IG408B - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR CIRCULANTE DE EMPRESAS AFECTADAS POLA IMPOSICIÓN DE ARANCEIS POR PARTE DOS EEUU
Finalidade / Obxectivo
Financiamento de capital circulante nas empresas galegas cuxas operacións comerciais se visen afectadas pola imposición de aranceis por parte dos Estados Unidos de América.
Tipos de apoio
Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva.
A axuda implícita terá a consideración de axuda de minimis.
Beneficiarios potenciais
Poderán ser beneficiarias as empresas que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 1 das presentes bases reguladoras, teñan os seus centros de traballo maioritariamente situados en Galicia e que durante o ano 2024 realizasen operacións de exportación e/ou importación cos EE.UU. por importe igual ou superior a 100.000 €, ou que as operacións comerciais cos EE.UU. superen o 10 % das vendas.
Poderán ser tamén persoas beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens.
Requisitos principais do proxecto
Condicións do produto financeiro.
- Importe: A contía do préstamo que se vai conceder será como máximo o volume de operacións de exportacións e importacións aos EE.UU. no ano 2024, cun máximo de 1.000.000 € e un mínimo de 100.000 €. No caso de que as operacións comerciais cos EE.UU. superen o 10 % das vendas, non se aplicará o límite inferior.
- Prazos de amortización e de carencia: O prazo de devolución dos préstamos será como máximo de 12 anos, incluíndo como máximo 4 de carencia na amortización de principal.
Cualificación requerida do proxecto
Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no punto A) deste anexo son de interese para Galicia, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.
Investimentos ou gastos computables
Os conceptos que se van financiar co préstamo será o capital circulante, incluídos os conceptos previstos na letra d), número 1 do artigo 3 das bases reguladoras.
* Capital de explotación, entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir os seguintes dous requisitos:
1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.
2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
vi) Cando así se contemple expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da persoa beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da persoa beneficiaria.
Contía das axudas
As axudas financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda implícita, materializada na reducción no tipo de xuro de mercado.
Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de febreiro de 2025 ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario.
b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.
Incompatibilidades
Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.
Para os casos nos que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación. Ao estar a axuda implícita suxeita ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite.
A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita. Neste suposto, e no caso de que o préstamo xa estivese concedido, poderase aprobar esta renuncia por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.
Referencia lexislativa
Resolución do 27 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 18 de xuño de 2025 (DOG Nº120 do 25/06/2025) - Modificación das bases reguladoras
Información e tramitación
Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude.
1. Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (https://sedeelectronica.bde.es).
2. En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
3. No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.
4. Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
5. Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.
6. Ademais desta documentación, deberá presentarse xunto coa solicitude:
- Memoria da actuación que desenvolverá o contido enumerado nas bases.
- Relación de facturas correspondentes ás exportacións e/ou importacións aos Estados Unidos de América durante o ano 2024, con indicación de cliente, importe e data, achegando as aclaracións oportunas no caso de operacións comerciais indirectas.
Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
Observacións
A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2026.
O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos do préstamo e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo, nin o establecido na Resolución da convocatoria.
O desembolso das operacións financeiras realizarase a solicitude da persoa beneficiaria.