IG408B - PRÉSTAMOS DIRECTOS - 1. Préstamos para proxectos de investimento (2026)

Finalidade / Obxectivo

Financiar actuacións consistentes en proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes.

Tipos de apoio

Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva.
Axudas en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

Empresas, incluíndo as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens, que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso.
c) Para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita, as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
d) Para préstamos que inclúan subvencións implícitas ao tipo de xuro de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Sectores incentivables

As actuacións financiables deberán estar vinculadas aos sectores establecidos como financiables, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Sectores de actividade (CNAE):

01 - Agricultura, gandería, caza e servizos relacionados coas mesmas
03 - Pesca e acuicultura
05 a 09 - Industrias extractivas
10 a 33 - Industrias manufactureiras
35 a 39 - Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación
42 a 43 - Construción de redes e construción especializada
46 - Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas
49 a 53 - Transporte e almacenamento
55 a 56 - Hostalaría
58 a 63 - Información e comunicacións
69 a 75 - Actividades profesionais, científicas e técnicas
77.3 - Alugamento de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles
79 - Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes
80 a 82 - Actividades de seguridade e investigación e outras actividades auxiliares das empresas
87 a 88 - Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento
90 a 93 - Actividades artísticas, recreativas e de entretemento

O requisito relativo ao sector de actividade non será esixible cando se trate de:

•Investimentos a levar a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas.

•Investimentos relacionados coa implantación no exterior de empresas galegas nalgún dos seguintes países, sempre que non teñan a consideración de xurisdicións non cooperativas: Alemaña, Francia, Reino Unido, Bélxica, Irlanda, Países Baixos, Austria, Suíza, Dinamarca, Suecia, Finlandia, Noruega, Polonia, Hungría, República Checa, Estonia, Letonia, Lituania, Serbia e Montenegro, Ucraína, Eslovaquia, Croacia, Italia, Grecia, Canadá, Estados Unidos de América, México, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Porto Rico, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Chile, Paraguai, Ecuador, Colombia, Brasil, Uruguai, Perú, Arxentina, Bolivia, Marrocos, Arxílea, Exipto, Túnez, Libia, Mauritania, Cabo Verde, Nixeria, Senegal, Quenia, Tanzania, Angola, Mozambique, Zambia, Sudáfrica, Namibia, Israel, Emiratos Árabes Unidos, Irán, Catar, Arabia Saudí, Omán, Turquía, Kazaxistán, Usbequistán, Asia Oriental, China, Xapón, Corea do Sur, Singapur, Tailandia, Indonesia, Filipinas, Malaisia, India (incluído Sikkim), Paquistán, Australia, e Nova Zelandia.

Requisitos principais do proxecto

• O custo financiable en activos fixos será igual ou superior a 1.000.000 € máis impostos.
• Para compra de maquinaria en empresas do sector da industria manufactureira (códigos CNAE 10 a 33), o importe mínimo do investimento será de 400.000,00 € máis impostos.
• Para o sector da pesca marítima (código CNAE 03.11), que realicen investimentos orientados ao cambio de artes de pesca, o importe mínimo será de 135.000 € máis impostos,
• Para investimentos relacionados coa implantación exterior, encadrándose no marco dun plan de expansión internacional da empresa nalgún dos países relacionados no punto B) anterior, que non implique un deslocalizamento das actividades produtivas, nin unha redución das actividades en Galicia, o importe mínimo será de 135.000 €.

Este límite non se aplicará aos “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do apartado D.4.a) seguinte.

A solicitante deberá acreditar capacidade para financiar a parte do proxecto non cuberta polo préstamo. Polo menos un 25% do volume de financiamento previsto para a actuación deberá estar exento de apoio público.

* Condicións do produto financeiro.
1) O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a persoa beneficiaria, ou sindicado con unha ou varias entidades de crédito.

2) Importe mínimo e máximo.
Con carácter xeral o importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 750.000 € e un límite máximo de 5.000.000 €.

Non se aplicarán os límites de importe anteriores nos casos seguintes:
• “Proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dire ción do Igape.
• Investimentos a levar a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas.
• Para o caso de financiamento de compra de maquinaria en empresas do sector da industria manufactureira (códigos CNAE 10 a 33), con un importe total de proxecto inferior 1.000.000 €, o préstamo mínimo será de 300.000 €, e o máximo de 750.000 €.
• Para o sector da pesca marítima (código CNAE 03.11), que realicen investimentos orientados ao cambio de artes de pesca, o préstamo mínimo será de 100.000 € e o máximo de 1.000.000 €.
• Para préstamos encadrados no marco dun plan de expansión internacional da empresa nalgún dos países relacionados no punto B) anterior, o préstamo mínimo será de 100.000 € e o máximo de 5.000.000 €.


O importe do préstamo poderá acadar ata o 75 % do custo do proxecto.

Non obstante, poderá chegar ata o 100 % no caso de gastos e investimentos vinculados á implantación no exterior, cando se trate de empresas que conten previamente con filiais, sucursais ou establecementos permanentes nalgún dos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Acerbaixán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Catar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América), e que presenten un proxecto de investimento dirixido á implantación en terceiros países co obxecto de diversificar a súa presenza internacional.

* Prazos de amortización e de carencia.
Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal. Excepcionalmente poderán ter unha duración de 15 anos, cando polas características do proxecto e polo plan de financiamento se demostre a necesidade deste maior prazo de reembolso e se refiran entre outros a “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.

* Garantías:
O Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación. Con carácter xeral, todos os préstamos deberán contar con garantías adecuadas.

* Tipo de xuro ordinario:
A titular poderá optar entre tipo de xuro fixo ou variable, que se determinará conforme o establecido no Anexo II.

Cualificación requerida do proxecto

Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco e cumpran os requisitos das bases reguladoras, ata o esgotamento do orzamento.

No caso préstamos con un investimento financiable superior a 1.000.000 € e nos casos de préstamos encadrados no marco dun plan de expansión internacional da empresa, para os efectos do previsto no artigo 19 das bases reguladoras, será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo.

Investimentos ou gastos computables

Serán financiables:
a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola persoa beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles adquiridos a terceiros, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas. Para os préstamos enmarcados nun plan de concentración ou sucesión de empresas, será tamén admisible a adquisición do fondo de comercio.

c) Capital de explotación, entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir os seguintes dous requisitos:
1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.
2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
vi) Cando así se contemple expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da persoa beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da persoa beneficiaria.

Os investimentos en capital de explotación non serán superiores á suma dos restantes conceptos, e deberá xustificarse que están vinculados e son necesarios para o proxecto de investimento.

* Compra de maquinaria en empresas do sector da industria manufactureira (códigos CNAE 10 a 33), con un importe total de proxecto inferior 1.000.000 € máis impostos, unicamente será financiable a maquinaria mailas instalacións e os acondicionamentos necesarios para o seu funcionamento.

* Naquelas operacións destinadas ao financiamento de cambios de artes de pesca por parte de armadores de buques (código CNAE 03.11), poderán incluírse no proxecto financiable a compensación de gastos operativos do período de parada necesario para executar o investimento.

Para o caso de préstamos encadrados no marco dun plan de expansión internacional da empresa nalgún dos países relacionados no punto B) anterior, os investimentos poderán realizarse en establecementos permanentes, sucursais, filiais, ou sociedades domiciliadas no país destino, nas que se conte ou se proxecte acadar unha participación significativa, entendendo por tal aquela superior ao 30%, en sociedades no país destino. Nestes supostos, os conceptos susceptibles de financiar incluirán adicionalmente os previstos na letra g) do artigo 3 das bases reguladoras.

Contía das axudas

1. Axuda de minimis implícita: con carácter xeral, as operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda de estado, materializada na redución no tipo de xuro de mercado determinado coa metodoloxía descrita no anexo III, calculando o valor actual neto da diferencia das cotas a pagar do préstamo a tipo de mercado e o préstamo a tipo reducido.

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita. Neste suposto, e no caso de que o préstamo xa estivese concedido, poderase aprobar esta renuncia por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

2. Axuda incluída en produtos financeiros apoiados con fondos InvestEU: aqueles préstamos que cumpran coas condicións para ser incluídos no programa de garantías InvestEU, contarán cunha subvención ao tipo de xuro de ata 5 puntos porcentuais. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

3. Préstamos en condicións de mercado, exentos de axuda pública. Cando se presente algunha das seguintes circunstancias:
• Que a persoa solicitante exceda do límite de axuda de minimis e non poida acollerse ao programa de garantías InvestEU.
• Que a persoa solicitante renuncie á axuda de estado en forma de bonificación de gastos financeiros e/ou garantía.

No caso de préstamos con axuda implícita, a persoa beneficiaria aceptará a contía de axuda implícita determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira da que gozase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 1 de decembro de 2026, ás 14.00 horas.

Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se considere axuda implícita de minimis, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.

Para as operacións de préstamo que se acollan ao programa de garantías InvestEU, a axuda concederíase ao abeiro da Sección 16 do Regulamento 651/2014 da Comisión, coa consideración de axuda ao beneficiario final sen costes identificables (artigo 56 quinquies, punto 4.b) e, polo tanto, non será tomada en consideración para os efectos de concorrencia ou incompatibilidade con outras axudas que se poidan conceder para incentivar á actuación ou o proxecto a financiar.

Referencia lexislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 8 de maio de 2026 (DOG Nº89 do 15/05/2026) - Modificación das bases reguladoras

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación:
- Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
- Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.
- Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos). Para o caso de préstamos destinados á implantación no exterior, Plan de internacionalización, detallando a súa oportunidade, análise dos mercados obxectivo, plan de apertura de establecementos permanentes, sucursais ou filiais.
- Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería para un horizonte temporal 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan Xeral de Contabilidade en vigor.
- No caso de investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, deberá presentarse informe pericial de danos de perito independente.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible.

c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

h) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

- No caso de proxectos relacionados coa implantación no exterior por parte de empresas que conten con filiais, sucursais ou establecementos permanentes nalgún dos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Azerbaiyán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Georgia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Qatar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América), deberá achegarse documentación xustificativa que acredite que a entidade solicitante se atopa implantada mediante filial, sucursal ou establecemento permanente nalgún dos devanditos países.
i) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de tres meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2027.