IG408N - PRÉSTAMOS PARCIALMENTE REEMBOLSABLES PARA PROXECTOS EMPRESARIAIS DE INVESTIMENTO CREADORES DE EMPREGO DE GRANDES EMPRESAS DO FTX (2025)
Finalidade / Obxectivo
1. Constitúe o obxecto das presentes bases reguladoras a concesión de préstamos parcialmente reembolsables cofinanciados no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ), para o financiamento de proxectos tractores de grandes empresas na provincia da Coruña, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 5 destas bases.
2. As axudas reguladas nestas bases combinan un instrumento financeiro de préstamos directos con subvención nunha mesma operación, de forma que estes préstamos, destinados a financiar investimentos empresariais, poderán ser parcialmente reembolsables en función do cumprimento de determinados requisitos.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia competitiva.
As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria están cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ) que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 %, proporcionándose o cofinanciamento nacional no nivel dos perceptores finais, como investimento elixible nos mesmos. En particular:
Obxectivo político ou obxectivo específico do FTJ (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climáticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.
Prioridade P2: A Coruña.
Actuación: CO3. Impulso a pemes e proxectos empresariais tractores para a diversificación económica dos territorios. Apoio a proxectos empresariais e pemes que xeren actividade económica e manteñan e/ou creen emprego, a través de instrumentos financeiros de préstamos.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser persoas beneficiarias as grandes empresas, entendendo como tales aquelas entidades, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica e que non poidan encadrarse na categoría de microempresa ou pequena e mediana empresa (peme) establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2. As grandes empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.
No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, despois de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axuda, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en crise.
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei, ou do artigo 14.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.
d) As empresas que propoñan un proxecto afectado a unha actividade pertencente a un sector excluído nas bases reguladoras.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Sectores incentivables
1. Poderán ser obxecto de axuda os proxectos pertencentes a todas as actividades económicas susceptibles de recibir axudas, de acordo coa normativa nacional e da Unión Europea aplicable, coas excepcións establecidas no punto 2 este artigo. En consecuencia, estas axudas non están dirixidas a un número limitado de sectores específicos de actividade económica.
2. Non poderán concederse axudas aos sectores e actividades seguintes:
a) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos de tabaco.
b) Investimentos relacionados coa produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
c) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.
d) Sectores do aceiro, o lignito e o carbón.
e) Sector do transporte, así como a correspondente infraestrutura; as axudas á produción, o almacenamento, o transporte, a distribución e as infraestruturas de enerxía, con excepción das axudas rexionais ao investimento nas rexións ultraperiféricas e os réximes de axudas de funcionamento de finalidade rexional; e as axudas no sector da banda larga, con excepción dos réximes de axudas de funcionamento de finalidade rexional.
f) As axudas rexionais de funcionamento concedidas a empresas cuxas actividades principais estean incluídas no ámbito da sección K «Actividades financeiras e de seguros» da NACE Rev. 2 ou a empresas que realicen actividades intragrupo e cuxas actividades principais estean incluídas nas categorías 70.10 «Actividades das sedes centrais» ou 70.22 «Outras actividades de consultoría de xestión empresarial» de NACE Rev. 2.
g) Transformación e comercialización de produtos agrícolas cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade dos devanditos produtos adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas ou cando a axuda se supedite á súa transmisión, total ou parcial, aos produtores primarios.
h) Sector da pesca e a acuicultura, incluídas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1379/2013.
i) Sector agrícola primario.
Do mesmo xeito, de acordo co Acordo de Asociación 2021-2027, quedan excluídas de apoio aquelas actividades que afecten a:
• As entulleiras e plantas de tratamento mecánico-biolóxico de residuos,
• As incineradoras,
• As desalinizadoras.
• A investigación básica
• As instalacións suxeitas ao Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (ETS)
Ademais, limitarase:
• O apoio á produción de biogás baixo as seguintes condicións: cando o input sexan biorresiduos urbanos xa separados e outros tipos limitados de biorresiduos (como lodos ou lodos provenientes de plantas de depuración de augas), cando se trate de produción en plantas asociadas aos recursos e as demandas locais, e cando exista unha necesidade de financiamento debido a unha deficiencia do mercado.
• A Coxeración de alta eficiencia, onde se concentrará o apoio na substitución de combustibles fósiles de plantas de coxeración actualmente en funcionamento, por enerxías renovables.
Requisitos principais do proxecto
Poderán ser subvencionables os proxectos de investimento que cumpran os seguintes requisitos:
1. Localizarse exclusivamente nun ou varios centros de traballo da provincia da Coruña.
2. Corresponder a un investimento inicial en favor dunha nova actividade económica na zona de que se trate, entendendo como investimento inicial a aquela materializada en activos fixos relacionada coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, a condición de que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento.
3. O importe mínimo do investimento subvencionable será de 200.000 €, nos conceptos detallados no artigo 6 destas bases. Non se establece un importe máximo de investimento subvencionable, aínda que o préstamo parcialmente reembolsable máximo estará limitado polo crédito orzamentario das bases.
4. O proxecto deberá supoñer unha creación neta de emprego na provincia da Coruña dun mínimo de 1 posto de traballo por cada 80.000 € de axuda pública, cun mínimo de 5 postos de traballo. Para estes efectos, enténdese por creación neta de emprego, a creación de postos de traballo con contrato indefinido a tempo completo e o mantemento destes postos de traballo xunto ao seu persoal medio previo de traballadores con contrato indefinido no momento da solicitude, durante polo menos 5 anos desde a acreditación do fito de creación de emprego. Para calcular o persoal medio previo, tomaranse os doce meses anteriores.
5. Contribuirá á transición a unha economía da Unión climáticamente neutra a 2050 e a lograr obxectivos medioambientais conexos (artigo 8 do regulamento FTJ), incorporando algunha actuación significativa en relación con algunha das tipoloxías seguintes:
• Descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación.
• Produción de enerxías renovables (para autoconsumo ou comunidades enerxéticas) ou gases renovables ou de almacenamento enerxético e/ou fabricación de compoñentes para enerxías renovables, gases renovables, almacenamento enerxético, redes intelixentes ou tecnoloxías hipocarbónicas para o transporte.
• Economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular na reciclaxe de equipos de enerxías renovables.
• Actuación de conservación e/ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga e/ou conservación da natureza e protección da biodiversidade.
• Actuacións de investigación e innovación nestes ámbitos.
Así mesmo, en relación aos requisitos medioambientais/climáticos:
• Realizarase unha análise de pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
• En todos os proxectos minimizarase o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes do mesmo.
• Cumprirase o principio DNSH en todas as actuacións.
• No caso de proxectos de infraestruturas, garantirase a protección fronte ao cambio climático (mitigación e adaptación) (artigo 73.2. j do Regulamento de Disposicións Comúns).
• As novas instalacións suxeitas a Avaliación Ambiental Integrada situaranse preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
• Se se constrúen/rehabilitan edificios ou naves industriais farase con criterios de eficiencia enerxética de acordo co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento de Disposicións Comunes2.
• Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección ao mesmo, esta avaliarase de acordo á normativa de aplicación.
En relación con determinadas tipoloxías concretas de actuacións deberase constatar o seguinte:
• En actuacións de biomasa, biocarburantes e biolíquidos cumpriranse os criterios de sustentabilidade e redución de emisións de GEI establecidos no artigo 29 da Directiva (UE) 2018/2001, sobre fontes de enerxía renovables.
• En actuacións de sistemas de almacenamento enerxético con baterías, ou de fabricación das mesmas, realizarase un estudo da potencial toxicidade das substancias empregadas e a súa afección ao medioambiente.
• En actuacións de fotovoltaica en cuberta retirarase con carácter previo o amianto da mesma, no caso de que existise.
• En actuacións de desmantelamento de instalacións incorporaranse medidas para a recuperación e conservación do chan e a xeración de novos hábitats con especies autóctonas.
6. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de finalización do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, finalizará dentro dos 24 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.
7. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.
8. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só o emprendería dunha maneira limitada ou diferente.
Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude de axuda . Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a axuda con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.
Aqueles proxectos excluídos por non dispoñer de crédito orzamentario tras a aplicación dos criterios de priorización correspondentes, no suposto de presentación de idéntico proxecto a futuras convocatorias do instrumento, tomarase en consideración a data de solicitude desta convocatoria en relación ao efecto incentivador.
Investimentos ou gastos computables
1. Só serán subvencionables a través do instrumento financeiro os investimentos produtivos en activos materiais e inmateriais novos adquiridos a terceiros non vinculados coa persoa beneficiaria. Os investimentos produtivos deben entenderse como investimentos en capital fixo ou como o activo inmobilizado dunha empresa para producir bens e servizos, de maneira que se contribúa á formación bruta de capital e ao emprego.
2. Os custos dos activos inmateriais unicamente serán subvencionables ata un límite do 50 % do total dos custos de investimento subvencionables do proxecto.
3. Os instrumentos financeiros poderán financiar o IVE soportado polas persoas beneficiarias en relación cos investimentos que constitúan a operación. Con todo, a efectos do cálculo do tramo non reembolsable do préstamo, non se computará o IVE que sexa recuperable.
4. Só será subvencionable a adquisición de terreos por un importe que non exceda do 10 % do investimento total subvencionable da operación que se trate. Esta limitación non aplica ás operacións relativas á conservación do medio ambiente. Tampouco será de aplicación naqueles casos en que a operación consista, atendendo o seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas en uso para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a operación consiste na adquisición de edificacións xa existentes de modo que o terreo en que se asentan non constitúe o elemento principal da adquisición, calquera que sexa o seu obxecto ou finalidade, cando o valor de mercado do chan exceda do valor de mercado da edificación no momento da compra.
5. As adquisicións de bens inmobles ou de bens mobles inscritibles nun rexistro público deberán utilizarse para os fins previstos durante un período mínimo de 5 anos, e o resto dos investimentos na localización prevista durante un mínimo de 5 anos, en ambos os casos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.
6. Non será subvencionable a adquisición dos terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao Igape, Xesgalicia ou a outro organismo ou entidade, directa ou indirectamente, vinculado ou relacionado cos mesmos.
7. Cando o proxecto supoña unha transformación fundamental no proceso de produción, os custos subvencionables deberán superar a amortización dos activos relativos á actividade que se vai a modernizar nos tres exercicios fiscais anteriores.
8. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Para o caso de bens inmobles, este feito acreditarase mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no Banco de España.
Contía das axudas
Financiamento do investimento subvencionable
1. O préstamo para conceder non superará o 70 % do investimento subvencionable, e configúrase como un instrumento financeiro combinado con subvención nunha única operación.
2. Polo menos un 30 % do investimento subvencionable deberá ser financiado por terceiros, xa sexan entidades financeiras ou outras entidades privadas ou públicas nacionais. Esta contribución terá a consideración de cofinanciamento nacional, para o que o titular deberá achegar os acordos xurídicos celebrados coas entidades privadas ou públicas españolas, acreditativas desta contribución e a xustificación da transferencia efectiva dos recursos.
3. A persoa beneficiaria das axudas deberá achegar unha contribución financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, ben a través dos seus propios recursos, ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública, podendo computarse esta última como cofinanciamento nacional para os efectos do apartado 2 anterior.
4. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais, deberán abonarse nos prazos de pago previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de tres meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o citado prazo de tres meses.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionables.
Referencia lexislativa
Resolución do 10 de xaneiro de 2025 (DOG Nº8 do 14/01/2025) - Bases reguladoras
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
Observacións
O prazo para solicitar a disposición dos fondos dos préstamos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de novembro de 2026.
O prazo para executar os proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión.
O prazo para xustificar a realización e o pago do investimento subvencionable será de catro meses desde a finalización do prazo de execución indicado no acordo de concesión.
Os perceptores finais das axudas deberán presentar a acreditación do cumprimento do fito de creación de emprego, e no seu caso doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión do instrumento financeiro de préstamo combinado con subvención nunha única operación, no prazo de doce meses a partir da data final de execución do proxecto fixada na resolución de concesión.