As catro provincias galegas incrementan as súas vendas ao exterior en 2021 contribuíndo ao récord histórico de Galicia

Viernes, 18 Febrero 2022 14:37

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe en Barcelona na inauguración da quinta edición de Advanced Factories. Destacou a aposta do Goberno galego pola transformación dixital do tecido produtivo, por avanzar no desenvolvemento dos sectores económicos emerxentes e por fomentar unha economía verde e circular.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022.- O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe os rexistros históricos que veñen de acadar as exportacións galegas, pechando o 2021 como o mellor ano desde que hai rexistros ao superar a barreira dos 25.000 millóns de euros. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia acadaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por riba do 12% con respecto ao 2019, último ano antes da pandemia.

“O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas máis complicadas. E faino acadando un rexistro histórico que permite superar por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns”, salientou Guldrís, quen puxo en valor que este récord se acada grazas á importante contribución das catro provincias galegas.

Neste sentido, o director do Igape expuxo que todas as provincias melloran os seus rexistros elevando o teito das exportacións da Comunidade. Así, na Coruña, as vendas ao exterior acadaron os 11.457,4 millóns no 2021, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior; na provincia de Pontevedra, medraron un 11,2%, ata os 12.072 millóns; en Ourense, incrementáronse un 32,1%, superando a barreira dos mil millóns (1.016,4M€); e no caso da provincia de Lugo creceron un 23,6%, ata os 723,2 millóns.

Neste contexto, Guldrís detallou os sectores con máis peso nas exportacións galegas, entre os que resaltou o papel do téxtil, cun “crecemento significativo” ao acumular 5702 millóns, o que supón un 30,3% máis que con respecto ao 2020; a automoción, que amosa unha cifra acumulada no conxunto do ano de máis de 7041 millóns (+4,6%); a industria do metal, que supera os 1865 millóns (+52,8%), e o sector agroalimentario, con preto de 3.527 millóns e unha suba de case o 14% en relación ao 2020.

Unhas industrias ás que engadiu o bo comportamento do naval, cun incremento interanual do 66,8% que lle permite superar os 583 millóns, e o aeroespacial, un sector emerxente que medra un 83,2%, situándose por riba dos 18 millóns. Guldrís detallou tamén o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano, que acadou un novo récord situándose en 9360, un 31,5% máis que no 2020. En canto ás exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, medraron en 44 empresas e acadaron as 2563.

A mellor balanza comercial

Neste marco, o director do Igape destacou tamén que o incremento das exportacións permite a Galicia “contar coa mellor balanza comercial de España en termos absolutos”, cun saldo positivo de 5154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio. Unha situación que contrasta co conxunto estatal, que continúa en números vermellos (-26.177,9M€), case duplicando o déficit con respecto ao ano anterior.

“Con este novo fito, Galicia aséntase como un referente, supoñendo o 8% do total das exportacións estatais, e liderando, xunto ao País Vasco, as comunidades autónomas que claramente marcan o ritmo no norte de España”, expuxo Guldrís, quen tamén afondou nos principais destinos nas vendas ao exterior da Comunidade.

Entre estes, puxo de relevo as importantes subas das exportacións a países menos tradicionais como Grecia (+58,5%), Países Baixos (+37,2%), Bélxica (+33,8%), Polonia (+32,4%), Marrocos (+66,1%) ou Chile (+85,8%). Unhas cifras que complementan aos destinos máis tradicionais como Francia, primeiro mercado exportador con 5206 millóns (+2,1%); Portugal, que suma preto de 3250 millóns (+19,1%); ou Italia con 2437 millóns (+38,7%).

Así mesmo, no referente a China, as exportacións en 2021 sumaron 209 millóns (+11,5%), mentres que as vendas ao exterior galegas con destino Estados Unidos seguen a recuperar unha tendencia positiva: a cifra do ano pasado alcanza os 680 millóns, producíndose un aumento do +63,5% en comparación co 2020.

O apoio da Xunta de Galicia

Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

A Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período

2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

A través desta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.

 

  • La Xunta destaca el potencial del sector TIC gallego y reafirma el compromiso con la innovación, la transformación digital y el crecimiento empresarial
    Leer más
  • Lorenzana apela a no dejarse contaminar por la corriente negacionista que quiere derrocar la industria en Galicia
    Leer más
  • Rueda anuncia que la Xunta declara Proyecto Industrial Estratégico el desarrollo inicial del complejo industrial de fabricación de automóviles SAIC, con el fin de crear más de 2.000 empleos en Ferrol
    Leer más