IG414A - PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN (2026)
Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas bases é a convocatoria de 40 prazas para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.
Tipos de apoio
Concesión en réxime de concorrencia competitiva.
Beneficiarios potenciais
Requisitos das persoas solicitantes:
1. Ter menos de 35 anos na data de presentación da solicitude.
2. Ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con un ano de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de Máster Universitario:
i. Título universitario oficial de Graduada ou Graduado español;
ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivalen ao título de grao.
Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Deberá acreditarse o nivel mínimo de idioma inglés B2. Esta capacidade acreditarase mediante unha das dúas opcións seguintes:
a) A realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.
b) Achegar algún dos certificados de idioma inglés relacionados no Anexo II destas bases, sempre que o mesmo teña menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
5. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.
6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade ou lles fora determinado un incumprimento total. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa doutro organismo o institución nacional ou estranxeira relacionada coa internacionalización empresarial.
7. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.
8. Achegar declaración responsable de data posterior á publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia onde conste que a persoa solicitante non padece enfermidade nin limitación física ou psíquica incompatible coa realización das actividades que constitúen o obxecto da bolsa.
9. Non ter antecedentes penais, nin estar incurso en causa penal con medidas cautelares que puidesen impedir o normal desenvolvemento da bolsa. Cubrirase no formulario electrónico de solicitude.
Requisitos principais do proxecto
* Condicións da bolsa:
1. Duración.
A duración da bolsa establécese nun máximo de once meses contados desde xaneiro a decembro de 2027, prorrogables, se é o caso, a petición da persoa bolseira, por un máximo de 11 meses adicionais e sen exceder nunca o 30 de decembro de 2028, en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivese comezado ou estivese a piques de comezar.
En caso de prórroga a dotación adaptarase proporcionalmente segundo a súa duración e o destino asignado.
2. Destino.
O Igape convenia con entidades e/ou organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial destinos no ámbito de Galicia e no ámbito internacional. Os destinos poderán ser polo tanto en Galicia ou no estranxeiro, sempre en entidades que teñan unha compoñente esencial de traballo na internacionalización empresarial.
A asignación de destinos será realizada polo Igape atendendo ás características dos aspirantes e as particularidades das entidades de acollida.
Algúns destinos poden presentar requisitos específicos e restritivos sobre as características das persoas bolseiras que aceptan, requisitos xeralmente imprescindibles e marcados pola entidade de acollida. Estes requisitos e características serán tidos en conta á hora da asignación dos bolseiros a destino.
Son requisitos específicos, entre outros posibles, que poden condicionar a asignación de destinos os seguintes:
• Oficinas Comerciais de España no Exterior:
Ter menos de 30 anos na data de incorporación a destino.
Posuír un nivel de idioma inglés non inferior a B2.
Un determinado nivel doutros idiomas nalgúns países.
Titulación universitaria
Outros idiomas.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata dous idiomas adicionais dos que queiran examinarse. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán e francés. O exame non será necesario se se pode acreditar o nivel de idioma achegando certificado do idioma correspondente segundo o cadro de equivalencias incluído no Anexo II sempre e cando o dito certificado teña menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
O Igape resérvase a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.
3. Desenvolvemento da bolsa.
A persoa bolseira deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos) a persoa bolseira debe informar ao Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.
A persoa bolseira poderá dispoñer de varios tipos de permiso recollidos no artigo 5.3 das bases.
4. Programa de formación.
A formación que recibirán as persoas bolseiras abrangue:
a) Análise e investigación de mercados, estudo de sectores económicos de mercados estranxeiros.
b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.
c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros e estratexias de internacionalización empresarial.
d) Para completar a dita formación, o bolseiro/a contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.
e) A formación poderá implicar visitas a empresas ou organismos que serán realizadas polas persoas bolseiras a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 6.2).
f) O Igape poderá organizar cursos de formación, presencial ou online. A asistencia aos cursos é obrigatoria para o desfrute e aceptación da bolsa, incluso por parte de aquelas persoas bolseiras que estiveran nun posto de reserva.
Cualificación requerida do proxecto
1. Todas as persoas aspirantes que presentasen a súa solicitude, serán convocadas a probas eliminatorias de inglés e opcionalmente ata un máximo de dous idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán e/ou francés), agás que acheguen certificado de idiomas segundo o Anexo II, con menos de tres anos de antigüidade na data de fin de prazo de presentación de solicitudes.
Todas as persoas candidatas deberán superar ou certificar polo menos un nivel B2 de inglés, así como un nivel superior do idioma inglés ou adicionais, de ser o caso, para ser elixibles para a incorporación a aqueles destinos que poidan esixir características máis restritivas como os nomeados no artigo 5.2.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto B2 na proba de inglés ou non acheguen certificado do idioma inglés cun nivel B2 segundo o Anexo II quedarán excluídos do proceso de selección.
As probas de idiomas constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de cinco días de antelación e poderán celebrarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.
2. O comité de selección realizará unha lista provisional de candidatos segundo o baremo das bases.
3. A lista provisional de candidatos admitidos coa súa correspondente asignación de destinos e dotacións das bolsas publicarase na páxina web do Igape, https://spiga-sede.igape.es, e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións e para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas solicitudes que faltase.
4. Unha vez analizadas as alegacións o órgano instrutor publicará na súa páxina web, https://spiga-sede.igape.es., a listaxe de candidatos admitidos coa súa correspondente asignación de destinos e dotacións das bolsas.
Así mesmo, comprenderá unha lista dun máximo de 50 candidatos en posto de reserva (os 50 seguintes por orde de puntuación). Esta lista de reservas servirá para cubrir posibles renuncias, incidencias, incumprimentos ou bolsas adicionais debido a remanentes orzamentarios. Non poderán concederse bolsas da lista de reservas por un tempo inferior a seis meses tendo en conta o período inicial e o período de prórroga.
Contía das axudas
1. Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos polo ICEX. Na fase inicial ou no período de prórroga poderá modificarse a dotación da bolsa por flutuacións do tipo de cambio ou por mor do proceso inflacionario que xustifiquen esta modificación e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. A actualización farase a partir do mes seguinte ao da súa solicitude por parte da persoa beneficiaria e tomaranse como tipos de cambio de referencia o do día da publicación das bases e o día de solicitude de modificación da dotación, ou de oficio cando as circunstancias antes sinaladas así o aconsellen e sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria. Esta actualización no tipo de cambio farase, como máximo, cuadrimestralmente.
2. O importe máximo de dotación por persoa bolseira é de 55.500€ por un período de 11 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.
Considéranse incluídos dentro do importe da dotación da bolsa -e dentro do límite máximo dos 55.500€ - todos os gastos en que teña que incorrer a persoa bolseira para o seu desenvolvemento.
O Igape poderá aplicar a compensación entre as partidas de gastos dos apartados a), b) e c) seguintes cando as necesidades de gasto de cada bolseiro/a en relación coas accións a desenvolver no programa así o aconsellen para o correcto desenvolvemento do mesmo:
a) Gastos de viaxe por mor da incorporación a destino.
1º Desprazamento: Só gastos en transporte público. Gastos de ida e volta. Non se compensarán gastos de volta cando se produza unha renuncia antes de cumprirse os 6 meses de incorporación a destino. Os gastos a compensar en caso de renuncia entre os 6 meses e o fin real da bolsa serán pro rateados proporcionalmente aos meses gozados. Non serán subvencionables os envíos de maletas ou paquetes a maiores dos incluídos no transporte contratado.
2º Aloxamento. Gastos de hotel en tránsito ao destino ou á chegada ao destino asignado ata un máximo de 2 noites, en réxime de aloxamento e almorzo.
3. Gastos de taxas de visado.
4. Gastos de renovación de pasaporte por esixencias particulares do destino asignado.
Estes gastos a) terán unha limitación máxima de 1.500 € na incorporación a destino dentro do mesmo continente e de 3.000 € no caso de incorporarse a un destino en continente distinto ao de orixe.
b) Outros gastos comúns no desenvolvemento da bolsa, sempre que sexan previamente autorizados polo Igape:
1º Gastos de desprazamento por asistencia a eventos ou visitas a empresas, só serán admisibles gastos de desprazamento en transporte público, excepto en Galicia onde se admitirá a compensación por quilometraxe de vehículo propio, autopista e aparcadoiro. Neste caso o quilómetro compensarase a 0,26€.
2º Gastos de aloxamento por asistencia a eventos ou visitas a empresas.
3º Gastos de dietas vinculados á asistencia a un evento ou acción autorizados co límite establecido no anexo III por cada país e día.
4º Gastos de cursos de idiomas de uso oficial no país de destino e excluído o idioma inglés.
5º Gastos de tarxetas de negocio.
6º Outros, que se consideren esenciais para o desenvolvemento da bolsa.
Estes gastos b) terán un límite de 2.000€ para o primeiro semestre da bolsa, límite que poderá ser revisado a efectos de novas dotacións semestrais segundo a execución do semestre anterior e previa solicitude motivada ata 2.000€.
5. Gastos de seguro de accidentes e enfermidades no caso de bolsas con destinos no estranxeiro e cun límite de ata 1.200€.
6. Gastos de compra dun ordenador portátil, así como rato e auriculares, segundo as condicións establecidas no artigo 17.i, cun límite de 1.000€. En caso de renuncia antes de 6 meses dende o inicio da bolsa, o Igape reclamará na liquidación por renuncia o 100% da súa aportación ao coste do portátil e a parte proporcional no caso de renuncia dende os 6 meses ata cumprir un ano da bolsa.
Todos estes gastos deberán estar expresamente autorizados e serán compensados contra presentación dos correspondentes xustificantes de gasto (facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque, etc.), agás os relativos as letras c) e d) anteriores que se cobrarán có anticipo establecido no artigo 19.1.a) polo máximo subvencionable. Este importe axustarase en función do gasto real xustificado.
Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino -mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga- o Igape aboará á persoa bolseira os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel. Estes importes -ao ser circunstancias excepcionais- non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.
Só se admitirán pagos en efectivo para gastos de importe inferior a 300 euros, xustificando o pagamento mediante recibín do provedor.
A xustificación e pagamento por parte do Igape realizarase sempre en euros, para aqueles gastos efectuados en moeda estranxeira deberá aplicarse o tipo de cambio correspondente publicado no Boletín Oficial do Estado de data na que se presente a xustificación, ou data inmediata anterior. En caso de que a moeda estranxeira non sexa admitida a cambio oficial publicado no Boletín Oficial do Estado, poderá utilizarse un conversor de moeda estranxeira xeral da internet. Na xustificación correspondente deberá indicarse o conversor utilizado así como achegar proba da data de consulta.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes.
Incompatibilidades
As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Referencia lexislativa
Resolución do 6 de xullo de 2026 (DOG Nº125 do 07/07/2026) - Bases reguladoras
Extracto das bases
Acta 1: Designación do comité de selección (Publicada 07/07/2026)
Información e tramitación
1. Para presentar a solicitude, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico a través de https://spiga-sede.igape.es
As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
1. Acreditación dos requisitos mínimos:
a) Currículo vitae.
b) Copia do pasaporte no caso de que a persoa solicitante sexa estranxeira e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).
c) Xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título. A titulación pódese obter e acreditar ata 5 días despois da publicación da resolución de concesión, a non presentación suporá a imposibilidade de ser persoa beneficiaria da bolsa.
No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).
d) Se fose o caso, certificado sobre o nivel do idioma inglés.
2. Acreditación doutros requisitos baremables:
a) Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 12.2.d): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude, agás os másteres citados no artigo 12.2.d) que poderán estar finalizados ata o 31 de xullo de 2026 e deberán estar incluídos na solicitude no prazo de 7 días a contar dende esa data.
b) Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 12.2.e): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.
c) Se fose o caso, certificados relativos ao nivel de idiomas segundo o estipulado no artigo 5.2 das bases.
Observacións
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de 5 meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.
O prazo de execución das bolsas rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de decembro do 2028.
A persoa bolseira deberá solicitar o pagamento da bolsa nos quince días hábiles seguintes ao cumprimento de cada período de pagamento indicado nos artigos 19.1 e 19.2., excepto o pago do anticipo do 1º ano que se fará de xeito automático coa resolución de concesión da bolsa.
A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro/a segundo o seguinte detalle:
a) Un 30% da dotación asociada a destino no momento da resolución de concesión da bolsa. Xunto con este importe achegarase o importe íntegro da axuda relativo á contratación de seguro médico e de accidentes e o da compra do portátil.
b) Un 60% da dotación asociada a destino ao termo do primeiro trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.
c) Un 10% á finalización do prazo de duración da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da mesma.