IG408D - INFRAESTRUTURAS ESTRATÉXICAS ABERTAS (2025)
Finalidad / Objetivo
O obxecto das axudas é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade. As oportunidades que se xeran son relevantes, xa que se reforza a capacidade financeira do promotor e garante unha xestión solvente das novas infraestruturas. Así mesmo, o efecto tractor das grandes compañías facilitará que o conxunto do tecido empresarial e emprendedor de Galicia poida aproveitar instalacións estratéxicas de alto valor engadido. Por este motivo, considérase de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia impulsar a creación destes espazos mediante a achega de fondos propios, apoiándose na contrastada capacidade executora das principais empresas galegas.
Tipos de apoyo
Subvención en réxime de concorrencia competitiva.
Financiación con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Beneficiarios potenciales
1. Poderán ser beneficiarias as sociedades mercantís con centro de actividade en Galicia, coa forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima que excedan a definición de peme.
Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en territorio galego.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 40 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
c) Que teñan sede social ou algún centro de actividade en Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:
a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, así como as pertencentes ao sector da produción agrícola primaria.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise.
d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
e) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004 pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións.
Sectores incentivables
Todos excepto o sector da pesca e a acuicultura, e o sector da produción agrícola primaria.
Requisitos principales del proyecto
1. Serán subvencionables os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non serán subvencionables os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 75 % da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
2. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclado e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.
3. O investimento global para a creación da infraestrutura deberá ser inferior a 20.000.000 €.
Inversiones o gastos computables
1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura subvencionada, e que se materialicen nos seguintes conceptos:
a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
b) Adquisición de edificacións ou construcións por un importe que non exceda o 10 % do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou finalidade da operación, cando o valor de mercado do solo exceda o valor de mercado da edificación no momento da compra.
c) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
e) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os seguintes requisitos:
1º. Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.
2º. Deben ter a consideración de activos amortizables.
3º. Deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado.
4º. Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.
f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
2. Os bens de equipamento adquiridos deberán ser novos ou cumprir os seguintes requisitos:
– Que os bens non fosen obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, o cal deberá acreditarse mediante certificación de taxador independente.
3. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme (ontrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido) para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda.
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
4. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.
5. De ser o caso, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos pola persoa beneficiaria en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto.
6. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros.
7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017 de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren; neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade.
b) Non vinculación.
c) Identificación do ofertante e do destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida logo da xustificación da súa elección mediante a presentación dunha memoria que motive que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
8. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.
9. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.
10. Os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais a beneficiaria deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004 pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
Cuantía de las ayudas
1. O importe da axuda será do 60 % aplicado ao montante dos investimentos subvencionables menos o beneficio de explotación calculado ao longo do período de explotación do negocio. Límite absoluto de 2.500.000 €.
2. Entenderase como «beneficio de explotación» para os efectos destas axudas a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo utilizarase unha taxa de desconto do 4 %. Se esta diferencia é negativa, o «beneficio de explotación» será nulo.
A axuda concederase con base no plan de viabilidade que presente o solicitante a un período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura.
Plazo de presentación de solicitudes
Prazo de presentación de solicitudes: comezará a contar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.
Incompatibilidades
Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 6 destas bases.
Referencia legislativa
Resolución do 6 de agosto de 2025 (DOG Nº160 do 22/08/2025) - Bases reguladoras
Resolución do 15 de decembro de 2025 (DOG Nº247 do 23/12/2025) - Resolución definitiva
Información y tramitación
Para presentar a solicitude, a persoa representante da sociedade deberá cubrir un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
As empresas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude.
b) Se é o caso, memoria dos activos que achega a sociedade para o funcionamento da infraestrutura valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.
c) As tres ofertas que debe solicitar a persoa interesada, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.
d) No caso de investimento en obra civil, deberán achegar os seguintes planos:
1º) Esbozo de localización dentro do termo municipal.
2º) Plano xeral acoutado das instalacións, en que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.
3º) Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.
e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d), o solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.
f) As empresas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos diferentes medios de proba recollidos nas bases.
Observaciones
Prazo de resolución: tres meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.
Prazo de execución dos proxectos: rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 1 de outubro de 2027.
Prazo de solicitude de anticipos: o prazo para solicitar anticipos será ata o 30 de abril de 2026 para os gastos da anualidade 2026, e ata o 15 de marzo de 2027 para os gastos da anualidade 2027.
Prazo de xustificación: o prazo para xustificar os gastos incorridos en 2025 abranguerá ata o 17 de novembro de 2025, en 2026 ata o 16 de novembro de 2026, en 2027 ata o 1 de outubro de 2027. Os gastos realizados entre o 18 de novembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputados ao 2026 e os gastos realizados entre o 17 de novembro de 2026 e o 31 de decembro de 2026 poderán ser imputados ao 2027.
Anticipo: anticipo automático do 20 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario 2025. Este anticipo computará para os efectos do límite máximo de anticipos.
Poderán concederse outros pagamentos anticipados, de maneira que a suma de todos os anticipos concedidos, incluído o anticipo inicial, non supere o 80 % do importe da subvención concedida, segundo o establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009. A persoa beneficiaria debe solicitar o anticipo marcando esta opción no anexo II. Cada anticipo imputarase á anualidade do exercicio orzamentario correspondente e, en ningún caso, poderá exceder o límite desa anualidade, nin o prazo indicado na resolución de convocatoria.