IG535A - IG257 - REAVAL GARANTÍAS - GARANTÍAS ANTE TERCEIROS VINCULADAS A OPERACIÓNS DE TRÁFICO OU AVAIS TÉCNICOS (2026)

Finalidade / Obxectivo

Favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas a conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

Tipos de apoio

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación a financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ser beficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do apartado anterior.

Sectores incentivables

Todas as actividades.

Requisitos principais do proxecto

A titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

1. Importe: a liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I.2., en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

2. Prazo: o prazo mínimo e vixencia será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia.

3. Comisións: no caso de intervención dunha entidade de crédito, as comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %.
Adicionalmente, poderán cobrar ata o 1,25% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,25 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

4. Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contra garantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio que, no caso de non intervención de entidade de crédito, será polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe igual ou superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

Contía das axudas

• Subvención á comisión de aval: subvención a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos avais concedidos .

A subvención pagarase á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.



Incompatibilidades

Compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos para as axudas de minimis. De xeito xeral as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 300.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo. Para as empresas do sector da pesca non poderán superar 40.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 50.000 euros nos tres anos previos á concesión do préstamo.

Referencia lexislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº26 do 09/02/2026) - Corrección de erros
Resolución do 12 de febreiro de 2026 (DOG Nº34 do 20/02/2026) - Adhesión entidad financieira
Resolución do 3 de xuño de 2026 (DOG Nº108 do 11/06/2026) - Adhesión entidad financieira

Información e tramitación

1. Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:
1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.

Observacións

No caso de que a SGR aprobe a operación financeira, e non se obteña a aprobación por parte da entidade de crédito inicialmente designada, a petición do titular, a SGR poderá remitir a solicitude a outra das entidades adheridas ao convenio de colaboración.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude e, en todo caso, no prazo máximo dun mes desde a data máxima de fin da convocatoria, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto da concesión da operación financeira.

A xustificación de finalidades, deberá presentarse tralo transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final da mesma, en ambos casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.


Entidades financeiras adheridas:
- Caixa Rural Galega
- Cajamar Caja Rural
- Abanca
- Banco Santander
- Bankinter
- Banco Sabadell
- Caixabank
- Unicaja Banco
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria
- Aquisgran Finance
- Ibercaja Banco
- Banca Popolare Etica

SGR:
- Sogarpo, S.G.R.
- Afigal, S.G.R.
- Iberaval, S.G.R.