Lorenzana salienta a aposta da Xunta por que as pemes galegas incorporen a tecnoloxía aos seus procesos produtivos

Luns, 10 Novembro 2025 16:13
  • Subliña que o vindeiro ano o Igape vai destinar case 50 M€ a cinco programas de axuda neste ámbito

Sada (A Coruña), 10 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe de manifesto a aposta da Xunta por que as pequenas e medianas empresas en Galicia incorporen pouco a pouco a tecnoloxía aos seus procesos produtivos.

Lorenzana visitou hoxe en Sada (A Coruña) as instalacións da empresa tecnolóxica Trison, dedicada á dixitalización de espazos; unha compañía “ultramoderna” con tecnoloxía “cen por cento galega”, dixo, que considerou un exemplo do liderado innovador e do talento que alberga o tecido empresarial galego.

Con 19 delegacións propias en 14 países, engadiu, é unha empresa “absolutamente internacionalizada”, cunha carteira media de 5.000 proxectos anuais; o máis recente, a pantalla vertical instalada na torre Entel de Santiago de Chile. Segundo apuntou, traballa, ademais, da man das marcas máis prestixiosas e en sectores que van desde o retail, con Inditex, ata a automoción, o transporte ou o fútbol.

Neste contexto, Lorenzana destacou que o vindeiro ano, a Xunta vai destinar case 50 millóns de euros a cinco programas de apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para, por exemplo, fomentar unha oferta tecnolóxica propia de Galicia; atraer talento directivo ás empresas que axude a executar proxectos de innovación; e para captar e consolidar aquelas iniciativas que se presentaron a convocatorias europeas ou nacionais que, superando os criterios técnicos de avaliación, non foron seleccionados por esgotamento orzamentario.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis