A Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde celebra o seu primeiro pleno co foco posto na conexión coa meseta

Xoves, 30 Marzo 2023 13:11
  • A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou nesta reunión na que se constituíron comités executivos que se encargarán de avanzar nos distintos retos: proxectos e infraestruturas, formación e innovación, normativa ou capacidades industriais.

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou no primeiro pleno da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde no que se puxo en valor o Pacto pola Enerxía con Enagás, que posibilitará cumprir cun dos principais obxectivos fixados pola Alianza: o desenvolvemento do corredor atlántico do hidróxeno. Grazas a este acordo, Enagás comprométese a realizar investimentos na Comunidade e realizar o hidroduto entre Guitiriz e Zamora, facilitando a conexión coa Meseta.

No pleno avaliouse a incorporación de novos integrantes á Alianza, como é o caso de Ence, que se sumou recentemente, permitindo contar xa con 10 empresas tractoras, 10 clústeres e asociacións empresariais -que representan a máis de 700 compañías-, as tres universades galegas, así como axentes e administracións públicas.

Ante a amplitude de integrantes e, coa previsión de seguir incorporando máis -como o caso de Enagás-, a Alianza acordou aprobar un modelo de cogobernanza no que se inclúen varios comités executivos que se encargarán de traballar e avanzar nos seus diferentes obxectivos e retos en eidos como os dos proxectos e infraestruturas, a formación e a innovación, a normativa ou as capacidades industriais.

A secretaria xeral destacou que esta estratexia de colaboración público-privada ten como finalidade facer de Galicia unha rexión de referencia internacional no desenvolvemento da cadea de valor do hidróxeno renovable.

  • Lorenzana e o Clúster Audiovisual Galego abordan os retos do sector no ámbito da innovación
    Ler máis
  • A Xunta impulsa novas oportunidades para as empresas galegas en Emiratos Árabes Unidos, onde as exportacións medraron un 6.6% en 2025
    Ler máis
  • Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
    Ler máis