A Xunta impulsa novas oportunidades para as empresas galegas en Emiratos Árabes Unidos, onde as exportacións medraron un 6.6% en 2025

Xoves, 08 Outubro 2026 13:28
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da Xornada País Emiratos Árabes Unidos, onde destaca que 279 empresas galegas exportaron ao país o pasado ano, cunhas vendas que alcanzaron os 79,6 millóns de euros
  • Subliña o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos, que ofrece asesoramento, apoio comercial e contactos empresariais para facilitar o acceso a unha rexión de preto de 150 millóns de habitantes
  • Avanza que a rede de Antenas, presente xa en seis mercados internacionais, ampliarase proximamente con novas aperturas en Brasil e Arxentina

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe as oportunidades que ofrece Emiratos Árabes Unidos para avanzar na diversificación dos mercados das empresas galegas, nun país que se consolidou como un dos principais centros comerciais, loxísticos e financeiros de Oriente Medio e como plataforma de acceso ao conxunto da rexión.

Durante a inauguración da Xornada País Emiratos Árabes Unidos, celebrada na Cidade da Cultura, Toca Carús puxo en valor a evolución das relacións comerciais con este mercado. En 2025, un total de 279 empresas galegas exportaron a Emiratos, das que 97 o fixeron de maneira regular. As vendas alcanzaron os 79,6 millóns de euros, un 6,6% máis que no exercicio anterior, e acumulan un crecemento próximo ao 40% nos últimos seis anos.

A directora do Igape sinalou que o téxtil e a alimentación concentran máis do 42% das exportacións galegas a Emiratos, ao tempo que existen posibilidades de crecemento noutros ámbitos como o metalmecánico, a automoción, a madeira ou o sector químico.

Neste contexto, salientou o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos como ferramenta para facilitar a entrada das compañías galegas neste mercado. Desde a súa posta en marcha, vén prestando servizos de información, asesoramento e apoio comercial a empresas de sectores como a alimentación, o téxtil, a saúde, as TIC, a industria, a enxeñaría ou a defensa, ademais de acompañar compañías en feiras e promover contactos empresariais.

A cobertura da Antena, afondou, esténdese tamén a Arabia Saudita, Irán, Baréin, Kuwait, Omán e Qatar, configurando unha área de preto de 150 millóns de habitantes que recibiu exportacións galegas por valor de 224 millóns de euros en 2025.

Acompañamento á internacionalización

Toca Carús incidiu no compromiso da Xunta por acompañar as empresas durante todo o seu proceso de internacionalización, desde a selección dos mercados ata a súa entrada e posterior consolidación, combinando asesoramento, formación e axudas ás accións comerciais.

Neste marco, destacou a rede de Antenas, actualmente presente en Estados Unidos, México, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos, que permite cubrir un mercado potencial superior aos 2.000 millóns de consumidores. A esta rede incorporaranse proximamente Brasil e Arxentina.

A directora do Igape lembrou tamén a boa evolución do comercio exterior galego, con máis de 30.000 millóns de euros en exportacións en 2025 por terceiro ano consecutivo e cun novo incremento do 0,9% entre xaneiro e xullo deste ano.

  • A Xunta impulsa novas oportunidades para as empresas galegas en Emiratos Árabes Unidos, onde as exportacións medraron un 6.6% en 2025
    Ler máis
  • Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Galicia mantén en 2026 a tendencia positiva das súas exportacións, cun incremento interanual do 0,9 % ata xullo
    Ler máis