IG421A - GALICIA EXPORTA ORGANISMOS INTERMEDIOS (2025)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 31 de marzo de 2025 (DOG Nº70 do 10/04/2025) - Bases reguladoras
- Extracto das bases
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas axudas é impulsar a posta en marcha de proxectos de internacionalización que reforcen a proxección e o posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais. Para iso, fomentarase a realización conxunta de accións de promoción no exterior, promovendo cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
Réxime de mínimis
A convocatoria de axuda proposta ten unha dotación de 1.500.000 € no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento FEDER do 60%, computándose como cofinanciamento nacional polo 40% restante, parte de cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible dos beneficiarios.
En particular, esta convocatoria enmárcase en:
Obxectivo Político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A: Transición dixital e intelixente.
Obxectivo Específico 1.3: Reforzar o crecemento sostible e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Actuación 1.3.03: Axudas á internacionalización das empresas galegas.
Subtipo de acción 1.3.3.3: Axudas ao Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios.
Ámbito de intervención 021: Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia (asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais, centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia).
2. Consideraranse así mesmo beneficiarias ás empresas -que cumpran a definición de peme, incluso autónomos, que teñan un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con polo menos un traballador no momento da presentación da axuda e que participen directamente nas accións subvencionadas e ás que se lles imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas en minimis solicitadas e/ou concedidas nos tres anos previos á concesión da axuda.
As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do final do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Requisitos principais do proxecto
1. Serán subvencionables os proxectos de internacionalización nos que se executen unha ou varias das seguintes accións:
a) Promoción
- Participación como expositor en feiras comerciais de carácter internacional organizadas por terceiros.
- Participación como expositor noutros eventos expositivos de carácter internacional organizados por terceiros non vinculados ao organismo nin as empresas solicitantes nin empresarial nin comercialmente.
- Misións comerciais directas.
- Misións comerciais inversas.
- Visitas conxuntas a feiras ou a outros eventos expositivos con carácter internacional.
b) Márketing e comunicación internacional
- Campañas conxuntas de publicidade en medios de comunicación impresos ou dixitais, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro.
- Elaboración de material promocional conxunto.
c) Prospección de mercados internacionais
- Accións cooperativas en destino para identificación de oportunidades, implantación promocional e exploración de mercados.
d) Operatividade da internacionalización
- Accións destinadas a facilitar e optimizar a expansión das empresas galegas nos mercados exteriores, reforzando a súa competitividade e garantindo unha operatividade eficiente, mediante a adaptación a normativas internacionais, a homologación de produtos ou outras iniciativas que favorezan a súa consolidación no ámbito global.
2. Deberá haber unha participación mínima en función do tipo de acción:
• Accións sectoriais: o organismo intermedio solicitante.
• Accións grupais: deberán contar coa participación do organismo intermedio acompañado de, polo menos, unha peme ou, no caso de non participar o organismo, un mínimo de dúas pemes.
O número máximo de pemes participantes por acción será de 20, ademais do organismo intermedio. Este poderá estar representado por un máximo de dúas persoas, mentres que cada peme poderá contar cunha única persoa representante.
3. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o día 1 de xaneiro de 2025 (polo que a solicitude de axuda poderán incluír accións que se leven a cabo previamente á súa presentación, se ben o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente -data da última factura- no momento de presentar a solicitude de axuda) ata o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas.
Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que a solicitude inclúa accións de participación como expositor en ditas feiras ou eventos expositivos internacionais, e se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actividade prevista.
4. Cando o importe do tipo de gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste último caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os requisitos indicados nas bases de comparabilidade, non vinculación, identificación do ofertante e do destinatario e data.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
5. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
6. Todos os gastos deben ser facturados ao organismo intermedio solicitante e pagados polo dito organismo. Non se admiten pagamentos en efectivo.
7. Non se subvencionarán os servizos contratados relacionados coa actividade empresarial da persoa solicitante da axuda.
8. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Investimentos ou gastos computables
1. Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos.
Os gastos subvencionables clasifícanse en:
Custos directos: determinados en base ao seu custo real.
Custos indirectos: se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), subministros (comunicacións, auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, mantemento ou limpeza.
O gasto mínimo subvencionable do proxecto, excluídos os custos indirectos, será de 3.500 euros (IVE excluído).
• Custos directos:
a) Promoción:
1º Gastos asociados á participación e visitas a feiras, outros eventos expositivos internacionais e misións comerciais directas:
- Billetes de avión, tren, autobús, barco e viaxes internos que sexan necesarios para o desenvolvemento da acción. No caso de proxectos que impliquen viaxar a máis dun país, tamén serán subvencionables os desprazamentos entre eses países. Son subvencionables os gastos de facturación de equipaxe e elección de asentos.
- Taxas de viaxe, seguros de viaxe, visados e gastos de xestión da axencia de viaxe.
- Aluguer de vehículos sen condutor.
- Aloxamento en réxime de aloxamento e almorzo, na cidade de celebración da feira ou evento expositivo ou da misión comercial, ou nos seus arredores, cun máximo de 5 noitadas. Polo menos, unha das noitadas debe coincidir coas datas de celebración da feira ou evento no que se participa. No caso de accións en máis dun país poderanse engadir un máximo de 2 noitadas máis por país cun máximo total de 10 noitadas. Un máximo de dúas noitadas poden realizarse en itinere.
Límite de gastos: Os indicados no anexo III.
Gastos non subvencionables:
Viaxe e aloxamento para feiras comerciais e eventos expositivos que teñan lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.
Taxis e VTC.
- Aluguer de espazos e/ou stand, e servizos relacionados coa participación na feira ou evento internacionais: son subvencionables os gastos de aluguer de espazos e ou stand, entradas, cotas de inscrición, deseño, construción, montaxe e desmontaxe de stand, aluguer de mobiliario, equipamento, decoración ou personalización do stand, aluguer de equipos audiovisuais, participación en actividades paralelas organizadas no marco da feira; contratación de intérpretes, modelos ou de persoal de apoio e outros servizos de natureza similar debidamente xustificados.
Límite de gastos: Admítense como máximo 22 entradas por evento, con un importe máximo por entrada de 1.500 €.
- Elaboración de axendas de reunións de carácter presencial vinculadas coas anteriores accións: son subvencionables os gastos de servizos de consultoría.
Non é subvencionable a simple elaboración da axenda se non se realizan as reunións correspondentes dentro do prazo de execución do proxecto. Inclúense as axendas virtuais.
As empresas que presten este tipo de servizos descritos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado polas oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro, ou polas oficinas comerciais ou organismos públicos españois ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.
Límite de gasto: 3.000 € por acción.
2º Gastos por participación como expositor en feira ou evento virtual:
- Alugueiro de stand virtual e dos servizos relacionados co aluguer; gastos de intérpretes, e as cotas de inscrición en feiras e eventos expositivos virtuais cun máximo de 2 persoas por empresa.
Límite de gasto: 1.500 € por evento.
3º Gastos asociados a misións inversas:
Para que o gasto sexa subvencionable é necesario que na misión participen un mínimo de tres empresas ou prescriptores visitantes, cun máximo de 20 participantes por acción.
Gastos subvencionables:
- Billetes de avión, tren, autobús e barco. Son subvencionables os gastos de facturación de equipaxe e elección de asentos.
- Taxas de viaxe, seguros de viaxe, visados e gastos de xestión da axencia de viaxe.
- Desprazamentos en Galicia mediante servizo contratado: autobús, minibús, taxi ou vehículo con condutor.
- Aloxamento en Galicia en réxime de aloxamento e almorzo cun límite de 5 noitadas por persoa.
- Asistencia externa para a realización de axendas, detección de oportunidades ou outros de natureza similar.
- Alugamento de salóns e espazos.
- Intérpretes.
Límites de gasto:
Os mencionados no anexo III.
Os gastos de asistencia externa teñen un límite máximo de 2.000 € por acción.
Os gastos en intérpretes teñen un límite máximo de 1.500 € por acción.
b) Márketing e comunicación internacional
- Gastos para a realización de campañas conxuntas de publicidade: compra de espazos publicitarios e insercións en medios. As campañas deberán ser realizadas dentro do prazo de execución do proxecto.
- Gastos para la elaboración de material promocional conxunto: deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.
Límite de gasto:
O límite máximo de gastos subvencionables para as accións deste apartado é de 50.000 € para a totalidade das solicitudes presentadas polo Organismo Intermedio dentro do marco desta convocatoria.
Gastos non subvencionables:
- Os custos de mailing.
- Os convites.
- Folletos, material de papelería, tarxetas, sobres, carpetas, listas de prezos e calquera outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
- Carteis, dípticos e trípticos, manuais de instrucións, flyers, displays, roll up, ou outros elementos de similares característica.
- Produtos de merchandising e outros agasallos promocionais.
c) Prospección de mercados internacionais
Alugueiro de locais promocionais para actividades de prospección ou exploración en mercados internacionais.
Non subvencionable o alugueiro de locais que se utilicen como puntos de venda directa.
O límite máximo de gastos subvencionables para este apartado é de 14.500 € por solicitude.
d) Operatividade para a internacionalización
- Bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectorial: cotas de bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectoriais.
- Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro (inclúese o rexistro de códigos fonte): asistencia xurídica ou técnica e servizos para a tradución de documentación.
- Xestión de licitacións internacionais conxuntas: asistencia xurídica ou técnica e servizos para tradución de documentación.
• Custos indirectos: Fíxanse nun tipo fixo do 7% sobre os custos directos subvencionables.
Non son subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación ou calquera outro gasto que non estea directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.
Contía das axudas
A contía da axuda será dunha subvención do 70% dos custos directos subvencionables. Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7% sobre os custos directos subvencionables.
O organismo intermedio e as empresas que participen directamente nas accións subvencionadas serán consideradas persoas beneficiarias para os efectos de imputación da axuda de minimis que lles corresponda.
Nas accións grupais, cando participen conxuntamente o organismo intermedio e as pemes, os gastos serán divididos de forma equitativa entre todas as partes implicadas. No caso de que só participen pemes, o minimis correspondente á totalidade do gasto subvencionado será repartido entre elas.
O importe máximo de subvención será de 400.000 €, custos indirectos incluídos por beneficiario e convocatoria para o conxunto de solicitudes presentadas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos gastos subvencionables.
Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros.
Referencia lexislativa
Resolución do 31 de marzo de 2025 (DOG Nº70 do 10/04/2025) - Bases reguladoras
Información e tramitación
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados definidos no artigo 2 deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Os organismos intermedios poderán presentar máis dunha solicitude sempre que cada unha delas inclúa acciones distintas e non recollidas noutras solicitudes previamente presentadas no marco da presente convocatoria.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención que incluirá os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na Oficina Virtual do Igape.
Os organismos interesados deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas deberán achegar acta e estatutos de constitución debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) As tres ofertas que, deba ter solicitado, agás as excepcións previstas nestas bases reguladoras.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores.
Observacións
O prazo de execución comezará o 1 de xaneiro de 2025. O proxecto obxecto da axuda non poderá estar completamente executado (data da última factura) no momento de presentar a solicitude. Este prazo finalizará na data indicada na resolución de concesión, sen exceder nunca:
• O 30 de novembro de 2025, para solicitudes con accións previstas ata esa data.
• O 31 de xaneiro de 2026, para solicitudes con accións previstas ata ese momento.
Estas datas representan os prazos máximos para a emisión e pagamento das facturas correspondentes. Dentro do período de execución, deberá presentarse a solicitude de cobramento. Ademais, as accións realizadas entre o 1 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputadas ao exercicio de 2026.
Cada solicitude poderá ser modificada unha única vez, e a modificación deberá presentarse, como máximo, dous meses antes da data de finalización do prazo de execución do proxecto.