- O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria dun programa que destina un millón de euros a reforzar a aposta por unha economía circular, inclusiva e eficiente
- As subvencións cubrirán ata o 80 % dos investimentos, cun máximo de 60.000 euros por proxecto, e se contemplan anticipos automáticos do 80 % da axuda concedida
- O prazo de solicitude estará aberto ata o 30 de setembro e as actuacións subvencionables inclúen desde o eco-deseño ata programas de inclusión e transparencia
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a implantación de medidas ASG –Ambientais, Sociais e de Gobernanza– nas empresas galegas. Trátase da segunda edición desta liña, dotada con 1 millón de euros, que busca fomentar modelos empresariais máis responsables, aliñados cos principios da economía circular e cos retos ambientais e sociais actuais.
A convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, está dirixida a empresas, así como a persoas autónomas con centro de traballo en Galicia, e cobre ata o 80 % do custo dos investimentos subvencionables. A Xunta facilitará, ademais, o acceso a un anticipo do 80 % da axuda concedida, sen necesidade de garantías, co obxectivo de impulsar a posta en marcha inmediata dos proxectos.
As empresas poderán obter unha subvención máxima de 60.000 euros por proxecto, ou de ata 30.000 euros no caso de actuacións exclusivamente de consultoría, cun mínimo de investimento de 3.000 euros.
A nova convocatoria abrangue actuacións que permitan avanzar en catro ámbitos: ambiental, social, de gobernanza e global, con medidas como a redución do consumo de recursos naturais, a mellora da eficiencia enerxética, a reutilización de residuos, o desenvolvemento de envases ecoeficientes ou a implantación de prácticas laborais éticas e programas de diversidade.
Tamén se subvencionarán accións como auditorías de riscos ASG, certificacións B-Corp, análise de ciclo de vida dos produtos, mellora da transparencia financeira ou deseño de códigos de conduta empresarial.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase cinco días hábiles despois da publicación hoxe no DOG e pechará o 30 de setembro de 2025. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada, sen concorrencia competitiva, co fin de facilitar a participación do maior número posible de empresas que cumpran os requisitos.
Con esta nova convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e a competitividade do tecido produtivo galego, apostando por unha economía máis verde, responsable e innovadora. A iniciativa busca contribuír á mellora da calidade de vida da cidadanía galega a través do apoio a empresas que apostan pola eficiencia, a igualdade e a transparencia.