IG408F - AXUDAS PARA FACILITAR O FINANCIAMENTO DA ADQUISICIÓN DE UVA POLAS ADEGAS DE ELABORACIÓN DE VIÑO (2026)
Finalidade / Obxectivo
Facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2026.
Tipos de apoio
Réxime de concorrencia non competitiva.
Axudas en réxime de minimis.
Beneficiarios potenciais
1. As empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia, e que sexan titulares de adegas de elaboración de viño (CNAE 1102), acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.
2. As empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.
No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso.
c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.
d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Sectores incentivables
Elaboración de viño (CNAE 1102)
Requisitos principais do proxecto
1. Os préstamos subvencionados destinaranse ao pago pola adquisición de uva a terceiros na campaña 2026, destinada á súa vinificación na propia adega.
Só serán financiables os pagos aos provedores de uva realizados a partir da data de formalización dos préstamos subvencionados.
Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC).
As entregas de uva ás cooperativas agrarias e outras entidades asociativas por parte dos seus socios, cando isto sexa obrigatorio en virtude dos seus estatutos, terán tamén a consideración de uva adquirida a terceiros.
2. Para ter dereito á subvención, as operacións financeiras de préstamo, e os seus avais de SGR no seu caso, deberán cumprir coas seguintes condicións:
a) Para o caso dos préstamos avalados por SGR:
Condicións dos préstamos:
-Prazo de vixencia de 3 anos, incluíndo un mínimo de 6 meses de carencia.
- Tipo de xuro fixo máximo durante o primeiro ano será determinado en base ao euribor a 12 meses + ata 2,50%; o resto da vida do préstamo poderá ser determinado en función do estipulado nos convenios bilaterais entre a entidade bancaria e a SGR.
-Comisión á formalización máximo do 0,5%
-Comisión por amortización anticipada 0%.
-Garantía: aval da SGR polo 100 %.
Condicións dos avais das SGR:
-Comisión de apertura e/ou estudo 0,5% do principal.
-Comisión de aval anual 1,25%.
-Comisión de amortización anticipada 0%.
-A SGR poderá tomar garantías adicionais aos reavais públicos, agás o peñoramento de depósitos do titular que detraian liquidez á titular.
-Dúas ou máis SGR poderán coavalar unha operación de préstamo subvencionable, nas condicións que elas acorden, pero en ningún caso as comisións cobradas superarán conxuntamente as porcentaxes antes relacionadas.
b) Para o caso dos préstamos sen aval de SGR:
-Prazo de vixencia mínimo de 1 ano, incluíndo un mínimo de 6 meses de carencia.
- Tipo de xuro fixo máximo durante o primeiro ano será determinado en base ao euribor a 12 meses + ata 2,50%; o resto da vida da operación poderá fixarse libremente entre as partes.
-Comisión á formalización máximo do 0,5%.
-Comisión por amortización anticipada 0%.
-A entidade financeira poderá tomar garantías reais e/ou persoais, agás o peñoramento de depósitos do titular que detraian liquidez á titular.
As operacións de préstamo non poderán incluír comisións adicionais, agás a comisión de reclamación de posicións debedoras.
Contía das axudas
A axuda consistirá na subvención das comisións e xuros aplicados polas entidades bancarias, e sociedades de garantía recíproca, se é o caso, nas operacións de préstamo necesarias para o financiamento da adquisición da colleita de uva do ano 2026, por parte dos titulares de adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas. Para tal efecto, considérase que serán susceptibles de apoio os préstamos formalizados entre o 1 de setembro de 2026 e o 30 de decembro de 2026, incluíndo as operacións aprobadas pendentes de formalizar no momento da solicitude.
4. A base subvencionable que será utilizada para determinar a contía da axuda, será a menor das seguintes:
a) A suma dos importes dos préstamos formalizados e/ou dispostos nas operacións de financiamento por cada persoa beneficiaria, que cumpran os requisitos dos puntos anteriores, e que foran relacionados na solicitude da axuda.
b) O importe total de uva adquirida a terceiros na campaña 2026 das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, incluíndo o IVE correspondente.
5. O importe da axuda será o resultado de sumar os seguintes conceptos:
- Un máximo do 0,5% da base subvencionable, co límite da comisión de apertura e formalización cobrada pola entidade de crédito.
- Un máximo do 0,5% da base subvencionable, co límite da comisión de apertura e estudo cobrada pola sociedade de garantía recíproca que avale a operación. No caso de préstamos sen aval de SGR, a subvención por concepto será de 0€.
- Un máximo do 1,25% da base subvencionable, co límite da comisión de aval cobrada pola sociedade de garantía recíproca que avale a operación. No caso de préstamos sen aval de SGR, a subvención por concepto será de 0€.
- Un máximo do 5% da base subvencionable, como de estimación de xuros correspondentes ao primeiro ano de vixencia do/s préstamo/s.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto (6) día hábil posterior ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 16 de decembro de 2026 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Incompatibilidades
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro).
As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 300.000 € nos tres anos previos á concesión da axuda.
No caso de que a axuda calculada conforme ao punto primeiro supere os límites indicados no punto 6, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites.
Referencia lexislativa
Resolución do 16 de xullo de 2026 (DOG Nº140do 28/07/2026) - Bases reguladoras e convocatoria
Extracto das bases
Información e tramitación
* Información:
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
Observacións
Será de obrigado cumprimento por parte das persoas beneficiarias dar publicidade á axuda concedida colocando un cartel tamaño A4 como mínimo, ou pantalla electrónica equivalente, na entrada das instalacións.