- “O Goberno galego vai seguir apoiando o desenvolvemento industrial, porque apoialo é apoiar o crecemento da comunidade” insistiu
- Defende a política industrial e económica da Xunta coa posta en marcha da Oficina Económica do Igape, o Plan de aceleración industrial coa figura dos proxectos industriais estratéxicos e a estratexia de aproveitamento dos recursos naturais
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe a necesidade de desterrar o negacionismo industrial de Galicia “porque pode chegar a escorrentar investimentos na nosa comunidade”. “Por moita seguridade e estabilidade que ofreza o Goberno galego, se cada proxecto que chega se recorre e se suspende, pode provocar que os empresarios marchen a outro territorio onde sexa máis sinxelo investir e haxa menos conflitividade”, advertiu Lorenzana ao tempo que lanzou unha mensaxe de optimismo. “Con toda a prudencia que temos que ter no momento actual, de moitísima sensibilidade polas dificultades e as sorpresas que nos están dando os mercados internacionais, Galicia é un bo lugar para investir”.
Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na presentación do Informe de Conxuntura Económica 2025 de Galicia, onde asegurou que o Goberno galego acertou cando apostou por impulsar unha política industrial baseada na desburocratización e no abaratamento da enerxía. “Temos que ser cautos pero os últimos datos a nivel de exportacións nos consolidan no quinto posto e o crecemento do emprego industrial nas últimas EPAs é francamente bo e moi por riba do Estado”, destacaba a conselleira.
Neste punto, abondou nos piares nos que se asenta a política industrial e económica da Xunta de Galicia: a eliminación da burocracia a través da posta en marcha da Oficina Económica do Igape, que conta cunha área de innovación empresarial “porque a transferencia de coñecemento é clave”; un plan de aceleración industrial que ten unha figura básica como son os proxectos industriais estratéxicos (PIEs), que na actualidade alcanzan a cifra de 15 entre os que xa están aprobados e os que están en tramitación. E, finalmente, se referiu á estratexia vinculada ao aproveitamento respectuoso dos recursos naturais a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que busca conciliar o seu aproveitamento coa xeración de riqueza no territorio.
Sen embargo, a titular de Economía do Goberno galego lamentou “que por un lado esteamos falando de descarbonización, onde Galicia xa está por riba dos obxectivos fixados no PNIEC para esta década, e sen embargo non esteamos poñendo o investimento suficiente na rede de transporte eléctrica para garantir a evacuación e o subministro da enerxía eléctrica”.
Finalmente, María Jesús Lorenzana gabou a calidade do informe, que definiu como “claro, completo e cunha visión moi estratéxica da realidade da comunidade”, ao tempo que insistiu en que “Galicia ten todo para liderar un desenvolvemento económico de primeiro nivel”.