.00 horas do día do inicio do prazo e finalizará ás 14:00 horas do 31 de outubro de 2025, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.
O prazo de adhesión das entidades colaboradoras (IG422A) será de 5 días hábiles a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (Do 11/04/2025 ao 21/04/2025).
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.
Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura o límite redúcese a 40.000 euros. E para as empresas do sector agrícola o límite redúcese a 50.000 euros.
Referencia lexislativa
Resolución do 31 de marzo de 2025 (DOG Nº70 do 10/04/2025) - Bases reguladoras
Información e tramitación
As entidades colaboradoras son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
As entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
Observacións
O prazo de execución de cada actuación abarcará dende o 1 de xaneiro de 2025, -se ben a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data última factura)- , e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación, prazo no que se deberá presentar a solicitude de cobramento.
Este prazo non poderá exceder do 30 de novembro de 2025, para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 31 de marzo de 2026, para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pago. As accións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputadas ao 2026.