IG423A - PROGRAMA FOEXGA GRANDES EMPRESAS (2025)

O prazo de presentación finaliza o Venres, 31 Outubro 2025 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.
Esta convocatoria está financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Axudas en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. As grandes empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) As persoas beneficiarias deberán contar con presencia nos medios dixitais internacionais, contando como mínimo cunha páxina web con versión en inglés.
e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis
g) Que estean ao día de pagamentos adebedados ás Cámaras.
h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Requisitos principais do proxecto

Será subvencionable a participación das grandes empresas galegas, nas actuacións organizadas e executadas por unha entidade colaboradora no marco do programa Foexga 2025 nos países recollidos no anexo VII.

Investimentos ou gastos computables

Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o cal foron concibidos, respondan aos seguintes conceptos e sexan facturados polas entidades colaboradoras.
Os conceptos admitidos son os seguintes:
• Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos, así como custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuacións.
• Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción.
• Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.
• Alugueiro do espazo, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, aluguer de mobiliario, gastos de mantemento, inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.
• Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente tanto para accións presenciais como virtuais.
• Viaxe dunha persoa da empresa participante (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).
• Aloxamento dunha persoa da empresa participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións do tipo expositivo).
• Traslados grupais.
• Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe.
• Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento á acción.

O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución da actuación e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025, -se ben a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data da última factura)-, ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

É dicir, o prazo de cada actuación abarcará desde o 1 de xaneiro de 2025 e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da finalización de cada actuación, este prazo non poderá exceder do 30 de novembro de 2025 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data e do 31 de marzo de 2026 para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Este prazo será tamén o prazo no que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actuación prevista.

En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren ou que as realicen.

Contía das axudas

A contía da axuda será do 30% sobre do gasto subvencionable.
Gasto subvencionable para o que se fixan os seguintes límites máximos:
Participación en misión comercial: 8.000 € ( 10.000 € no caso dunha misión en máis dun país).
Participación en feira internacional: 32.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse transcorridos 5 días hábiles a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 31 de outubro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura o límite redúcese a 40.000 euros. E para as empresas do sector agrícola o límite redúcese a 50.000 euros.

Referencia lexislativa

Resolución do 6 de maio de 2025 (DOG Nº96 do 16/05/2025) - Bases reguladoras

Información e tramitación

As entidades colaboradoras seleccionadas do Programa Foexga, son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).
Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, as persoas beneficiarias aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora. O Igape porá a disposición deste programa, unha aplicación no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es para os efectos de cubrir o formulario de solicitude de participación electrónicamente. Este formulario deberá ser firmado e presentado ante a entidade colaboradora.
Dado que as entidades colaboradoras prestan unha colaboración necesaria por ser as encargadas de organizar e executar as actuacións, tamén serán compensados os custos necesarios de medios humanos e materiais que a entidade colaboradora asigne á actuación e que se establecen en 1.000 euros por empresa participante na acción que resulte con dereito á subvención.

Observacións

O prazo de execución de cada actuación abarcará dende o 1 de xaneiro de 2025, -se ben a totalidade das accións para as que se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data última factura)-, e rematará no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación, prazo no que se deberá presentar a solicitude de cobramento.
Este prazo non poderá exceder do 30 de novembro de 2025, para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 31 de marzo de 2026, para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pago. As accións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputadas ao 2026. Non obstante, de acordo co artigo 45.5 do Decreto 11/2009, as subvencións que abranguen gasto subvencionable executado en 2025 deberán presentar a xustificación nese exercicio con independencia de que o remate das accións subvencionables sexa no 2026