IG408A - AXUDAS A PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL XERAIS (2025)

Finalidade / Obxectivo

Os proxectos de investimento obxecto de apoio deberán responder a algunha das seguintes tipoloxías de proxecto subvencionables:

- Creación dun novo establecemento.
- Ampliación de capacidade de establecementos existentes.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia non competitiva.

As axudas da presente convocatoria son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:

Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridad 1A: Transición dixital e intelixente.
Obxectivo específico 1.3. O reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Liña de actuación 1.3.01. Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Ámbito de intervención 021. Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídas os investimentos produtivos.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as PEMES que proxecten levar a cabo un investimento considerado subvencionable nalgún centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea, calquera que sexa a súa forma xurídica. Polo que tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas que propoñan un proxecto para un investimento ou actividade excluída segundo o disposto no artigo 5.2. das presentes bases.
b) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
d) As empresas en crise.
e) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran os deberes do artigo 11 da citada Lei.
f) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004 pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Sectores incentivables

1. Serán subvencionables os investimentos proxectados para o desenvolvemento de calquera actividade económica, excepto as excluídas nos seguintes apartados.

2. Exclúense as seguintes actividades:
- a produción e comercialización agrícola primaria.
- a extracción, produción, transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura.
- a produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.

3. Tampouco poderán concederse axudas para financiar os seguintes tipos de investimento:
- a produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
- a fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos do tabaco.
- a construción de centros que presten servizos de formación.
- infraestruturas residenciais para colectivos en risco de institucionalización.
- clausura ou construción de centrais nucleares.
- investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
- infraestruturas aeroportuarias.
- investimentos en eliminación de refugallos en entulleiras.
- investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallos residuais con fins de economía circular.

4. Non serán subvencionables os gastos de apoio á reubicación.

Requisitos principais do proxecto

1. Os proxectos deberán ter un investimento mínimo subvencionable de 50.000 € e máximo de 800.000 €.
En ningún caso considerarase o IVE como concepto subvencionable. No caso de que o investimento subvencionable dunha solicitude supere o límite, procederase a axustala a esa contía máxima.

2. A persoa beneficiaria deberá realizar unha achega financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo exento de calquera tipo de apoio público.

Non se consideran exentos de apoio público, os préstamos bonificados, os préstamos de valores ou capital públicos, as participacións públicas que non cumpran o principio de investidor nunha economía de mercado, as garantías estatais que conteñan elementos de axuda ou o apoio público outorgado dentro do ámbito da norma de minimis.

3. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto. (contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido).

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de final do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, finalizará dentro dentro dos 18 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión para os proxectos de investimentos xerais, sen que poida exceder a data establecida para o efecto na resolución de convocatoria.

5. Para as solicitudes que contasen cunha presolicitude rexistrada para o mesmo proxecto, terase en conta a data de presentación da presolicitude exclusivamente para a consideración do efecto incentivador e sempre que o proxecto para o cal se presente a solicitude sexa o mesmo. A nova solicitude terá que cumprir cos requirimentos destas bases reguladoras e a presolicitude non dará lugar a ningunha outra preferencia nin vantaxe na valoración, e avaliarase cando lle corresponda segundo a data de presentación.

6. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público, (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra) a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben ou á contratación da execución da obra, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou fornezan ou que as realicen. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os requisitos de comparabilidade, non vinculación, identificación do ofertante e do destinatario e data.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á devandita tipoloxía.

9. Os proxectos deberán estar vinculados ás actividades subvencionables.

Se algún dos investimentos propostos estivese vinculado, total ou parcialmente, a actividades non subvencionables será detraída na súa totalidade.

10. Os proxectos deberán estar vinculados a un único titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por empresas distintas á solicitante.

11. Non serán subvencionables os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos.

12. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.

Cualificación requerida do proxecto

As solicitudes avaliaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata a total utilización do orzamento da convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.

As pemes interesadas só poderán presentar unha solicitude de axuda nesta convocatoria, debendo escoller, no seu caso, entre a liña de axudas a investimentos xerais ou axudas ao investimento en equipamento produtivo.

Investimentos ou gastos computables

Proxectos de investimento empresarial xerais entre 50.000 € e 800.000 € nos seguintes conceptos:

1. Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:

a) Nova construción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante, ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou arrendamento cunha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada polo solicitante (esta vixencia deberá ser ampliada no caso de que o prazo de execución concedido sexa superior ao solicitado).

b) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas. O prezo de adquisición non poderá superar o valor de mercado. O importe da construción que poderá considerarse subvencionable será o menor entre o importe indicado no informe de taxación e o valor de adquisición. No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas, ademais, estas non poderán ser obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.

Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, a condición de que as instalacións que se abandonen sexan propiedade da persoa solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente.

A obra civil debe ser executada e facturada por terceiros. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola persoa solicitante.

2. Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións e obras específicas para a maquinaria, utillaje (incluídos os moldes, persoais e troqueles), equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipo.

3. Outros investimentos en activos fixos: mobiliario, equipos para proceso de información e outros elementos que, polas súas características, poidan considerarse como inmobilizado.

4. Aplicacións informáticas directamente vinculadadas co proceso produtivo, que cumpran os seguintes requisitos:
- Utilización exclusiva no establecemento beneficiario da axuda.
- Ser amortizables.
- Adquisición en condicións de mercado a terceiros non vinculados co comprador.
- Deben formar parte do activo da empresa e permanecer vinculados ao proxecto subvencionado durante, polo menos, 3 anos.

5. Adquisición de activos dun establecemento.

A adquisición dos activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquiriu será subvencionable sempre que se cumpran os requisitos indicados nas bases.

Os proxectos non poderán consistir exclusivamente en obra civil e conceptos inmobiliarios, deben de incluír obrigatoriamente investimento nalgún outro concepto subvencionable de entre os descritos nos puntos 2, 3 e 4 deste mesmo artigo.

Non se considerarán subvencionables os bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.

• Características:

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, que estean vinculados ao proxecto para o cal se solicita a axuda e que se materialicen nos conceptos subvencionables.

2. Os activos adquiridos deberán ser novos, excepto para a adquisición de construcións ou inmobles (artigo 6.6), ou para a adquisición dos activos pertencentes a un establecemento que pechou, ou que pecharía se non se adquirise, para continuar coa súa actividade.

3. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria; admítese, como excepción e de maneira expresa, a obra civil en terreos ou inmobles sobre os cales exista un dereito de superficie, unha concesión administrativa ou un contrato de arrendamento. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do final do prazo de execución do proxecto, e neste momento deberán constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros.
Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

5. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:
a) Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
b) Os custos de traslado de bens de equipamento que xa sexan propiedade da empresa.
c) Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.
d) A adquisición das instalacións en que a persoa solicitante viña desenvolvendo a súa actividade en réxime de alugueiro ou dereito de uso de calquera tipo.
e) Os custos de demolición de edificios ou estruturas xa existentes illados, que non estean incluídos dentro dun proxecto de reforma ou rehabilitación

Contía das axudas

A intensidade da axuda será do 35 % no caso das pequenas empresas e do 25 % no caso das medianas empresas.
Nos sectores industriais do carbón, aceiro e ferroaleaciones e no sector do transporte e infraestruturas conexas, será do 20 %, no caso das pequenas empresas e do 10 %, no caso das medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 12 de febreiro ás 9:00 h. e rematará o 30 de setembro de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.


Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionables.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de decembro de 2024 (DOG Nº7 do 13/01/2024) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 (DOG Nº23 do 04/02/2025) - Novos prazos de presentación

Información e tramitación

* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

*Tramitación:

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @asina da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a firma da solicitude por parte dun único solicitante.

2. As persoas interesadas deberán anexar coa solicitude de axuda a seguinte documentación:
a) Documentación do expediente administrativo:

1º Documentación xurídica da personalidade da persoa solicitante:
No caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos, modificacións posteriores e acreditación da representación con que se actúa, No caso de agrupacións referirase ao representante ou apoderado único da agrupación.

2º Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.

3º No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de tódalas entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.

4º En relación á declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.

5º As tres ofertas que deba solicitar a persoa solicitante.

6º Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario electrónico de solicitude.

7º Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

b) Documentación específica relativa aos investimentos:

- Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

Para os seguintes tipos de actuacións relacionadas con inmobles, deberán presentar:

- No caso de obra civil de construción en terreo ou inmobles con concesión administrativa, arrendamento ou dereito de superficie: documento acreditativo da concesión, do arrendamento ou do dereito de superficie, que deberá ter unha duración superior a 5 anos a contar desde a data de finalización do proxecto estimada pola persoa solicitante (esta vixencia deberá ser ampliada no caso de que o prazo de execución concedido sexa superior ao solicitado, o que se acreditará no momento da xustificación do proxecto). En caso de ser sobre propiedade da solicitante, documentación acreditativa da titularidade do inmoble ou compromiso de que pasará a ser propiedade do solicitante antes do comezo das obras.

- No caso de adquisición de edificacións xa construídas novas: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.

- No caso de adquisición de edificacións xa construídas usadas:
Declaración do vendedor sobre que a edificación ou construción non foi obxecto de ningún tipo de subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
Informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado dos bens que se adquiran.

- No caso de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, con abandono de instalación propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios: informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada do valor de mercado das instalacións que se abandonen. Se as instalacións que se abandonan non son propiedade da empresa solicitante ou dos seus socios maioritarios, declaración responsable respecto diso.

- No caso de alleamento das instalacións que se abandonan con anterioridade á resolución da solicitude: contrato de compravenda.

- No caso de adquisición de activos pertencentes a un establecemento que pechou ou que pecharía se non se adquirise:
Declaración de que os activos son adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador.
Declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que os mesmos non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
Informe de taxación, subscrito por sociedade de taxación homologada para os inmobles e informe técnico de persoa independente e experta na materia para os bens de equipo e outros activos, de que o prezo dos activos non é superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de marzo de 2028.

A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun mes a partir da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión.

Unha vez pechada a convocatoria, abrirase un rexistro de presolicitudes que permanecerá aberto ata a apertura da seguinte convocatoria. As solicitudes de inscrición neste rexistro deberán conter todos os datos relativos ao proxecto de investimento e non poderán ser modificadas, excepto actualización de importes.

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pago do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.