IG408C - AXUDAS AO INVESTIMENTO PARA INFRAESTRUCTURAS LOCAIS (INFRAESTRUCTURAS COLABORATIVAS DE APOIO INDUSTRIAL) - 2026

Finalidade / Obxectivo
O obxecto destas axudas é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento do entorno das empresas e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.
A dispoñibilidade local de infraestruturas de apoio á industria beneficia de xeito especial ás pemes, posto que lles permite acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades. Encaixan, ademais, perfectamente no modelo de Digital Innovation Hubs (DIH), xa que un dos obxectivos dos “hub” é asegurar a prestación de servizos tecnolóxicos a pemes mediante a orquestración dun conxunto de activos, entre os que poderían estar estas infraestruturas de apoio.
Tipos de apoio
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.
A convocatoria de axudas ten unha dotación de 10.000.000 €, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60% do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional, polo 40 % restante, os fondos propios da Comunidade Autónoma (20%) e o investimento privado elixible das persoas beneficiarias (20%):
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3: o reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Tipo de acción (CPSO) 1.3.01: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Subtipo de acción (CPSO) 1.3.1.2: apoio financeiro a proxectos agrupados de infraestruturas locais.
Tipo de intervención 021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Beneficiarios potenciais
Pemes, que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta.
Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en Galicia.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20% dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
c) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo en Galicia. O centro de traballo poderá ser a propia infraestrutura que se vai crear.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
c) As empresas en crise.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
e) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros.
Co fin de facilitar o acceso á axuda, permitirase que a persoa beneficiaria poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión.
Sectores incentivables
Todos excepto o sector da pesca e a acuicultura.
Requisitos principais do proxecto
1. Serán subvencionables os proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o entorno das empresas e as persoas consumidoras e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estarán a disposición das persoas usuarias interesadas dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte das súas persoas destinatarias mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.
Non serán subvencionables os proxectos nos que a persoa solicitante ou unha terceira persoa utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiras persoas. Para os efectos destas bases considerarase utilización moi maioritaria por parte dunha terceira persoa á que supere o 75% da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiras persoas para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
2. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclado e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.
3. O investimento subvencionable deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 5.000.000 €.
4. Todos os proxectos financiados ao amparo destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH).
5. Os proxectos financiados ao abeiro destas bases deben respectar o cumprimento dos principios horizontais, en especial os relativos á materia ambiental, de igualdade e de accesibilidade a persoas con discapacidade que poidan resultar de aplicación.
Deberán garantir a protección fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura. https://igape.gal/es/guia-climate”
Cualificación requerida do proxecto
O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acaden 40 puntos.
Para a avaliación dos proxectos, o Igape poderá utilizar o sistema de defensa pública do proxecto. Tanto a memoria que acompañe a solicitude requirida no artigo 8.1 como a defensa pública deben responder de forma clara e explícita a cada un dos criterios de avaliación de proxectos deste punto.
O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acaden 40 puntos e elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes.
Investimentos ou gastos computables
1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubitable á infraestrutura subvencionada e que se materialicen nos seguintes conceptos:
a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda do 10% do investimento total subvencionable.
c) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
e) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso) que cumpran os requisitos indicados nas bases.
f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos a contar desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.
2. Os bens de equipo adquiridos deberán ser novos.
3. A suma dos investimentos correspondentes aos epígrafes a), b) e f) anteriores, non poderá superar o 70% do investimento total subvencionable.
4. Non poderán concederse axudas para financiar os seguintes tipos de investimento:
- a construción de centros que presten servizos de formación
- infraestruturas residenciais para colectivos en risco de institucionalización
- investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro
- investimentos en eliminación de refugallos en entulleiras
- investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallos residuais con fins de economía circular
- investimentos en máquinas, equipamento ou instalacións que consuman combustibles fósiles.
5. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda..
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
6. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.
7. A persoa beneficiaria deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.
No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto.
8. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
9. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os requisitos de comparabilidade, non vinculación, identificación da persoa ofertante e da persoa destinataria e data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia.
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
10. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017 de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.
11. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
12. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE), así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables.
Contía das axudas
1. O importe subvencionable calcularase como a diferenza entre os investimentos subvencionables e o beneficio de explotación ao longo do período de explotación do negocio, e non poderá superar os 5.000.000 €. A axuda acadará a intensidade do 80 % sobre o importe subvencionable, polo que non poderá superar os 4.000.000 €.
2. Entenderase como «beneficio de explotación», a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo, utilizarase unha taxa de desconto do 4 %. Se esta diferenza é negativa, o «beneficio de explotación» será nulo.
3. Entenderanse como «custos de explotación», os custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueiros ou administración, excluíndo os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento (incluída, pero non limitada a esta axuda).
4. A axuda concederase con base no plan de viabilidade que presente a persoa solicitante (segundo o modelo de plan económico e cálculo da subvención incluído no formulario electrónico de solicitude). O plan de viabilidade referirase a un período de dez (10) anos desde a posta en marcha da infraestrutura. Se o período de amortización da infraestrutura é superior aos dez (10) anos, o valor residual dos activos subvencionados deberá terse en conta para o cálculo do beneficio de explotación, mediante o cálculo do valor neto actual dos fluxos de efectivo nos anos de vida útil restantes do investimento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de dous meses.
Incompatibilidades
Incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.
Referencia lexislativa
Resolución do 7 de abril de 2026 (DOG Nº72 do 20/04/2026) - Bases reguladoras e convocatoria 2026
Información e tramitación
* Información:
- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en [email protected]
*Tramitación:
1. A solicitude poderá presentala a peme de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria. A condición de persoa beneficiaria enténdese referida á sociedade que se debe constituír antes da resolución definitiva da axuda, a cal establecerá como persoa beneficiaria a sociedade e non a agrupación nin as súas persoas membro.
No caso de optar por formar unha agrupación, deberanse facer constar expresamente nun documento ante notario os compromisos de constitución da nova sociedade e de achega económica a esta por parte de cada un dos membros da agrupación. Nomearase un representante único da agrupación (o líder), que presentará a solicitude de axuda en nome da agrupación.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller os puntos indicados no artigo 7 das bases.
2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da peme individual ou a persoa líder da agrupación deberá cubrir previamente un formulario electrónico a través de https://spiga-sede.igape.es
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.
4. Para poderen presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado.
Deberán achegar coa solicitude a documentación indicada no artigo 8 das bases.
Observacións
O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder do 30 de xuño de 2029.
O prazo para presentar a solicitude de cobramento será de un mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.
O prazo para solicitar anticipos será ata o 10 de decembro para os gastos da anualidade 2026, ata o 15 de outubro de cada ano para os gastos das anualidades 2027 e 2028 e ata o 15 de marzo de 2029 para os gastos da anualidade 2029.
O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2026 abranguerá ata o 31 de xaneiro de 2027. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2027 rematará o 15 de decembro de 2027. Para os gastos incorridos no 2028 rematará o 15 de decembro de 2028. O prazo para xustificar os gastos incorridos no 2029 rematará o 30 de xullo de 2029.
Unha vez ditada a resolución de concesión, admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases.
A aceptación da resolución de concesión da axuda (DECA) deberá facerse de maneira expresa a través da sinatura do documento que para tal fin o Igape porá á disposición da persoa beneficiaria na sala de sinaturas da Xunta.