IG300K - AUTOMOCIÓN - LIÑA 2: PROTECCIÓN DO AMBIENTE INCLUIDA A DESCARBONIZACIÓN (2026)
Finalidad / Objetivo
Apoiar á industria da automoción galega, mediante apoios en tres tipoloxías ou liñas de proxecto de actuación: desenvolvemento tecnolóxico e innovación de procesos ou organización, protección do ambiente incluída a descarbonización e proxectos agrupados de transformación e/ou modernización produtiva.
Tipos de apoyo
Réxime de concorrencia non competitiva.
A presente convocatoria de axudas está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:
Liña 2: Protección do ambiente incluída a descarbonización
Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.
Prioridade: 2A.Transición Verde.
Obxectivo específico: RSO2.1. Fomento da eficiencia enerxética e redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Tipo de acción (CPSO): 2.1.02. Fomento da eficiencia enerxética e da descarbonización das actividades económicas, especialmente das empresas e das pemes.
Tipo de intervención 040. Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes ou grandes empresas e medidas de apoio conformes cos criterios de eficiencia enerxética.
Indicadores de realización:
RCO01 – Empresas apoiadas
RCO02 – Empresas apoiadas a través de subvencións
Indicadores de resultado:
RCR29 Emisiones de gases de efecto invernadero estimadas. Toneladas de dióxido de carbono equivalente/año.
Beneficiarios potenciales
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado.
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, agás as epígrafes 30.1 e 30.2, e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións de empresas segundo a regulación específica de cada liña de axuda. A agrupación rexerá polo documento contractual que as regule, e o seu funcionamento interno responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é a líder ou representante da agrupación. A líder será a representante da agrupación, única interlocutora coa Administración en todo o procedemento sen prexuízo do carácter de beneficiarias de todas e cada unha das integrantes da agrupación.
Todas as entidades que colaboren na execución do proxecto terán a condición de persoas beneficiarias e deberán cumprir as mesmas condicións e obrigas que a solicitante líder da agrupación. Na solicitude deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada persoa membro.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao corrente de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.
e) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC).
Sectores incentivables
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, agás as epígrafes 30.1 e 30.2, e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
Requisitos principales del proyecto
a) Poderán ser subvencionables proxectos de desenvolvemento experimental e proxectos de innovación en materia de organización e procesos, segundo se definen a continuación:
Proxectos para a protección do medio ambiente, incluída a descarbonización. cumprindo os requisitos do artigo 36 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC), en particular algún dos seguintes:
• Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria, superando as normas da Unión vixentes, con independencia da existencia de normas nacionais obrigatorias máis estritas ca as da Unión; ou
• Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria na ausencia de normas da Unión; ou
•Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria co fin de cumprir normas da Unión que fosen adoptadas pero que aínda non estean en vigor.
En caso de que se realicen investimentos en captura e transporte de CO2 deberanse cumprir as condicións acumulativas esixidas no artigo 36.2.bis) do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC). Cando o obxectivo da axuda sexa reducir ou evitar as emisións directas, a axuda non deberá limitarse a desprazar as emisións en cuestión dun sector a outro e deberá conseguir reducións globais das emisións obxectivo; en particular, cando o obxectivo da axuda sexa reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, a axuda non deberá limitarse a desprazar esas emisións dun sector a outro e deberá lograr reducilas de maneira global.
Non se concederán axudas aos investimentos que se realicen para que as empresas se limiten a cumprir as normas vixentes da Unión Europea.
Será obrigatorio presentar xunto co proxecto un informe de entidade experta independente que acredite que o investimento contribúe á protección do medioambiente, incluída a descarbonización, salientando no informe, no seu caso, os custos que non estean directamente vinculados coa consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental, xa que estes non serán subvencionables. Conforme ao disposto no artigo 36, apartado 11 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC), aos efectos destas bases, os custos subvencionables serán determinados sen a identificación dunha hipótese de contraste.
• Condicións dos proxectos obxecto de apoio:
- A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude de axuda. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a axuda con carácter previo á solicitude.
- O prazo de execución dos proxectos rematará o 30 de xuño de 2029.
- Non poderán concederse axudas ao abeiro destas bases para financiar investimentos en máquinas, equipamento ou instalacións que utilicen combustibles fósiles.
- Todos os proxectos deberán contemplar un custo subvencionable mínimo de 100.000 euros e a subvención máxima por proxecto limítase a 10.000.000 euros.
Inversiones o gastos computables
a) Adquisición de terreos, limitados a un máximo do 10 % do investimento subvencionable, de acordo co artigo 7 da Orde HFP/1414/2023.
b) Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:
i) Nova construción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa cunha vixencia mínima suficiente para o periodo de execución e mantemento dos investimentos. O dereito de superficie deberá estar outorgado en escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade.
ii) Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima suficiente para o periodo de execución e mantemento dos investimentos.
iii) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas. Serán subvencionables sempre e cando exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación de acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/1414/2023. O prezo de adquisición non poderá superar o valor de mercado. O importe da construción que poderá considerarse subvencionable será o menor entre o importe indicado no informe de taxación e o valor de adquisición. No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas, ademais, estas non poderán ter sido obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
iv) Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da persoa solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente.
Se dentro do prazo de execución do proxecto ou do de mantemento dos investimentos establecidos na resolución ou acordo de concesión, fosen alleadas as instalacións da antiga localización da persoa solicitante, e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos do cálculo da subvención, deberá notificarse ao Igape tan pronto se produza a transmisión e procederase ao reaxuste do importe da subvención concedida.
A obra civil debe ser executada e facturada por terceiras persoas. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola persoa solicitante.
As actuacións que poidan afectar a espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao amparo da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.
As actuacións que poidan afectar a bens culturais ou á súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.
c) Bens de equipamento, hardware, software e instalacións necesarias para a súa implantación, entendidos como investimentos en capital fixo ou como o activo inmobilizado dunha empresa para producir bens e servizos, de maneira que se contribúa á formación bruta de capital e ao emprego.
d) Os activos inmateriais serán válidos para o cálculo dos custes do investimento sempre que cumpran coas seguintes condicións: a) utilizarse exclusivamente no establecemento do beneficiario da axuda, b) ser amortizables, c) adquirirse en condicións de mercado a terceiros non relacionados coa persoa compradora e d) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e estar vinculados ao proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos cinco (5) anos, ou tres (3) no caso de pemes.
e) Os proxectos non poderán consistir exclusivamente en construción e conceptos inmobiliarios, debendo de incluír obrigatoriamente investimento nalgún outro concepto subvencionable.
f) Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:
- Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos.
- Os custos de traslado de bens equipo que xa sexan propiedade da empresa.
- Os custos de adaptacións á normativa vixente.
- Os custos de formación no uso dos elementos obxecto de investimento.
- O IVE e outros impostos ou taxas e os custos financeiros.
g) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
2. Condicións:
Poderán tamén ser beneficiarias as agrupacións de empresas do sector automoción con empresas de servizos enerxéticos que invistan nunha instalación industrial e formalicen un contrato de rendemento enerxético ou similar coas empresas de automoción. Neste caso, o documento de constitución da agrupación deberá reflectir a forma na que se traslada a subvención que recibiría a empresa de servizos enerxéticos ás empresas de automoción, por exemplo, a través dunha redución das cotas ou do prazo do contrato de rendemento enerxético.
En relación aos requisitos medioambientais/climáticos, para todas as empresas, independentemente do seu tamaño, o proxecto deberá cumprir os criterios de eficiencia enerxética exixidos para o tipo de intervención 040 “Eficiencia enerxética e proxectos de demostraciónen pemes ou grandes empresas e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética” no Anexo I do Regulamento (UE) 2021/1060, concretamente algún dos dous seguintes:
a) lograr, por término medio, unha renovación de alomenos un grao de profundidade intermedia, tal e como se define na Recomendación (UE) 2019/786 da Comisión, do 8 de maio de 2019, relativa á renovación de edificios, ou
b) lograr, por término medio, unha redución de alomenos un 30 % das emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro en comparación coas emisións previas.
Ademáis, para todos os proxectos promovidos por empresas distintas das pemes:
• Realizarase unha análise de pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
• En todos os proxectos minimizarase o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes do mesmo.
• As novas instalacións suxeitas a avaliación ambiental integrada estarán situadas preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
Cuantía de las ayudas
Concederase unha axuda en función do tamaño da empresa sobre os custos subvencionables incorridos pola empresa durante o período subvencionable, coas seguintes intensidades:
Gran empresa – 22,5 %
Mediana empresa – 27,5 %
Pequena empresa – 32,5 %
Plazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto (6) día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións que financien os mesmos custos subvencionables do proxecto. Poderán admitirse outras axudas para custos distintos sempre que non se produza dobre financiamento e se respecten os límites de compatibilidade e acumulación do réxime de axuda aplicable.
Referencia legislativa
Resolución do 20 de xullo de 2026 (DOG Nº135 do 21/07/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Extracto das bases
Información y tramitación
* Información:
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
* Tramitación
1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
* Documentación complementaria:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas
deberán achegar escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) Ofertas: as tres ofertas que debe ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación
do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.
No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas non será
preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación suscrito por sociedade de taxación homologada.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias acreditarán o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores.
d) Para proxectos que inclúan infraestruturas de duración superior a cinco (5) anos, documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial. Se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación. O Igape dispón dun servizo de axuda coa elaboración do informe. Pode solicitalo no seguinte enlace: https://oficinaeconomicagalicia.xunta.gal/analiseclima.
• Documentación específica
a) No seu caso, documento de constitución da agrupación nos termos establecidos no artigo 4.2 das bases reguladoras.
b) Informe de entidade experta independente que acredite que o investimento contribúe á protección do medioambiente, incluída a descarbonización, salientando no informe, no seu caso, os custos que non estean directamente vinculados coa consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental.
c) Documentación acreditativa do rateo aforro emisións CO2 anuais que deberá basearse nos correspondentes certificados de eficiencia enerxética das instalacións. A documentación deberá poder permitir a comparativa da situación de emisións de CO2 anuais previa á execución do proxecto e posterior á execución do proxecto. No caso de infraestruturas ou liñas de nova creación deberá achegarse tamén a estimación de emisións de CO2 anuais dunha instalación de referencia que corresponda á práctica comercial normal.
d) Memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros dos que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sostibilidade financeira.
e) Memoria técnica do proxecto.
f) Listaxe completa dos investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
g) No caso de adquisición de terreos e/ou inmobles, informe de sociedade de taxación homologada.
h) No caso de construción sobre terreo propio ou rehabilitación de inmoble propio, escritura de titularidade da propiedade.
i) No caso de inmobles ou terreos sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa, escritura pública inscrita no Rexistro da propiedade, ou concesión administrativa.
j) No caso de inmobles alugados, contrato de arrendamento.
Observaciones
O prazo de execución dos proxectos rematará o 30 de xuño de 2029.
A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun (1) mes a partires da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión. Para estes efectos:
- Imputaranse á anualidade 2026 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 30 de novembro de 2026. Os gastos executados a partir do 1 de decembro de 2026 poderán impultarse con cargo á xustificación da anualidade 2027.
- Imputaranse á anualidade 2027 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 30 de setembro de 2027. Os gastos executados a partir do 1 de outubro de 2027 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2028.
- Imputaranse á anualidade 2028 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento, remate ata o 30 de setembro de 2028. Os gastos exectuados a partir do 1 de outubro de 2028 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2029.
- Imputaranse á anualidade 2029 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 30 de xuño de 2029.
En todas as liñas resolverase a concesión de axuda e un anticipo do 80 % da axuda.