A Xunta subliña o papel de Gradiant como referente tecnolóxico en intelixencia artificial, emprendemento e innovación

Xoves, 02 Outubro 2025 16:19
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou as instalacións do centro vigués, onde puxo en valor o seu traballo na creación de spin-offs e na posta en marcha do primeiro fondo de investimento deep tech impulsado por un centro tecnolóxico en Europa
  • Destaca que a capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores “é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”

Vigo, 2 de outubro de 2025

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Gradiant en Vigo, centro tecnolóxico galego especializado en solucións de telecomunicacións e tecnoloxías dixitais aplicadas á industria, con máis de 400 clientes e un forte crecemento en facturación e emprego nos últimos anos.

Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria de Gradiant como referente europeo en innovación dixital, destacando a súa aposta pola intelixencia artificial, a ciberseguridade, a análise de datos e as comunicacións avanzadas. Neste ámbito, lembrou que o Igape conta con novas liñas de apoio para proxectos baseados en IA, dirixidas a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego.

A directora subliñou tamén a relevancia do emprendemento tecnolóxico que se xera arredor de Gradiant, que xa deu lugar a varias spin-offs de éxito internacional e que vén de lanzar TRL13, o primeiro fondo de investimento deep tech en Europa impulsado por un centro tecnolóxico español.

“A capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”, sinalou.

Covadonga Toca concluíu destacando que “Galicia ten que seguir avanzando cara a unha economía innovadora, dixital e competitiva, e centros como Gradiant son aliados imprescindibles para facelo posible, combinando ciencia, tecnoloxía e emprendemento co apoio da Xunta”.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis