IG408B - PRÉSTAMOS PARA A CONCENTRACIÓN DE EMPRESAS (2025)

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente a concentración e sucesión de empresas, a adquisición de unidades produtivas, o traslado de unidades produtivas a Galicia para favorecer a concentración de actividades, e a absorción de empresas para mellorar a competitividade.

Tipos de apoio

Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva.
Axudas en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan actividades económicas con centros de traballo en Galicia, ou sexan partícipes de sociedades mercantís con centros de traballo en Galicia.

Requisitos principais do proxecto

• Características das actuacións:

As persoas beneficiarias deberán presentar un proxecto que demostre que a actuación suporá unha mellora competitiva, ou que permita a continuidade de empresas ou unidades produtivas, mediante:

- Adquisición de participacións ou accións de sociedades con centros de traballo en Galicia, co obxecto de proceder a unha operación societaria de fusión ou nun proceso de sucesión de empresa.
- Adquisición de unidades produtivas ubicadas en Galicia.
- Traslado de unidades produtivas propiedade da titular a centros de traballo ubicados en Galicia.
- Toma de participación en clientes da titular mediante capitalización de débedas, co obxecto de desenvolver a capacidade comercial e/ou a integración vertical das actividades.

• Importe:
As actuacións a desenvolver en Galicia deberán presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 € máis impostos.

• Gasto financiable:
Poderán ser financiados os conceptos de gasto sinalados no artigo 3, puntos a), b), d), e), f) e h) . Para o caso de toma de participación en clientes da titular mediante capitalización de débedas, os fondos do préstamo poderán ser utilizados para a reposición do capital circulante, considerándose como custo financiable a estes efectos o valor contable do crédito capitalizado sen ter en conta os posibles deterioros. Nos casos de financiamento de investimentos financeiros, o acordo de concesión pode establecer condicionantes de fusión.

• Condicións do produto financeiro.
O importe mínimo do préstamo será de 50.000 € e o máximo de 5.000.000 €. En ningún caso superará o 50 % do custo da actuación financiable.

• Prazos de amortización e de carencia:
Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal de ata un máximo de 4 anos.

• Garantías:
O Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación. Con carácter xeral, todos os préstamos deberán contar con garantías adecuadas.

• Tipo de xuro ordinario: A titular poderá optar entre tipo de xuro fixo ou variable

Cualificación requerida do proxecto

O acordo de concesión do préstamo poderá establecer requisitos específicos de mantemento de postos de traballo en Galicia, cuxo incumprimento suporá a amortización anticipada do préstamo e reintegro da axuda implícita, se é o caso.
Considérase que todos os proxectos deste obxecto son de interese para Galicia polo seu impacto e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

Investimentos ou gastos computables

Serán financiables os investimentos e gastos realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución da actuación.

Poderán ser financiados os seguintes conceptos:
a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola persoa beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.
b) Bens intanxibles adquiridos a terceiros, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.
d) Capital de explotación, entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade
e) Investimentos financeiros consistentes na compra de accións ou participacións, enmarcados nun plan de concentración ou sucesión de empresas.
f) Adquisición de unidades produtivas en funcionamento, coa incorporación de activos en uso, fondo de comercio e, se é o caso, de pasivos.
h) Gastos de traslado de unidades produtivas con destino a centros de traballo ubicados en Galicia, xa sexa creando novos centros de traballo ou ampliando novos existentes para a concentración de actividades.

Contía das axudas

Con carácter xeral, as operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda implícita, materializada na redución no tipo de xuro de mercado.

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de febreiro de 2025 ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario.
b) O 1 de decembro de 2025, ás 14.00 horas.


Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación. Ao estar a axuda implícita suxeita ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite.

A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita. Neste suposto, e no caso de que o préstamo xa estivese concedido, poderase aprobar esta renuncia por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Referencia lexislativa

Resolución do 27 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.

* Documentación a presentar coa solicitude.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación específica para esta modalidade de préstamo:
- Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:
a) Antecedentes da entidade.
b) Descrición da actuación.
c) Análise económica da actuación.
d) Se é o caso, informes da vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e creación do emprego.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período disponible (https://sedeelectronica.bde.es).
c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.
e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).
h) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

Observacións

Para a xustificación das actuacións financiadas mediante esta modalidade de préstamos, será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo.

A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2026.

O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos do préstamo e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo, nin o establecido na Resolución da convocatoria.

O desembolso das operacións financeiras realizarase a solicitude da persoa beneficiaria.