IG408L - IGAPE INNOVA - PLANS DE DESEÑO E INNOVACIÓN (2026)

Finalidade / Obxectivo

Axudas destinadas a empresas con centro de traballo en Galicia, co obxectivo de incrementar a capacidade innovadora das mesmas, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.
Igape Innova financiará actividades integradas en plans de deseño e innovación, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:

Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

As actividades asociadas aos plans deberán de estar aliñados cos retos da RIS3 Galicia.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia competitiva.
Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que, á data da solicitude, respondan á definición de peme e con forma xurídica de sociedade mercantil (para as liñas 1 e 2).

2. As grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.

3. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda.

4. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:
a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional.
f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil..
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

Requisitos principais do proxecto

As actuacións deben circunscribirse ao estudo, deseño, posta en marcha e validación das innovacións a nivel de pilotos ou demostrativos, coa finalidade de diferenciar estes das implantacións con carácter produtivo e comercial na empresa, que terían a consideración de actuacións e custos correntes.

Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.

1º Innovación en procesos.
Proceso novo ou mellorado para unha ou máis funcións de negocio que difiren significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que se poñen en uso por primeira vez.
1. Métodos de fabricación ou produción de bens ou servizos innovadores.
2. Sistemas loxísticos ou métodos de entrega ou distribución.
3. Métodos de procesamento de información ou comunicación con intensificación tecnolóxica.
4. Métodos de marketing para promoción, embalaxe, fixación de prezos, posicionamento do produto ou servizos pos-venda.
5. Innovacións en procesos con beneficios medioambientais.
6. Testaxe a escala preindustrial e pilotos de tecnoloxías facilitadoras (TFE) relacionadas con: nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados e fabricación e procesamento avanzado, nas que se inclúen especificamente a intelixencia artificial, ciberseguridade, impresión 3D, automatización avanzada e robótica, realidade aumentada, etc.
2º Innovación en organización.
Método novo ou mellorado para unha ou máis funcións relativas á organización empresarial e as súas interaccións, que difiren significativamente dos métodos anteriores da empresa e que se poñen en uso por primeira vez.
A innovación ten un alcance ou percepción a nivel de empresa, sendo para esta a novidade ou mellora significativa, aínda que non o sexa para o seu sector ou mercado.
i) Creación de departamentos / unidades de I+D+i.
ii) Deseño e desenvolvemento de novos procesos de organización que impacten, entre outros: nos métodos de produción, distribución, así como a experiencia do usuario, tanto no sector industrial como de servizos.
iii) Validación, a través de pilotos, de novos métodos ou metodoloxías enfocadas á:
- Mellora organizacional no negocio ou a organización do traballo.
- Xestión do coñecemento ou a toma de decisións.
- Xestión dos recursos humanos e a responsabilidade social.
- Relacións cara o exterior (con provedores, clientes, intermediarios…).
- Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta.
- Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou a apertura de novos mercados. Non se inclúen as actuacións relativas á comercialización que non poidan ser considerados pilotos de innovación.

Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

1º Deseño de produto/servizo.
Que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico. Para isto, as actividades subvencionables de cada unha das fases do plan de deseño deberán incluír:
Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.
Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.
2.1. Deseño de detalle.
2.2. Desenvolvemento.
Fase III: Preindustrialización.
Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.
3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.
3.3. Solucións para mantemento e reparación.
3.4. Especificacións de montaxe.

Tamén se poderán considerar outras disciplinas do deseño para a innovación que se interrelacionen para a consecución do resultado final do dito proxecto, son as seguintes:
• Deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables.
• Deseño dixital.
• Deseño de identidade de produto sempre que estean asociados ao novo produto.

Poderán presentarse solicitudes a unha ou ambas as dúas liñas da convocatoria.
Cada liña recollerá actividades diferenciadas que estarán incluídas en plans de innovación en procesos e organización (no caso da Liña 1) e en plans de deseño para a innovación (no caso da Liña 2).

4. Os plans reunirán, necesariamente, as seguintes características:

a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades para cada unha das liñas, incluídas nas respectivas memorias descritivas da solicitude, e permitirán implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras e de deseño da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable para cada plan, o cal inclúe o 20% dos custos indirectos, será dun mínimo de 50.000 euros e dun máximo de 250.000 euros por plan.
c) A duración máxima de cada plan será ata o 30 de setembro de 2027; a presentación dun plan cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.

Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3).

Considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.

Investimentos ou gastos computables

1. Consideraranse os custos directos que se subvencionan os seguintes:

a) Custos de persoal, propio ou de nova contratación (artigo 8). Subvencionarase un máximo de cinco persoas dedicadas a cada plan.

b) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan (artigo 9).
A subcontratación máxima será do 50 % do custos directos elixibles do plan.

c) Custos de material, subministracións e produtos similares.
- Non se inclúen gastos de material de oficina e consumibles informáticos.
- Si se inclúen licenzas de software mediante subscrición, pagamento por uso, ou similar.

d) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, así coma a obtención de certificacións (normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores presentados na memoria como, a especificación EA0047, EA0043, as incluídas na serie de Normas UNE 166000 e outras certificacións específicas que se consideren axeitadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.

e) Custos de servizos de asesoramento en materia de deseño e/ou innovación empresarial: consultoría, e asistencia nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan, así como a consultoría e a asistencia sobre a introdución ou a utilización de tecnoloxías e solucións innovadoras (incluídas as tecnoloxías e as solucións dixitais).

f) Custos de servizos de apoio en materia de innovación.
Subministración ou accesos a bases de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio, experimentación e certificación ou outros servizos relacionados.

g) Custos de adquisición de propiedade industrial.

h) Custos de equipamento e material instrumental inventariables, de nova adquisición na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.
- Inclúese a compra de novas licenzas e as renovacións de licencias de S.W. se son de uso específico para o proxecto.
- Inclúese a instalación do equipamento ou material instrumental cando esta sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.
- Inclúense os activos necesarios para o prototipado ou validación de pilotos.

Poden admitirse gastos de leasing (suxeito a cumprimento de requisitos).

2. Consideraranse subvencionables os custos indirectos: gastos administrativos, gastos de supervisión e control de calidade, subministracións, seguros, seguridade ou gastos de limpeza.
O custo imputable será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 20 % aos custos directos do plan.

3. En ningún caso poderá concertar a empresa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos ou subministracións subvencionadas coas persoas ou entidades relacionadas no punto 4 do artigo 9 destas bases reguladoras.

4. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

5. Gastos non subvencionables:

a) O cumprimento de normativa obrigatoria.
b) As análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Implantación de certificados de calidade, medio ambiente, boas prácticas ou similares.
d) Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
e) Calquera tipo de acción formativa.
f) Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERPs, CRMs, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
g) Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
h) Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
i) Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións, etc.).
j) Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de innovación e deseño: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina.
k) Investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.

6. Cando o importe dos gastos subvencionables supere os 15.000 €, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben.
Requisitos das tres ofertas: comparabilidade, non vinculación, identificación do ofertante e do destinatario e data de emisión.

7. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

8. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

Liña 1: Plan de innovación (só pemes)
Orzamento: de 50.000 € a 250.000€

Subvención: 50%

Liña 2: Plan de deseño (pemes e grandes empresas)
Orzamento: de 50.000 € a 250.000€

Pemes: subvención do 50%
Grandes empresas: 25%

*No caso de grandes empresas, a intensidade da axuda poderá aumentar ata o 40% cando os resultados do proxecto de desenvolvemento de deseño se difundan amplamente por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.

Incompatibilidades

Compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) 651/2014 que se indican e que teñen a consideración de intensidade máxima.

Referencia lexislativa

Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG Nº10 do 16/01/2026) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación

 Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]

 Tramitación:

Para presentar a solicitude, a empresa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da empresa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es

 As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de plans aplicables (artigo 7). A extensión da memoria non poderá superar as 30 páxinas.
b) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado.
c) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura de constitución, estatutos, modificacións posteriores e acreditación da representación con que se actúa.
d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado. No caso de que estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas.
f) Cando teña axudas concedidas para o mesmo plan, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben acreditar cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores

Observacións

Prazo de execución dos plans de deseño e innovación: comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que poida superar o 30 de setembro de 2027.

Solicitude de cobramento como máis tarde o 30 de setembro de 2026 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de setembro de 2026 ou anterior (proxectos dunha anualidade), e como máis tarde o 30 de setembro de 2027 no resto dos proxectos (proxectos de dúas anualidades).

Prazo de xustificación: coincide co prazo de execución, as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobro ata a data límite de execución concedida.

Anticipo de ata o 70 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no momento da solicitude.

Para os proxectos que teñan unha duración que comprenda dúas anualidades, o prazo máximo de xustificación do anticipo da anualidade 2026, será o 31 de xaneiro de 2027.