IG534D - NOVACIÓNS DE DÉBEDAS (2026)
-
Documentos de interese:
- Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases e convocatoria
Finalidade / Obxectivo
A persistencia da necesidade de dar solución ás dificultades de reintegro que presentan determinadas operacións de préstamo, así como de facilitar a recuperación polo erario autonómico dos importes endebedados, incluíndo adicionalmente a posibilidade de novacións limitadas ao cambio de tipo de xuro, xa sexa pasando de tipo fixo a variable, ou modificando o tipo que corresponda para adaptalo ás condicións de mercado.
Tipos de apoio
Novacións de débedas en réxime de concorrencia non competitiva.
En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
1. Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular, e/ou para a revisión do tipo de xuro, xa sexa pasando de tipo fixo a variable, ou modificando o tipo de xuro aplicado para adaptalo ás condicións de mercado. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
2. Novación extintiva de préstamos vencidos. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dunha nova operación.
Beneficiarios potenciais
As persoas físicas ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo, ou que soliciten a revisión do tipo de xuro, xa sexa pasando de tipo fixo a variable, ou modificando o tipo de xuro aplicado para adaptalo ás condicións de mercado.
b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nos apartados a) e b) anteriores excepciónanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.
Requisitos principais do proxecto
• Condicións xerais das operacións:
1. Prazo e amortización
1.1. No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos, e poderán contemplarse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes aos establecidos inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais.
No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo de 25 anos, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme a un plan económico financeiro que deberá achegar a persoa solicitante.
1.2. A persoa prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.
1.3. As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da persoa prestameira, como a obtención de EBITDA en exercicios futuros superiores a determinados limiares ou o cobramento de axudas públicas, entre outros, así como de limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular e na devolución de préstamos a socios ou a outras persoas vinculadas. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola persoa solicitante.
2. Contías financiables
Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, podendo incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento no cal quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.
3. Garantías
As novacións que se aproben ao abeiro destas bases contarán con garantías adecuadas en función das características da operación. A cuantificación da garantía realizarase polo Igape mediante o procedemento descrito no Anexo IV.
4. Xuros
O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte:
a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao amparo destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de estado.
Para iso, o Igape percibirá intereses adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas. O tipo de xuro ordinario será a suma do tipo base máis a marxe.
b) Xuros de mora. En caso de atraso no pago dalgunha das sumas debidas, a persoa prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis catro puntos porcentuais. Os ditos xuros liquidaranse o último día do trimestre natural no que se xeraron.
Os xuros percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.
5. Os contratos mediante os cales se formalicen as novacións someteranse ao dereito privado, aínda cando a débeda a favor do Igape por razón destas operacións terá a cualificación de crédito de dereito público.
Cualificación requerida do proxecto
Naquelas solicitudes que cumpran as condicións necesarias, o Igape realizará un estudo da cualificación de risco da solicitante seguindo a metodoloxía descrita no Anexo III, do cal resultará encadrada nunha das categorías “Excelente (AAA-A)”, “Boa (BBB)”, “Satisfactoria (BB)”, “Deficiente (B)”, ou “Mala/dificultades (CC)”. Conforme aos criterios descritos no Anexo IV, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveles de colateralización: “Alta”, “Normal” e “Baixa”.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9:00 horas e rematará o 30/12/2026, ás 14.00 horas, salvo que se produza esgotamento de crédito.
Referencia lexislativa
Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Información e tramitación
Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a axuda, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente (https://sedeelectronica.bde.es)
b) Detalle da situación de débedas con Facenda, Seguridade Social e Comunidade Autónoma, incluíndo expresamente relación de aprazamentos concedidos con indicación de calendario de pagamentos.
c) Plan económico financeiro, incluíndo contas de resultados, fluxos de efectivo e balances provisionais, describindo as hipóteses que sustentan as previsións.
d) Memoria xustificativa da solicitude, evolución das actividades, e do emprego, identificación das causas que motivan a incapacidade de cumprir cos calendarios pactados e feitos que sustentan a capacidade de reembolso futura.
e) Evolución do restante endebedamento da compañía dende a formalización do préstamo. Operacións financeiras concedidas e amortizacións pagadas a outras entidades.
f) Refinanciamento doutras débedas previstas: no caso de contemplar un plan de refinanciamento máis amplo, acreditación do mesmo mediante escrito das entidades financeiras afectadas e/ou copia dos contratos.
g) Para o caso de solicitar que o tipo de xuro poida determinarse, de seren máis beneficioso, en base á comparación con transaccións de mercado comparables, e/ou para o caso de novacións modificativas para a revisión do tipo de xuro nas operacións concedidas en momentos nos que as beneficiarias se atopaban en situacións nas que a súa cualificación de risco de crédito era inferior á que podería obter na actualidade, e como consecuencia o tipo de xuro aplicado resulta máis elevado que o de mercado: contratos recentes similares con entidades bancarias ou ofertas en firme, que acrediten que o tipo de mercado ao que pode acceder é inferior ao cobrado polo Igape.
h) Operacións de financiamento con socios, administradores ou partes vinculadas. Detalle dos saldos con socios, relación de préstamos recibidos ou concedidos, con copia dos contratos se é o caso.
i) Plan de amortización da débeda proposto, comparativo coa amortización do restante endebedamento financeiro.
j) Nos casos nos que a persoa titular da operación sexa diferente da persoa debedora da débeda que se vai novar (fiadores, avalistas ou titulares de bens que garantan as ditas débedas) a documentación recollida nas bases.
Observacións
1. Nun prazo máximo de 6 meses contados dende a data de formalización, a persoa titular do préstamo deberá presentar no Igape a primeira copia da escritura ou póliza da novación, liquidada e inscrita, se é o caso, nos rexistros competentes.
2. A aplicación dos fondos da operación á cancelación e/ou refinanciamento de débedas indicado no acordo ou resolución de novación executarase sen saída efectiva de fondos, e terá efectos dende a data da formalización, aínda que se incluirá nos correspondentes contratos unha condición resolutoria para o caso de que non se cumpra o establecido no punto 1 deste artigo.