- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a Feira Nor-Shipping á que asiste unha delegación de preto de trinta empresas galegas
- Destaca que se trata dunha oportunidade única para explorar no mercado internacional novas oportunidades de negocio nun momento en que o naval galego rexistra a maior carga de traballo desde 2019
- Lembra que a Xunta aprobou recentemente o Plan director do naval con medidas que suman 62 M€ para contribuír a que as empresas galegas do sector poidan internacionalizarse, diversificar mercados e investir en innovación tecnolóxica e sustentabilidade
- Avoga por promover unha forte aposta por novos nichos de futuro para o sector, que están na eólica offshore e, tamén, na industria da defensa, tal e como promove a Estratexia de defensa e seguridade da Xunta
Oslo (Noruega), 6 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe o “momento clave” que atravesa o sector naval galego, presente estes días na prestixiosa feira internacional de construción naval e transporte marítimo de Noruega, Nor-Shipping 2025, que se celebra en Oslo do 3 ao 6 de xuño.
Lorenzana visitou hoxe este certame acompañando unha delegación de preto de trinta empresas galegas do sector encabezadas por Aclunaga, Asime e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, presentes nesta feira co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Nor-Shipping atrae cada ano ás principais empresas marítimas do mundo, armadores, estaleiros, fabricantes de equipos, asociacións e autoridades portuarias. Representando a Galicia, contan con expositor propio Astilleros Armón, Ibercisa, Metalships, Progener-Grupo Emenasa e Aclunaga.
A conselleira destacou que se trata dunha oportunidade única para explorar no mercado internacional novas oportunidades de negocio nun momento en que o naval galego rexistra a maior carga de traballo desde 2019.
Segundo dixo, Galicia finalizou 2024 cunha vintena de contratos (22) na carteira de pedidos, que supón o 40 % do total nacional. A actividade ponderada representa o 41 %, por riba de Asturias (34 %) e País Vasco (26 %), o que sitúa Galicia como líder nacional. Ademais, o naval galego duplicou a súa actividade industrial con respecto a 2023 e consolídase como a comunidade con maior estabilidade histórica de pedidos, o cal garante continuidade e planificación produtiva a medio prazo para os estaleiros galegos.
Lorenzana indicou que para contribuír a esa estabilidade, e a que as empresas galegas do sector poidan internacionalizarse, diversificar mercados e contratos, e investir en innovación tecnolóxica e sustentabilidade, é polo que a Xunta aprobou recentemente o Plan director do naval, con medidas que suman 62 M€.
Na mesma liña, avogou por promover unha forte aposta por novos nichos de futuro para o sector, que están na eólica offshore e, tamén, na industria da defensa, dixo, tal e como promove a Estratexia de defensa e seguridade aprobada pola Xunta que busca, entre outras cousas, atraer cara a este segmento e actividade sectores como o naval, a automoción, o metalmecánico ou as TIC.