A Xunta destaca o valor da comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade e a proxección da Marca Galicia

Martes, 17 Novembro 2026 18:37
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Madrid na inauguración do encontro “Galicia, marca registrada”, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia
  • Pon en valor o talento e a creatividade do sector galego e o seu papel para axudar ás empresas a diferenciarse, abrir mercados e xerar novas oportunidades de negocio
  • Salienta a aposta da Xunta pola innovación, a intelixencia artificial e a colaboración empresarial como motores de crecemento e competitividade

Madrid, 17 de novembro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe en Madrid a importancia da comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade das empresas galegas e fortalecer a proxección da Marca Galicia nos mercados nacionais e internacionais. Fíxoo na inauguración do encontro “Galicia, marca registrada”, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia na Casa de Galicia en Madrid, que reuniu marcas, empresas e profesionais da comunicación, o márketing e a creatividade para explorar novas oportunidades de colaboración e negocio.

Durante a súa intervención, Toca Carús puxo en valor a identidade propia de Galicia, asociada á calidade, ao talento e á capacidade das súas empresas para competir dentro e fóra das nosas fronteiras. Neste sentido, destacou o papel de Galicia Calidade como símbolo de recoñecemento e prestixio, incidindo en que a orixe pode converterse nunha vantaxe competitiva para as empresas.

A directora subliñou que a comunicación e o márketing deben formar parte da estratexia empresarial, especialmente no caso das pequenas e medianas empresas, xa que contribúen a mellorar o seu posicionamento, conectar con novos clientes, atraer talento e acceder a novos mercados. Así mesmo, salientou a importancia da colaboración entre marcas e axencias para transformar a creatividade en resultados reais para o negocio.

Innovación e colaboración para impulsar o sector

Toca Carús referiuse tamén aos retos e oportunidades que a transformación dixital e a intelixencia artificial están abrindo no ámbito da comunicación, permitindo coñecer mellor os mercados, personalizar as mensaxes e mellorar a eficacia das estratexias empresariais.

Neste contexto, destacou a aposta da Xunta pola incorporación da innovación e das novas tecnoloxías ao tecido produtivo, en liña coas prioridades da nova Estratexia Galega de Innovación, que busca achegar estas ferramentas a un maior número de empresas para reforzar a súa competitividade.

A directora puxo en valor o traballo do Clúster da Comunicación de Galicia como exemplo de colaboración empresarial, destacando o seu papel no impulso á innovación e na visibilidade do talento creativo galego. Así mesmo, reafirmou o compromiso da Xunta, a través do Igape, cos clústeres como aliados estratéxicos para xerar novas oportunidades de negocio e fortalecer a Marca Galicia, proxectando a creatividade e a competitividade das empresas galegas.

  • A Xunta destaca o valor da comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade e a proxección da Marca Galicia
    Ler máis
  • A Xunta aborda co embaixador de Vietnam en España as relacións económicas e comerciais con Galicia
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor o potencial da innovación e o deseño para impulsar a competitividade do sector da madeira en Galicia
    Ler máis