PE003 - SOLICITUDE PARA A DECLARACIÓN DUN PROXECTO EÓLICO COMO INICIATIVA EMPRESARIAL PRIORITARIA (art.42.2)
Finalidade / Obxectivo
Dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento IG300D) para a tramitación por medios electrónicos, para a declaración dun proxecto como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no artigo 42.2 da citada norma, e que recollen os proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial.
Beneficiarios potenciais
Para o caso dos proxectos regulados na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, poderán ser consideradas iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, así como aqueles proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 ou aqueles proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estenderase desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a perda de vixencia da normativa que ampara a declaración das iniciativas empresariais prioritarias.
Referencia lexislativa
Resolución do 2 de decembro de 2021 (DOG Nº239 do 15/12/2021) - Modelo de solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria
Lei 8/2009, do 22 de decembro (DOG Nº252 de 29/12/2009) - Lei de aproveitamento eólico de Galicia
Información e tramitación
1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá na aplicación informática: http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
DOCUMENTACIÓN:
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Os proxectos encadrados no artigo 42.2:
1º. Exposición detallada da iniciativa proxectada, que deberá conter unha descrición do proxecto e determinar en que modalidade se encadra das indicadas no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e que a seguir se relacionan:
i) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de vinte e cinco postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.
ii) Proxectos que xustificasen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.
iii) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a vinte millóns de euros, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.
2º. Documentación complementaria.
A documentación que acredite o cumprimento das condicións relativas á modalidade de proxecto en que se encadre en función do determinado no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
3º. A documentación referida nos puntos 1º e 2º deberá estar asinada polo promotor do proxecto ou, se é o caso, polo representante legal.