A Xunta aposta por "industrializar a innovación" para converter o talento en crecemento empresarial e emprego

Martes, 22 Setembro 2026 18:44
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Sevilla no Al-Andalus Innovation Venture, onde pon en valor o papel da Administración como facilitadora e conectora entre startups, empresas, tecnoloxía, financiamento e mercado
  • Destaca o modelo galego das Business Factories, desenvolvido da man de empresas tractoras para responder a retos reais dos sectores estratéxicos e favorecer que as solucións innovadoras cheguen ao tecido produtivo
  • Sinala que un dos grandes retos pasa por acompañar os proxectos máis alá das súas fases iniciais para que consigan clientes, capten investimento, se internacionalicen e gañen escala

Sevilla, 22 de setembro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta por "industrializar a innovación", favorecendo que as novas solucións tecnolóxicas se traduzan en actividade empresarial, investimento, crecemento e emprego. Fíxoo durante a súa participación en Sevilla no Al-Andalus Innovation Venture, dentro da mesa redonda A importancia da Administración pública nos ecosistemas rexionais, na que abordou o papel que deben desempeñar as administracións para facilitar o desenvolvemento dos proxectos innovadores.

Neste contexto, Toca Carús defendeu unha Administración que actúe como facilitadora do ecosistema, conectando as capacidades xa existentes e acompañando ás empresas ao longo das diferentes etapas do seu desenvolvemento. Así, incidiu en que o reto non pasa unicamente por favorecer o nacemento de novos proxectos, senón por conseguir que os que demostran potencial poidan atopar clientes, financiamento e mercado para crecer.

"Temos talento, coñecemento, startups, empresas, centros tecnolóxicos e financiamento. O seguinte salto pasa por conectar cada vez mellor todas estas capacidades arredor de proxectos empresariais reais", sinalou a directora, apuntando á importancia de vincular tecnoloxía e necesidades empresariais para que a innovación teña impacto efectivo sobre a economía.

Neste ámbito, puxo en valor a rede galega de Business Factories, aceleradoras especializadas en sectores estratéxicos e desenvolvidas en colaboración co propio tecido empresarial. Un modelo que permite que as startups traballen desde o inicio sobre retos reais da industria e estean en contacto con compañías que poden actuar como espazos de validación, socios tecnolóxicos, primeiros clientes ou portas de entrada ao mercado.

Sobre esta base, Toca Carús incidiu na necesidade de medir o éxito dos programas de emprendemento innovador máis alá do número de proxectos participantes, atendendo á súa capacidade para conseguir clientes, captar investimento, introducir as súas solucións na industria e crecer. “A aceleración non é o punto de chegada; o obxectivo é pasar do piloto ao mercado e da startup a unha empresa con capacidade para crecer”, subliñou.

A directora do Igape concluíu que Galicia conta xa con talento, coñecemento, empresas, tecnoloxía e financiamento, polo que o seguinte paso pasa por conectar cada vez mellor estas capacidades arredor de proxectos empresariais reais. “Máis que engadir novas pezas ao ecosistema, temos que conseguir que as que xa temos funcionen cada vez mellor xuntas”, afirmou, destacando a conexión entre innovación, industria, financiamento e mercado como clave para que máis proxectos gañen escala.

  • A Xunta aposta por "industrializar a innovación" para converter o talento en crecemento empresarial e emprego
    Ler máis
  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ás empresas familiares por ser motor económico e atraer talento á comunidade
    Ler máis
  • Rueda reúnese cunha delegación do conglomerado chinés Citic Group para avaliar os seus proxectos en Galicia e estudar vías de colaboración futura
    Ler máis