IG622A - GALICIA EXPORTA EMPRESAS - AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR (2026)
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas axudas é apoiar e incentivar accións de promoción exterior que melloren a competitividade das empresas galegas e reforcen a súa presenza nos mercados internacionais.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
Réxime de minimis.
A convocatoria de axudas ten unha dotación de 9.000.000 €, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60% do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional, polo 40% restante, o cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible das persoas beneficiarias.
En particular, esta convocatoria enmárcase nos seguintes obxectivos e prioridades:
Obxectivo Político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A: Transición dixital e intelixente.
Obxectivo Específico 1.3: Reforzar o crecemento sostible e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Tipo de acción (CPSO): 1.3.3 - axudas á internacionalización de empresas galegas.
Subtipo de acción (CPSO): 1.3.3.2 - axudas ao programa Galicia Exporta empresas.
Tipo de intervención: 021.Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Cumprir coa definición de peme.
b) A empresa deberá ter algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e contar, no devandito centro, con polo menos un traballador por conta allea na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este requisito non será de aplicación ás startups que conten con certificación de Enisa en vigor nin ás empresas constituídas con menos de corenta e dous (42) meses de antigüidade na citada data. As accións de internacionalización solicitadas deberán estar directamente vinculadas ás actividades desenvolvidas no centro de traballo radicado en Galicia.
c) Estar dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización cun informe positivo, emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. No caso de non estaren inscritas, deberán solicitar a alta a través do procedemento IG192 antes da data de presentación da solicitude.
d) Estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
e) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos), que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.
d) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Requisitos principais do proxecto
Serán subvencionables os proxectos de internacionalización nos que se executen unha ou varias das seguintes actividades:
a) Promoción internacional: apoio á participación en feiras, outros eventos expositivos internacionais e misións comerciais que melloren a presenza e visibilidade das empresas galegas en novos mercados internacionais.
b) Competitividade internacional: iniciativas orientadas a reforzar o posicionamento e a capacidade operativa das empresas no exterior, mediante actuacións de adaptación a normativas, certificacións, mellora de procesos, accións de prospección en novos mercados e accións de márketing global.
c) Internacionalización dixital e e-commerce: proxectos destinados a impulsar a internacionalización a través da incorporación de tecnoloxías dixitais e solucións innovadoras, incluíndo o comercio electrónico, o márketing dixital e o uso de ferramentas de análise de datos para a toma de decisións.
O período de execución computarase desde o día 1 de xaneiro de 2026 (se ben o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente -data da última factura- no momento de presentar a solicitude de axuda) ata o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión.
Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que a solicitude inclúa accións de participación como expositor en ditas feiras ou eventos expositivos internacionais, e se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actividade prevista.
O gasto mínimo subvencionable do proxecto, excluídos os custos indirectos será de 3.500 € (IVE excluído).
Cualificación requerida do proxecto
As solicitudes avaliaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata a total utilización do orzamento da convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.
Investimentos ou gastos computables
Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o cal foron concibidos. Os gastos subvencionables clasifícanse en:
1. CUSTOS DIRECTOS
PROMOCIÓN INTERNACIONAL
Neste apartado inclúense as seguintes actividades:
a) Participación como expositor en feiras.
b) Participación activa noutros eventos expositivos de carácter internacional.
c) Misións comerciais directas.
d) Misións comerciais inversas.
Gastos subvencionables:
1. Aluguer de espazos e/ou stand, e servizos relacionados coa participación na feira ou evento: gastos de aluguer de espazos e ou stand, entradas, dereitos de inscrición, deseño, construcións, montaxe e desmontaxe de stand, aluguer de mobiliario equipamento, decoración ou personalización do stand, aluguer de equipos audiovisuais, participación en actividades paralelas organizadas no marco da feira, modelos ou de persoal de apoio e outros servizos de natureza similar debidamente xustificados.
2. Gastos de envío de mostras sen valor comercial e de catálogos.
3. Gastos asistencia externa en destino para a elaboración axendas de reunións e organización das accións anteriores, sempre que se acredite a súa execución efectiva en destino. As empresas que presten este tipo de servizos descritos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado polas oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro, ou polas oficinas comerciais ou organismos públicos españois ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.
4. Gastos de intérpretes.
5. Gastos de viaxe e aloxamento: serán subvencionables os gastos de viaxe e correspondentes a un máximo de dúas persoas por empresa participante, que deberán ser persoal propio da empresa ou membros do seu consello de administración. Inclúense neste concepto:
- Billetes de avión, tren, autobús, barco e viaxes internos que sexan necesarios para o desenvolvemento da acción incluíndo as viaxes internas dentro do país. Tamén son subvencionables os gastos de facturación de equipaxe e elección de asentos, as taxas de viaxe, seguros de viaxe, probas PCR ou similares, visados e gastos de xestión da axencia de viaxe.
- Aluguer de vehículos sen condutor. Exclúense os gastos de transporte en taxi e VTC.
- Estancia en réxime de aloxamento e almorzo, na cidade de celebración da feira ou evento expositivo ou da misión comercial, ou nos seus arredores, cun máximo de cinco noitadas, das cales, polo menos unha deberá coincidir coas datas de celebración da acción.
No caso de accións que se desenvolvan en máis dun país, poderase ampliar a estancia en ata dúas noitadas adicionais por país, establecéndose un límite máximo total de dez noitadas.
Así mesmo, cando a acción teña lugar en máis de dúas cidades dun mesmo país, poderase autorizar unha ampliación de ata dúas noitadas por cidade adicional ata un máximo de dez, sempre que quede debidamente xustificada a súa necesidade para o desenvolvemento da actividade.
Poderanse realizar un máximo de dúas noitadas in itinere.
- Os límites de gastos deste apartado son os recollidos no anexo II. Para o cómputo do límite de quilometraxe terase en conta a distancia entre a orixe e o destino final sen computar as escalas. Non son subvencionables os gastos deste epígrafe para accións que teñan lugar en Galicia con excepción das misións comerciais inversas.
6. Para as misións comerciais inversas son subvencionables todos os gastos mencionados nos apartados anteriores para as persoas participantes na acción. Inclúense desprazamentos internos en Galicia, gastos de intérpretes e alugueiro de salóns e espazos de traballo.
COMPETITIVIDADE INTERNACIONAL
Gastos subvencionables:
1. Compra de espazos publicitarios e inserción de anuncios en medios de comunicación impresos ou dixitais, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro. As campañas deberán ser realizadas dentro do prazo de execución do proxecto. Non son subvencionables os gastos de deseño e elaboración das campañas.
2. Compra de espazos publicitarios e inserción nos catálogos en papel ou dixital e/ou páxinas web de importadores/distribuidores no estranxeiro.
3. Gastos para a elaboración de catálogos en papel ou dixitais para a súa difusión en mercados estranxeiros. Este gasto só poderá ser subvencionable cando estea vinculado á execución, polo menos, unha acción de promoción debidamente xustificada.
4. Gastos de servizo de consultaría para a elaboración de documentos que inclúan a metodoloxía enfocada a descubrir novos mercados internacionais para a empresa e os seus produtos, a través do estudo da competencia nos devanditos mercados tales coma análise de competidores, identificación de boas prácticas, benchmarking funcional ou similares.
5. Gastos de servizo de consultaría para accións de seguimento de contactos ou de clientes xa existentes no estranxeiro dirixidos á para a consolidación do negocio e a implantación promocional en destino
6. Gastos de consultaría, asistencia xurídica e técnica para xestión de acordos comerciais internacionais, certificacións, homologacións e rexistros de marcas e patentes de produtos e servizos para o estranxeiro (inclúense os códigos fonte/códigos obxecto); Informe de liberdade de operación ou “Freedom to Operate” (FTO) ou outros de natureza similar debidamente xustificados; adaptacións do produto necesarias para a súa comercialización no mercado de destino; asesoría para loxística internacional.
7. Servizos para a tradución de documentación.
8. Gastos das taxas específicas e inherentes aos servizos sempre que estean relacionados coa actuación subvencionada e sexan indispensables para a adecuada preparación ou a súa execución.
Non son subvencionables neste apartado:
- Os custos de mailings.
- Os convites.
- O material de papelería, tarxetas, sobres, carpetas, listas de prezos e calquera outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
- Carteis, manuais de instrucións, flyers, displays, ou outros elementos de similares características.
- Produtos de merchandising e outros agasallos promocionais.
INTERNACIONALIZACIÓN DIXITAL E E-COMMERCE.
Gastos subvencionables:
1. Creación de novas tendas en liña ou adaptación das existentes para promover a venda en mercados internacionais, así como o pagamento de cotas para a introdución dos produtos da empresa en plataformas de comercio electrónico nos mercados obxectivo. Non está incluído o simple mantemento e actualización anual da páxina web.
2. Creación e adaptación de catálogos en liña para o márketing e as vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.
3. Campañas de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar a usuarios de interese obxectivo do negocio en liña.
4. Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización das canles de venda e márketing en liña.
2. CUSTOS INDIRECTOS
Serán aqueles custos distintos dos custos directos subvencionables, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos, subministros, seguros, mantemento ou limpeza.
Fíxanse nun tipo fixo do 7% sobre os custos directos subvencionables.
Condicións dos proxectos:
- Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables sexa igual ou superior a 15.000 €, a persoa solicitante, deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente núme¬ro de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos: comparabilidade, non vinculación, Identificación do ofertante e do destinatario e data de emisión.
- Os provedores non poderán estar vinculados entre si nin coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
- Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación destas bases o Imposto sobre o valor engadido (IVE), a non ser que se acredite que non é recuperable..
- En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.
- No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.
Contía das axudas
A contía da axuda será dunha subvención do 70% dos custos directos. Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7% sobre os custos directos subvencionables.
O importe máximo total de subvención será de 150.000 € por empresa custos indirectos incluídos.
Para o conxunto das accións tipo a) Promoción internacional e b) Competitividade internacional, o importe máximo de subvención será de 100.000 €, custos indirectos incluídos.
Nas accións tipo c) Dixitalización para a internacionalización o importe máximo de subvención será de 50.000 € custos indirectos incluídos.
O gasto mínimo subvencionable do proxecto, excluídos os custos indirectos será de 3.500 € (IVE excluído).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o oitavo día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2026, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos gastos subvencionables.
2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 40.000 euros e para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros.
Referencia lexislativa
Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº30 do 13/02/2026) - Corrección de erros
Información e tramitación
1. As persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as cales solicita a subvención, a través de https://spiga-sede.igape.es
No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa que incluirá: os mercados obxectivos e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I).
As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación coa que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) As tres ofertas que, se é o caso, deba ter solicitado.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida
Observacións
• Cada peme interesada poderá presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria. No caso de presentar máis dunha, considerarase que desiste da anterior, salvo que xa exista unha resolución expresa sobre esta.
• O prazo de execución comezará o 1 de xaneiro de 2026. O proxecto obxecto da axuda non poderá estar completamente executado (data da última factura) no momento de presentar a solicitude. Este prazo rematará na data indicada na resolución de concesión e, en ningún caso, poderá exceder o 15 de decembro de 2026. Esta data constitúe o prazo máximo para a emisión e o pagamento das facturas correspondentes.
• Anticipos: Poderase realizar o pagamento anticipado de ata o 50 % do importe da subvención concedida, sempre que a persoa beneficiaria o solicitase.
• Modificacións: Unha vez ditada a resolución de concesión, só se admitirá unha solicitude de modificación por convocatoria que deberá presentarse como máximo cun mes de anterioridade á data de finalización do prazo de execución do proxecto.
Non se considerarán modificacións propiamente ditas:
- Feiras ou eventos expositivos internacionais: substitución dun evento por outro de características similares ou modificación das súas datas ou país de destino.
- Misións comerciais directas: cambio de datas ou substitución do destino ou destinos previstos na misión.
- Misións comerciais inversas: modificación das datas ou do lugar de procedencia dos visitantes.