- Galicia presentou ante autoridades da cidade de Chongquing e grandes corporacións industriais o potencial dos seus principais sectores estratéxicos para abrir novas vías de cooperación
- A misión, integrada por representantes dos ámbitos máis diversos, desde automoción ata loxística ou a industria agrolimentaria, reforza a presenza económica e institucional de Galicia neste país, un dos mercados máis relevantes para o investimento
Chongqing (China), 19 de novembro de 2025
Galicia deu hoxe un novo impulso á súa presenza internacional ao participar na segunda xornada de traballo do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada, unha iniciativa organizada polo Grupo CITIC e polo Goberno Municipal de Chongqing. A continuidade da misión, iniciada onte, permitiu fortalecer as relacións institucionais e avanzar en contactos clave con responsables políticos, grandes grupos industriais e representantes de diferentes países.
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou que esta misión responde ao obxectivo de presentar unha Galicia moderna, competitiva e aberta ao investimento internacional, ao tempo que puxo en valor a importancia de CITIC Group, investidor destacado en Galicia e aliado estratéxico para impulsar novos proxectos. Subliñou tamén o peso económico de Chongqing, unha das principais municipalidades de China e un referente industrial de primeiro nivel. Ademais, salientou o papel da Antena do Igape en China, que está a acompañar a delegación e que constitúe un apoio clave para facilitar contactos, identificar oportunidades e reforzar a presenza das empresas galegas no mercado asiático.
No transcurso da xornada, a delegación galega expuxo o potencial dos sectores estratéxicos que viaxan neste encontro, que representan algunhas das actividades máis dinámicas e exportadoras da economía galega. Trátase do sector agroalimentario, recoñecido internacionalmente pola súa calidade; o metalmecánico, esencial para o naval, a automoción, a eólica mariña e o aeroespazo; e o sector da automoción, sustentado por un dos principais centros industriais de Europa e un ecosistema tecnolóxico punteiro. Tamén participaron representantes dos ámbitos da saúde e biotecnoloxía, loxística e transporte, e da tecnoloxía audiovisual e dixital, que reflicten a crecente especialización e capacidade innovadora do tecido empresarial galego.
A directora do Igape subliñou que “estes sectores non só reflicten a diversidade e a forza industrial de Galicia, senón tamén a súa capacidade para competir globalmente e establecer alianzas de alto valor engadido”. Abondou, así mesmo, en que encontros coma este “permiten presentar Galicia ante investidores e institucións chinesas como un territorio estable, innovador e con capacidade para atraer proxectos industriais, tecnolóxicos e loxísticos de gran impacto”.
A participación galega nesta segunda xornada reforza así a estratexia de internacionalización da comunidade, consolidando relacións con China e abrindo novas vías para acordos empresariais, transferencia tecnolóxica e cooperación bilateral. Galicia sitúase, deste modo, como un socio fiable e atractivo para impulsar novos proxectos nun dos mercados máis dinámicos e estratéxicos do mundo.