A Xunta traballa na posta en marcha de novas aceleradoras para impulsar o emprendemento no deporte, a saúde e as enerxías renovables

Mércores, 02 Abril 2025 17:44
  • A directora do Igape participa no Galicia Sportech Congress de Pontevedra, onde lembra que a rede de aceleradoras do Goberno galego leva apoiados máis de 830 proxectos e contribuído á creación de máis de 1.400 empregos cualificados
  • Subliña que “Galicia aposta por un modelo baseado no talento, a colaboración público-privada e a especialización” para consolidarse como referente en innovación

Pontevedra, 2 de abril de 2025

A Xunta de Galicia reforza a súa aposta polo emprendemento innovador coa creación de tres novas aceleradoras especializadas en sectores clave para o desenvolvemento económico e social: o deporte, a saúde e o benestar, e as enerxías renovables. Así o avanzou hoxe a directora do Igape, Covadonga Toca, no marco do Galicia Sportech Congress, onde salientou que estas iniciativas buscan conectar startups con empresas tractoras e centros tecnolóxicos, favorecendo a transferencia de coñecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio.

A nova estratexia de aceleración empresarial estrutúrase seguindo a metodoloxía das Business Factories, xa implantada con éxito en ámbitos como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood) ou a economía circular (BFClimaTech). O obxectivo é consolidar ecosistemas de innovación altamente especializados, que faciliten a conexión entre o talento emprendedor e o tecido produtivo galego.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que estas novas aceleradoras contribuirán a fortalecer o posicionamento de Galicia como un polo de referencia en innovación. “Estamos construíndo un ecosistema máis robusto, interconectado e especializado, no que as startups poidan validar solucións innovadoras en colaboración directa coas empresas”, indicou.

Ata a data, a rede galega de aceleradoras leva apoiados máis de 830 proxectos emprendedores e facilitado a creación de máis de 1.400 empregos cualificados. Con esta nova expansión, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha Galicia máis sustentable, competitiva e conectada ao futuro.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis