IG408B - PRÉSTAMOS DIRECTOS - 4. Préstamos para financiamento operativo (2026)

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente o crecemento do capital circulante estrutural, mediante préstamos a longo prazo destinados a financiar gastos correntes, nos seguintes supostos:

A.1.- Empresas da industria manufactureira naquelas situacións nas que ademais do novo financiamento se manifeste a necesidade de afrontar coas entidades financeiras a prestamización de operacións de circulante, reestruturación de pasivos, negociación de carencias, etc. para acomodar as obrigas de reembolso dos pasivos aos fluxos de efectivo xerados polas operacións da empresa. No caso de que a reestruturación financeira fose realizada previamente, esta será admisible sempre que fose instrumentada despois do 1 de xaneiro de 2026. No caso de que a operación se enmarque nun plan de reestruturación previsto no Libro Segundo do Texto Refundido la Lei Concursal, o plan deberá estar aprobado con anterioridade á resolución da solicitude de préstamo, e ser homologado xudicialmente.

A.2.- Empresas do sector da pesca, acuicultura, así como da transformación e comercialización de produtos destes sectores, mediante a concesión de préstamos para financiar capital circulante, cando acrediten a necesidade de incrementar o seu fondo de manobra e a capacidade de reembolsar o seu endebedamento mediante un plan financeiro.

A.3.- Empresas que desenvolven actividades no sector da construción naval, tanto auxiliares coma estaleiros, para permitirlles dispoñer dun fondo de manobra suficiente para a súa actividade.

A.4.- Centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

A.5.- Empresas que durante o ano 2025 mantiveron relacións con países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Acerbaixán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Catar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América).

Os préstamos desta modalidade aportarán nova liquidez complementaria, sen aplicarse a cancelar débedas bancarias preexistentes.

Tipos de apoio

Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva.
Axudas en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

As empresas que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que veñan desenvolvendo durante máis de 3 anos as actividades ás que será aplicado o préstamo, e que ademais acrediten, mediante unha memoria explicativa a necesidade de financiamento de capital circulante estrutural.

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso.
c) Para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita, as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
d) Para préstamos que inclúan subvencións implícitas ao tipo de xuro de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Requisitos principais do proxecto

Os importes mínimos e máximo dos préstamos por beneficiario serán:
1. Para os supostos encadrados nos puntos A.1 e A.2 anteriores: mínimo de 300.000 € e máximo de 1.000.000 €.
2. Para os supostos encadrados no punto A.3 anterior: mínimo de 300.000 € e máximo de 2.000.000 €.
3. Para os supostos encadrados no punto A.4 anterior: mínimo de 75.000 € e máximo de 1.500.000 €.

4. Nos supostos do punto A.5: importe do préstamo terá como límite máximo o volume de operacións de exportación e/ou importación realizadas no ano 2025 cos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio, cun máximo de 2.000.000 € e un mínimo de 135.000 €. Non obstante, cando o volume destas operacións supere o 10 % das vendas da empresa, non se aplicará o límite mínimo.

* Prazos de amortización e de carencia.
O prazo de devolución dos préstamos será como máximo de 8 anos, incluíndo unha carencia adaptada ao plan financeiro.

* Garantías:
O Igape poderá tomar as garantías de cumprimento adecuadas segundo as características de cada operación. Con carácter xeral, todos os préstamos deberán contar con garantías adecuadas.

* Tipo de xuro ordinario:
A titular poderá optar entre tipo de xuro fixo ou variable, que se determinará conforme o establecido no Anexo II.

Cualificación requerida do proxecto

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no punto A) deste anexo son de interese para Galicia polo seu impacto no sector industrial e a súa importancia social, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

Investimentos ou gastos computables

a) Capital de explotación, entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade, que deberá cumprir os seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
vi) Cando así se contemple expresamente no acordo de concesión, os fondos do préstamo desembolsado poderán destinarse a constituír un depósito nunha entidade financeira en euros, peñorado a favor dun terceiro, como fianza ou contragarantía dun aval ou liña de avais que este terceiro emita, en garantía do cumprimento, por parte da persoa beneficiaria, de compromisos, continxencias ou obrigas de carácter técnico ou financeiro relacionados coa actuación ou coa actividade corrente da persoa beneficiaria.

Para os supostos sinalados no punto A.4 anterior, poderán ser financiados os investimentos en activos fixos. Nos demais casos poderán incluírse investimentos en activos fixos excepcionalmente, sempre e cando se xustifique que estes non representen a maioría do financiamento solicitado e que resulten necesarios para o mantemento da capacidade produtiva ou para o aumento da competitividade.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto á solicitude, en base ás necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, en base ao análise dos estados financeiros da solicitante.

Contía das axudas

1. Axuda de minimis implícita: con carácter xeral, as operacións financeiras concedidas ao abeiro destas bases inclúen unha axuda de estado, materializada na redución no tipo de xuro de mercado determinado coa metodoloxía descrita no anexo III, calculando o valor actual neto da diferencia das cotas a pagar do préstamo a tipo de mercado e o préstamo a tipo reducido.

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita. Neste suposto, e no caso de que o préstamo xa estivese concedido, poderase aprobar esta renuncia por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

2. Axuda incluída en produtos financeiros apoiados con fondos InvestEU: aqueles préstamos que cumpran coas condicións para ser incluídos no programa de garantías InvestEU, contarán cunha subvención ao tipo de xuro de ata 5 puntos porcentuais. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 0 puntos porcentuais.

3. Préstamos en condicións de mercado, exentos de axuda pública. Cando se presente algunha das seguintes circunstancias:
• Que a persoa solicitante exceda do límite de axuda de minimis e non poida acollerse ao programa de garantías InvestEU.
• Que a persoa solicitante renuncie á axuda de estado en forma de bonificación de gastos financeiros e/ou garantía.

No caso de préstamos con axuda implícita, a persoa beneficiaria aceptará a contía de axuda implícita determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira da que gozase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 1 de decembro de 2026, ás 14.00 horas.

Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se considere axuda implícita de minimis, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.

Para as operacións de préstamo que se acollan ao programa de garantías InvestEU, a axuda concederíase ao abeiro da Sección 16 do Regulamento 651/2014 da Comisión, coa consideración de axuda ao beneficiario final sen costes identificables (artigo 56 quinquies, punto 4.b) e, polo tanto, non será tomada en consideración para os efectos de concorrencia ou incompatibilidade con outras axudas que se poidan conceder para incentivar á actuación ou o proxecto a financiar.

Referencia lexislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 8 de maio de 2026 (DOG Nº89 do 15/05/2026) - Modificación das bases reguladoras

Información e tramitación

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio fiscal para o que rematase o período voluntario de presentación.

b) Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:
b.1) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
b.2) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.
b.3) Xustificación da necesidade do financiamento, análise detallada do endebedamento especificando vencementos, e no seu caso a necesidade de afrontar coas entidades financeiras a prestamización de operacións de circulante, reestruturación de pasivos, negociación de carencias, etc. para acomodar as obrigas de reembolso dos pasivos aos fluxos de efectivo xerados polas operacións da empresa. Acreditación dos refinanciamentos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2026 se é o caso.
b.4) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa. No caso de considerar o financiamento de investimentos, xustificar razoadamente o seu obxectivo.
b.5) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería para un horizonte temporal 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan Xeral de Contabilidade en vigor.
b.6) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, que describan o seu contido e o número de traballadores afectados.

c)Declaracións de IVE presentadas no exercicio corrente.

d) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

e) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

f) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

g) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

h) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

i) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

j) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

– Para os supostos encadrados no punto A.5 anterior: relación de facturas correspondentes ás exportacións e/ou importacións aos países especialmente afectados, polas operacións comerciais efectuadas durante o ano 2025, con indicación do cliente, o importe e a data, achegando as aclaracións oportunas no caso de operacións comerciais indirectas.


k) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de tres meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2027.