IG272 - GALICIA EXPORTA DIXITAL - AXUDAS PARA A INTERNACIONALIZACIÓN DIXITAL DAS EMPRESAS 2022 (Ata as 14:00 h)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novos, aportando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. Sendo o obxecto último destas bases o desenvolvemento e a implementación dun plan de Internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de marketing dixital internacional.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia non competitiva. Réxime de axudas de minimis

Beneficiarios potenciais

1.Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que teñan no mesmo, antes da solicitude da axuda, ao menos tres traballadores por conta allea.

c) Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda.

d) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

f) Que estean ao día das súas obrigas ca Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Investimentos ou gastos computables

1. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por empresa, cun gasto subvencionable mínimo igual ou superior a 18.000 euros e máximo de 100.000 euros por empresa. De superar este máximo procederase a axustalo a este límite máximo. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 14.000 euros e máximo de 37.500 euros no caso de empresas do sector da pesca e 25.000 euros no caso de empresas do sector da produción agraria. De superar este máximo procederase a axustalo a este límite máximo.

En concreto, subvenciónanse os seguintes tipos de gastos:

A. Consultaría.
B. Aplicacións Informáticas.
C. Outros gastos.

Estes tres tipos, engloban os gastos relacionados a continuación:

A. Consultaría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.
Esta análise debe como mínimo analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos.
Gasto subvencionable máximo: 3.000 euros.

b) Plans de internacionalización dixital multicanle.
Estes plans deben incluír como mínimo unha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles.
Gasto subvencionable máximo: 3.000 euros.

c) Plans de mercados electrónicos concretos.
Estes plans deben de conter como mínimo a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar as tendas e os catálogos en liña multi-idioma. Así como unha análise SEO da web, catálogos en liña e/ou tendas en liña. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay.
Gasto subvencionable máximo: 5.000 euros.

d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.
Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico.
Gasto subvencionable máximo: 5.000 euros.

B. Aplicacións Informáticas:
Englóbanse licenzas de programas, desenvolvementos a medida ou adaptacións. Exclúese o gasto relativo á renovación de licenzas.

a) Solucións tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma.
Gasto subvencionable máximo: 6.000 euros.

b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERPs).
Gasto subvencionable máximo: 20.000 euros.

c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización das canles de venda e marketing en liña.
Gasto subvencionable máximo: 20.000 euros.

d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento.
Gasto subvencionable máximo: 18.000 euros.

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo o que se indica no artigo 17.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de catálogos en liña para o marketing e as vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.
Gasto subvencionable máximo: 4.000 euros.

b) Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas, incluídos os gastos de axencia.
Gasto subvencionable máximo: 12.000 euros

c) Solucións de software de pago polo uso das mencionadas no apartado B.
Gasto subvencionable máximo: 20.000 euros

Admitirase como gasto subvencionable o pago polo uso do software durante o prazo de execución da axuda, sempre que sexa abonado polo solicitante dentro do devandito prazo. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable a pro rata.

d) Solucións de inbound marketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar a usuarios de interese obxectivo do negocio en liña. Inclúe desde a compra das solucións tecnolóxicas (incluída a adquisición mediante pago polo uso), a súa integración, e tamén a súa xestión como servizo a vendedores en liña por parte das axencias.
Gasto subvencionable máximo: 6.000 euros.

e) Creación e adaptación de tendas en liña.
Gasto subvencionable máximo: 9.000 euros

2. O período de execución dos investimentos e/ou gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución da convocatoria. Calquera investimento ou gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

As ofertas ou orzamentos de provedores han de ser comparables, e deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE), e a descrición técnica dos elementos ou servizos ofertados. Os ofertantes deben demostrar e acreditar de maneira concluínte a habitualidade na realización dos servizos ofertados.

4. Os provedores teñen que ser independentes, non poderán estar asociados nin vinculados entre si, nin coa entidade solicitante, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

5. Non se subvencionarán servizos a contratar relacionados coa actividade empresarial do solicitante da axuda no mesmo país no que o solicitante exerce dita actividade.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

8.Non será subvencionable o Imposto do Valor Engadido (IVE), que sexa recuperable conforme á normativa nacional.

Contía das axudas

A subvención será do 80% dos gastos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

O prazo de presentación de solicitudes remata as 14.00 horas da data de finalización.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do gasto subvencionable, ou a intensidade máxima da axuda prevista para a outra subvención. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no Regulamento (UE) 1303/2013, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, sempre e cando o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme ao documento no que se establezan as condicións da axuda.

Sendo en todo caso incompatible se o proxecto foi apoiado noutra convocatoria desta mesma liña de axudas, agás se se trata de conceptos de gasto diferentes.

Non se apoiarán solicitudes de empresas que teñan sido beneficiarias da axuda IG240 - Axudas á dixitalización industria 4.0 (bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0) nalgunha das súas dúas últimas convocatorias.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de xaneiro de 2022 (DOG Nº39 do 25/02/2022) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

*Información:
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

Os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través de http://www.tramita.igape.es
A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización.

Para poder presentar a solicitude polos medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa que asina a solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dúas firmas, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todas as persoas que o asinan autorizan a unha delas para presentar a solicitude.
Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificado dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

DOCUMENTACIÓN:

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

b) No caso de persoas xurídicas: certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas no último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo o informe de auditoría, no seu caso.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación das bases, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

d) Plan de financiamento do proxecto: Informe no que se indique a forma na que se vai a financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos tipos de financiamento. O Igape poderá solicitar documentación xustificativa do devandito plan (certificacións de entidades financeiras, escrituras de ampliación de capital, pólizas e préstamos formalizados bancarios ou con socios, etc.).

e) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban solicitar, de acordo co establecido no artigo 5.3 destas bases reguladoras.

f) Informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesoureira Xeral da Seguridade Social á data da solicitude da axuda.

Observacións

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de xullo de 2022 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 31 de marzo de 2023 para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as últimas datas admisibles de facturación e de pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento.

Unha vez ditada a resolución de concesión non se admitirán modificacións da resolución inicial.