IG408K - TICKET INNOVA - AXUDAS PARA A MELLORA DA CAPACIDADE DE INNOVACIÓN E O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO, A TRAVÉS DA APLICACIÓN DE SERVIZOS DE INNOVACIÓN (2025)
Finalidade / Obxectivo
1. A concesión de axudas destinadas a incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
2. A finalidade é fomentar a implementación da innovación nas pemes galegas e a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas, como valor engadido e como instrumento para o incremento da súa produtividade, crecemento e diferenciación no mercado.
3. As axudas destinaranse a financiar a contratación, polas pemes, de servizos especializados de apoio á innovación, que inclúan os servizos relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado, realizados a través de empresas de consultoría especializadas na prestación de servizos de innovación e centros tecnolóxicos galegos.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia non competitiva.
Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.
2. Consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea e con forma xurídica de sociedade mercantil.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos para os que solicitan a axuda.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Requisitos principais do proxecto
O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 10.000 €.
Investimentos ou gastos computables
1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da solicitude de axuda. O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 10.000 €.
2. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
3. En ningún caso os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
4. As contratacións relativas a prestación dos servizos asociados aos tickets de innovación terán que estar realizadas e pagadas dentro do prazo de execución, que abrangue dende o 1 de xaneiro de 2025 ata a data da presentación da solicitude.
5 . Existen 6 modalidades de tickets Innova:
a) Estratexia e xestión da innovación.
- Estudos de viabilidade tecnolóxica e industria.
- Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da técnica.
- Auditoría/consultoría en produto/servizo.
- Estudos de mercado, ensaios, testeo e validación experimental de novos prototipos de novos produtos e/ou servizos, procesos piloto, novos métodos ou materiais.
- Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora.
- Asesoramento para a identificación, monitorización e acompañamento de licitacións de CPI (compra pública de innovación).
- Actividades de deseño industrial, enxeñería e posta a punto de novos sistemas de produción vinculados a novos produtos, procesos ou servizos diferenciadores.
b) Deseño para a innovación.
- Conceptualización e deseño de novos produtos e servizos diferenciais.
- Deseño de marca e identidade corporativa.
c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.
- Asesoramento na xestión da protección do coñecemento da innovación industrial patentes, marcas comerciais e deseños industriais, etc.
d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.
e) Preparación de propostas a programas e axudas europeas.
f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.
- Realidade aumentada, a impresión 3D, a automatización avanzada e robótica, así como internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos.
- Sistemas de intelixencia artificial (intelixencia de negocio, big data e similares).
- Ciberseguridade.
6. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de procesos produtivos, produtos ou servizos existentes, que non supoñan unha innovación. En concreto, exclúense as actividades destinadas a:
a) O cumprimento de normativa obrigatoria.
b) As análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Fabricación ou produción de prototipos.
d) Implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas ou similares.
e) Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
f) Calquera tipo de acción formativa.
g) Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERPs, CRMs, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
h) Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
i) Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
7. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria e serán exclusivamente custos directos.
8. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
10. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos: comparabilidade, non vinculación, identificación do ofertante e do destinatario e data.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
Contía das axudas
Concederase unha axuda do 80%, ata un máximo de 48.000 euros, para os gastos realizados pola empresa beneficiaria durante o período subvencionable.
Gasto: De 10.000 euros ata 60.000 euros - Subvención: De 8.000 euros ata 48.000 euros
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do 10 de febreiro e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.
Unha mesma entidade só poderá presentar unha solicitude en toda a convocatoria, debendo escoller para elo, un servizo entre os seis correspondentes aos seis tickets para a innovación descritos nesta convocatoria.
Incompatibilidades
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións para os mesmos gastos.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.
Referencia lexislativa
Resolución do 17 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2025) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I).
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.
As solicitudes presentadas non poderán modificarse.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.
b) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
c) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría.
Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de tódalas entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
d) Declaración da condición de peme, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.
e) En relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto e doutras axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
g) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado.
Observacións
Prazo de xustificación: as persoas beneficiarias das axudas por importe maior de 29.990 euros, deberán presentar a solicitude de cobro antes do 30 de novembro de 2025.
Para importes de subvención de ata 29.990 €, o aboamento das subvencións reguladas nesta convocatoria realizarase una vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos. Resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude.
Para importes de subvención maiores de 29.990 €, o aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.