IG408B - PRÉSTAMOS DIRECTOS - 3. Préstamos para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación (2026)

O prazo de presentación finaliza o Martes, 01 Decembro 2026 as 14:00 h.

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación das empresas en Galicia.

Tipos de apoio

Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva.
Axudas en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

Sociedades mercantís con centros de traballo en Galicia, nos cales se pretenda desenvolver maioritariamente un proxecto concreto de desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso.
c) Para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita, as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
d) Para préstamos que inclúan subvencións implícitas ao tipo de xuro de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Requisitos principais do proxecto

• Proxectos financiables.
Os proxectos de desenvolvemento e innovación deberán ser realizados maioritariamente en centros de traballo situados en Galicia. Terán consideración de proxectos financiables os que se atopen nalgún dos seguintes TRL (Technology Readliness Levels) referidos ao nivel de madurez dunha tecnoloxía:
– TRL5: validación de compoñentes e/ou disposición destes nunha contorna relevante.
– TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo en contorna relevante.
– TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.
– TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.
- TRL9: sistema probado e validado no mercado.
Poderán ser financiados proxectos de desenvolvemento de produtos TIC, sempre que non sexan desenvolvidos en exclusiva e a medida para un cliente único nin para uso propio interno exclusivo.

• Importe:
As actuacións deberán presentar un custo financiable igual ou superior a 75.000 € máis impostos.

• Condicións do produto financeiro.
O importe mínimo do préstamo será de 75.000 € e o máximo de 1.500.000 €. En ningún caso superará o 100% do custo da actuación financiable.

• Prazos de amortización e de carencia:
Axustados ao plan económico-financeiro e á vida útil dos bens adquiridos, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal axustada ao período necesario para o desenvolvemento e posta no mercado do proxecto a desenvolver, con un máximo de 4 anos.

• Garantías:
O Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación. Con carácter xeral, todos os préstamos deberán contar con garantías adecuadas.

• Tipo de xuro ordinario: A titular poderá optar entre tipo de xuro fixo ou variable que se determinará conforme o establecido no Anexo II

Cualificación requerida do proxecto

O acordo de concesión do préstamo poderá establecer requisitos específicos de mantemento de postos de traballo en Galicia, cuxo incumprimento suporá a amortización anticipada do préstamo e reintegro da axuda implícita, se é o caso.

Considérase que todos os proxectos deste obxecto son de interese para Galicia polo seu impacto e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

Para os efectos do previsto no artigo 19 das bases reguladoras, para a xustificación das actuacións financiadas mediante esta modalidade de préstamos, cando o importe do préstamo supere os 300.000€, será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo.

Investimentos ou gastos computables

a) Activos fixos materiais necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como bens de equipamento, instalacións técnicas, equipamentos para procesos de información ou datos, instrumental, útiles, moldes etc.

b) Activos intanxibles, tales como patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual, así como software específico necesario para o proxecto.

c) Outros gastos en desenvolvemento e innovación, que incluirán:
– Custos de investigación contractual e custos de consultoría ou outros servizos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
– Materiais e consumibles necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
– Gastos de persoal dedicado ao desenvolvemento do proxecto (investigadores, desenvolvedores técnicos e demais persoal auxiliar). Serán financiables na medida na que se incorrese neles efectivamente e se xustifiquen mediante os correspondentes documentos acreditativos do gasto e do pagamento. Só serán financiables os gastos do persoal que, estando relacionado coa operación, sexan necesarios para a súa execución.
Considéranse custos de persoal financiables os custos brutos de emprego do persoal da persoa beneficiaria. Estes gastos inclúen:
i. Os soldos e salarios fixados nun contrato de traballo, nunha decisión de nomeamento (acordo laboral) ou na lei, que teñan relación coas responsabilidades especificadas na descrición do posto de traballo correspondente;
ii. e outros gastos soportados directamente polo empregador como cotizacións sociais, así como outras prestacións en favor dos traballadores que sexan obrigatorias en virtude de lei ou convenio ou habituais atendendo aos usos do sector e sempre que non sexan recuperables.
Os custos das viaxes, indemnizacións ou dietas non teñen natureza de gastos de persoal.
Admitiranse os custos do desenvolvemento do proxecto realizado polos socios e/ou administradores da solicitante, debidamente xustificados mediante as correspondentes nóminas e cunha declaración responsable da porcentaxe de dedicación aos traballos realizados para o proxecto. Con independencia da porcentaxe de dedicación declarada, o gasto subvencionable por este concepto non superará o que corresponda ao 30% de dedicación.

Contía das axudas

1. Axuda de minimis implícita: con carácter xeral, as operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda de estado, materializada na redución no tipo de xuro de mercado determinado coa metodoloxía descrita no anexo III, calculando o valor actual neto da diferencia das cotas a pagar do préstamo a tipo de mercado e o préstamo a tipo reducido.

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita. Neste suposto, e no caso de que o préstamo xa estivese concedido, poderase aprobar esta renuncia por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

2. Axuda incluída en produtos financeiros apoiados con fondos InvestEU: aqueles préstamos que cumpran coas condicións para ser incluídos no programa de garantías InvestEU, contarán cunha subvención ao tipo de xuro de ata 5 puntos porcentuais. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

3. Préstamos en condicións de mercado, exentos de axuda pública. Cando se presente algunha das seguintes circunstancias:
• Que a persoa solicitante exceda do límite de axuda de minimis e non poida acollerse ao programa de garantías InvestEU.
• Que a persoa solicitante renuncie á axuda de estado en forma de bonificación de gastos financeiros e/ou garantía.

No caso de préstamos con axuda implícita, a persoa beneficiaria aceptará a contía de axuda implícita determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira da que gozase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 1 de decembro de 2026, ás 14.00 horas.

Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se considere axuda implícita de minimis, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.

Para as operacións de préstamo que se acollan ao programa de garantías InvestEU, a axuda concederíase ao abeiro da Sección 16 do Regulamento 651/2014 da Comisión, coa consideración de axuda ao beneficiario final sen costes identificables (artigo 56 quinquies, punto 4.b) e, polo tanto, non será tomada en consideración para os efectos de concorrencia ou incompatibilidade con outras axudas que se poidan conceder para incentivar á actuación ou o proxecto a financiar.

Referencia lexislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:
- Antecedentes da entidade: historial, partícipes, principais fitos na evolución da entidade, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
- Descrición da actuación: obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación da actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos e/ou gastos).
- Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería para un horizonte temporal 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan Xeral de Contabilidade en vigor.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

h) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

i) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de tres meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2027.