- A conselleira visitará a feira Nor-Shipping 2025, un dos principais puntos de encontro da industria marítima mundial que se celebra estes días, onde contan con expositor propio Astilleros Armón, Ibercisa, Metalships, Progener-Grupo Emenasa e Aclunaga
- Esta misión comercial a Oslo está encabezada polo clúster do naval, Aclunaga, o do metal, Asime, e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, que participan nesta feira internacional co apoio do Igape
- Na súa estancia en Oslo, a conselleira tamén terá ocasión de reunirse coa embaixadora de España en Noruega, Alejandra del Río Novo, e con empresas do sector da acuicultura
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inicia mañá unha viaxe a Noruega acompañando unha delegación de preto de trinta empresas galegas do naval que participan na feira Nor-Shipping 2025, un dos principais puntos de encontro da industria marítima mundial.
Esta misión comercial a Oslo está encabezada polo clúster do naval, Aclunaga, o do metal, Asime, e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, que participan nesta feira internacional co apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), a través do programa Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), convocados recentemente.
Nor-Shipping é unha feira e congreso internacional de construción naval e transporte marítimo que se está a celebrar en Oslo (Noruega) do 3 ao 6 de xuño. Trátase dun dos principais eventos do sector a nivel internacional no que, ademais das empresas galegas que estarán de visita estes días, contarán con expositor propio Astilleros Armón, Ibercisa, Metalships, Progener-Grupo Emenasa e Aclunaga.
Na súa estancia en Oslo, a conselleira tamén terá ocasión de manter un encontro coa embaixadora de España en Noruega, Alejandra del Río Novo, e con empresas do sector da acuicultura.