IG408J - PRÉSTAMOS PARCIALMENTE REEMBOLSABLES PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTO DAS PEMES PREVISTOS NO INSTRUMENTO FINANCIEIRO DO FONDO DE TRANSICIÓN XUSTA (2026)

Finalidad / Objetivo

A concesión de préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento das pemes, xeradores de emprego na provincia da Coruña, cofinanciado no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX).

Estas axudas combinan un instrumento financeiro de préstamos directos cunha subvención nunha mesma operación, de forma que estes préstamos, destinados a financiar investimentos das pemes, poderán ser parcialmente reembolsables en función do cumprimento de determinados fitos de creación neta de postos de traballo e, se é o caso, doutras condicións de execución do proxecto

Tipos de apoyo

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTJ) que ten unha taxa de cofinanciamento do 70%, proporcionándose o cofinanciamento nacional no nivel dos perceptores finais, como investimento elixible nos mesmos.

Beneficiarios potenciales

1. As pemes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen ou teñan previsto realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, localizada na provincia da Coruña.

b) Teñan previsto realizar un proxecto de investimento cun investimento subvencionable mínimo de 60.000 €, que supoña a creación neta de emprego no/nos centro/s de traballo da persoa beneficiaria na provincia da Coruña (creación de polo menos 1 posto de traballo con contrato indefinido a tempo completo e manter este posto de traballo xunto ao seu persoal con contrato indefinido no momento da solicitude, polo menos, durante 3 anos desde a acreditación do fito de creación de emprego).

2. As pemes poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, aínda carecendo de personalidade xurídica.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axuda.
b) As empresas en crise.
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou incumpran as obrigacións do artigo 11 da citada lei, ou do artigo 14.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) As empresas que propoñan un proxecto afectado a unha actividade pertencente a un sector excluído.

Sectores incentivables

1. Poderán ser obxecto de axuda os proxectos de investimento empresarial xeradores de emprego pertencentes a todas as actividades económicas susceptibles de recibir axudas, coas excepcións seguintes:

2. Non poderán concederse axudas aos sectores e actividades que estean excluídos e que son os seguintes:

a) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos de tabaco.
b) Investimentos relacionados coa produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
c) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.
d) Sectores do aceiro, o lignito e o carbón.
e) Sector do transporte, así como a correspondente infraestrutura; as axudas á produción, o almacenamento, o transporte, a distribución e as infraestruturas de enerxía, e as axudas no sector da banda larga.
f) As actividades financeiras e de seguros» ou a empresas que realicen actividades intragrupo e cuxas actividades principais estean incluídas nas categorías 70.10 - Actividades das sedes centrais ou 70.22 - Outras actividades de consultoría de xestión empresarial.
g) Transformación e comercialización de produtos agrícolas cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade dos devanditos produtos adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas ou cando a axuda se supedite á súa transmisión, total ou parcial, aos produtores primarios.
h) Sector da pesca e a acuicultura.
i) Sector agrícola primario.

Quedan excluídas as actividades que afecten as entulleiras e plantas de tratamento mecánico-biolóxico de residuos, as incineradoras, as desalinizadoras, a investigación básica, as instalacións suxeitas ao Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (ETS).

Ademais, limitarase o apoio á produción de biogás baixo as condicións recollidas nas bases.

Todas as infraestruturas apoiadas deberán cumprir o principio de accesibilidade cando resulte de aplicación. En relación coas infraestruturas para coidado de maiores fundamentaranse na desinstitucionalización, a apertura, a accesibilidade e os coidados baseados na comunidade.

Requisitos principales del proyecto

1. Serán subvencionables os proxectos de investimento produtivo das pemes, xeradores de emprego no territorio da Coruña, de lugar á diversificación económica, modernización e/ou reconversión, e que respondan a algunha das tipoloxías seguintes:
- A creación dun novo establecemento.
- A ampliación da capacidade dun establecemento existente.
- A diversificación da produción dun establecemento en produtos ou servizos que anteriormente non se producían ou non se prestaban nel.
- A transformación fundamental do proceso global de produción do produto ou produtos ou da prestación global do servizo ou servizos afectados polo investimento no establecemento.

2. Non serán subvencionables os proxectos que unicamente supoñan a ampliación de capacidade nun establecemento existente, nin traslados por recolocación de actividades.

3. O proxecto deberá comprender un importe mínimo de investimento subvencionable de 60.000 €. Non se establece un importe máximo de investimento subvencionable.

4. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude de axuda. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a axuda con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Aqueles proxectos excluídos por non dispoñer de crédito orzamentario tras a aplicación dos criterios de priorización correspondentes, no suposto de presentación de idéntico proxecto a futuras convocatorias do instrumento, tomarase en consideración a data de solicitude desta convocatoria en relación ao efecto incentivador.

5. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de finalización do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, finalizará dentro dos 18 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

Cualificación requerida del proyecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo ao artigo 9.

Inversiones o gastos computables

1. Só serán subvencionables os investimentos produtivos en activos materiais e inmateriais adquiridos a terceiros non vinculados coa persoa beneficiaria. Os investimentos produtivos deben entenderse como investimentos en capital fixo ou como o activo inmobilizado dunha empresa para producir bens e servizos, de maneira que se contribúa á formación bruta de capital e ao emprego.

2. Os instrumentos financeiros poderán financiar o IVE soportado polas persoas beneficiarias en relación cos investimentos que constitúan a operación. Con todo, para efectos do cálculo do tramo non reembolsable do préstamo, non se computará o IVE que sexa recuperable.

3. Só será subvencionable a adquisición de terreos por un importe que non exceda o 10 % do investimento total subvencionable da operación que se trate. Esta limitación non se aplica ás operacións relativas á conservación do ambiente. Tampouco naqueles casos en que a operación consista, na adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas en uso para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición.

4. As adquisicións de bens inmobles ou de bens mobles inscritibles nun rexistro público deberán utilizarse para os fins previstos durante un período mínimo de 5 anos, e o resto dos investimentos na localización prevista durante un mínimo de 3 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.

5. O importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles no momento da adquisición, o que se acreditará mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e rexistrado no Banco de España.

6. Non será subvencionable a adquisición dos terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao Igape, Xesgalicia ou a outro organismo ou entidade, directa ou indirectamente, vinculado ou relacionado con estes.

7. Os custos de adquisición de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria e
b) Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares; acreditaranse estes puntos mediante certificación de taxador independente.
Cando o importe do investimento subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e 40.000 € para o caso de execución de obra, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan.

Cuantía de las ayudas

1. O préstamo non superará o 70% do investimento subvencionable e configúrase como un instrumento financeiro combinado cunha subvención nunha única operación.

2. Polo menos un 30 % do investimento s ubvencionable deberá ser financiado por terceiros, xa sexan entidades financeiras ou outras entidades privadas ou públicas nacionais. Esta contribución terá a consideración de cofinanciamento nacional, para o que o titular deberá achegar os acordos xurídicos realizados coas entidades privadas ou públicas españolas, acreditativas desta contribución e a xustificación da transferencia efectiva dos recursos.

3. A persoa beneficiaria deberá achegar unha contribución financeira mínima do 25% dos custos subvencionables, ben a través dos seus propios recursos, ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública. No caso de que esa contribución financeira mínima sexa achegada como financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública, poderá computarse esta última como cofinanciamento nacional para os efectos do punto anterior.

 Características dos préstamos

1. Os préstamos concedidos contarán cun tramo reembolsable e outro non reembolsable. O tramo non reembolsable estará constituído pola subvención en combinación co instrumento financeiro nunha única operación

A subvención materializarase no momento de acreditación do cumprimento do fito de creación de emprego e, se é o caso, doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión do instrumento financeiro. A suma dos tramos reembolsable e non reembolsable constituirá o importe da operación única de instrumento financeiro combinada con subvención, que, como máximo, suporá o 70 % do investimento subvencionable. O importe do tramo non reembolsable, non superará ao do tramo reembolsable. Ambos tramos devindicarán xuros aos tipos determinados neste artigo, mentres o tramo non reembolsable non adquira firmeza.

2. O tramo non reembolsable será o 25 % do investimento subvencionable, no caso das medianas empresas, e o 35 % do investimento subvencionable, no caso das pequenas empresas e microempresas.

3. Disposición: prevese a posibilidade de solicitar e realizar varias disposicións.

4. Tipo de xuro ordinario: será fixo, e determinado no momento da concesión para cada empresa beneficiaria e proxecto, conforme o seguinte método:

a) Tipo base: Euríbor a 1 ano.
b) Marxes: determinaranse para cada operación con base na súa cualificación de risco e ás garantías.
A cualificación de risco de crédito e o grao de colateralización serán determinados con arranxo ao Anexo III das bases.
No caso de que o tipo de referencia negativo, o tipo de xuro resultante de sumarlle a marxe non poderá ser inferior ao 0%.

5. Tipo de xuro moratorio: o tipo de xuro ordinario máis 4 puntos porcentuais anuais.

6. Reembolso: O tramo reembolsable será reintegrado pola persoa beneficiaria nun prazo máximo de 15 anos, con carencia igual ao prazo de execución do proxecto previsto na resolución de concesión máis un ano. Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pago de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización.

7. En caso de incumprimento total ou parcial das condicións do contrato de financiamento, o Igape poderá dalo por vencido, e requirirá o reembolso total ou parcial, segundo corresponda, do capital vivo e dos xuros devindicados.

8. Garantías: o Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación.

9. Amortización anticipada voluntaria: O tramo reembolsable poderá ser amortizado anticipadamente total ou parcialmente en calquera momento, á vontade da titular.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de tres meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionables, sempre que conxuntamente se respecten os límites de intensidade de axuda e demais restricións previstas na normativa aplicable.

O tramo reembolsable do préstamo concédese en condicións de mercado. En consecuencia, este tramo non constitúe axuda de Estado e o seu Equivalente de Subvención Bruta é igual a cero. A efectos exclusivos da verificación do cumprimento da intensidade máxima de axuda permitida unicamente será computado o importe do tramo non reembolsable (subvención) respecto á base de custos elixibles.

Non se poderán outorgar operacións do instrumento financeiro combinado con subvención por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

Referencia legislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº20 do 30/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria 2026

Información y tramitación

 Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

 Tramitación
Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a operación financeira, a través da aplicación establecida na dirección da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida no artigo 12 das bases.

Observaciones

O prazo para solicitar a disposición dos fondos dos préstamos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de novembro de 2027.

O prazo para executar os proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión.

O prazo para xustificar a realización e o pago do investimento subvencionable será de catro meses desde a finalización do prazo de execución indicado no acordo de concesión.

Unha vez resolta a concesión, admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, solicitando a modificación ao Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica.

Os prazos para a formalización e disposición dos fondos das operacións, así como os prazos de execución das actuacións poderán ser modificados, previa solicitude dos interesados, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape previo informe da Área de Financiamento nos casos nos que se acredite que o atraso non é por causa imputable á persoa beneficiaria