Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de empresas promovida pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia, anunciou o lanzamento da súa 6ª edición. O programa busca impulsar solucións e tecnoloxías innovadoras nos sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados, fortalecendo o tecido empresarial galego e atraendo investimentos á rexión.
BFAero, xestionada pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo (FCEL), ofrece aos proxectos seleccionados acceso a financiamento, espazo de traballo, networking, titorización especializada e visibilidade, entre outros recursos. Ademais, os participantes teñen a oportunidade de colaborar con empresas líderes do sector e acceder a infraestruturas clave como o aeródromo de Rozas e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
O programa conta con 3 modalidades, adaptadas ao grao de madurez de cada proxecto:
- Incubación: Para proxectos en fase temperá, sen unha proposta de valor validada. Duración de ata 12 meses.
- Aceleración: Para proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están realizando as súas primeiras vendas. Duración de ata 8 meses.
- Consolidación: Para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio. Duración de ata 6 meses.
BFAero non só está dirixida a iniciativas promovidas por emprendedores individuais, senón tamén a ideas innovadoras que se desenvolvan dentro de empresas existentes ou con orixe en centros de coñecemento, incluindo startups, spin-outs e spin-offs.
As empresas interesadas en participar deberán inscribirse a través da páxina web bfaero.com antes do 20 de marzo de 2025.