O Igape presenta en Lalín o seu novo paquete de axudas con 172 M€ para innovación, financiamento e competitividade

Xoves, 13 Febreiro 2025 17:59
  • A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participa nunha xornada para autónomos e pemes organizada pola Asociación de Empresarios do Deza - AEDEZA
  • “O obxectivo principal é reforzar a produtividade das empresas galegas, mellorar a súa adaptación ás novas tecnoloxías e potenciar a transformación dixital do tecido empresarial”, explica
  • Destaca o papel da Oficina Económica de Galicia, que en menos dun ano de funcionamento xestionou máis de 16.000 consultas e preto de 200 proxectos estratéxicos, simplificando a interlocución coa administración, reducindo prazos e mellorando a experiencia das compañías na súa relación co sector público

 

Lalín (Pontevedra), 13 de febreiro de 2025

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá nunha xornada informativa organizada pola Asociación de Empresarios do Deza-AEDEZA no Hotel Torre do Deza, onde presentou o novo paquete de axudas para pemes e autónomos activado pola Xunta de Galicia.

Estes apoios, cun “orzamento histórico de 172 millóns de euros”, explicou Toca Carús, estrutúranse en tres grandes bloques: financiamento, competitividade e innovación. “O obxectivo principal é reforzar a produtividade das empresas galegas, mellorar a súa adaptación ás novas tecnoloxías e potenciar a transformación dixital do tecido empresarial”, afondou.

“Unha das maiores barreiras para o crecemento empresarial é o acceso ao financiamento”, explicou a directora. Por este motivo, o Igape destina este exercicio preto de 113 millóns de euros a instrumentos financeiros que faciliten liquidez e permitan investimentos estratéxicos.

As liñas principais, afondou Toca Carús, inclúen acceso ao crédito con 19 millóns de euros en axudas para financiamento a través de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca ou préstamos directos con 50 millóns de euros en financiamento en condicións vantaxosas para investimentos empresariais.

Competitividade e Innovación

Así mesmo, e como detallou a directora, destínanse tamén máis de 47 millóns de euros para programas que melloren a competitividade das empresas galegas. Entre eles, destacan as axudas para investimentos, con 10 millóns de euros e para atracción de empresas con 12 millóns de euros; as liñas de transformación dixital, con 3 millóns de euros ou o programa ReAcciona, con 2,8 millóns de euros para asesoramento estratéxico e xestión empresarial.

“A innovación é clave para a competitividade global”, proseguiu Toca Carús, detallando que o Igape impulsa programas con 15,2 millóns de euros. Entre estes destacan IA 360 con 10,2 millóns de euros, como programa pioneiro en Galicia para a aplicación da intelixencia artificial no sector produtivo; Ticket Innova, con 1 millón de euros para apoio á certificación e tecnoloxías emerxentes; e Igape Innova, con 4 millóns de euros en modernización de procesos e desenvolvemento de novos produtos.

A Oficina Económica

A directora do Igape destacou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia, que en menos dun ano de funcionamento xestionou máis de 16.000 consultas e preto de 200 proxectos estratéxicos, simplificando a interlocución coa administración, reducindo prazos e mellorando a experiencia das compañías na súa relación co sector público.

  • A Xunta aposta pola loxística innovadora cunha factoría que busca transformar retos empresariais en solucións reais
    Ler máis
  • A Xunta reforza os vínculos comerciais con EE.UU. coa vista posta na apertura de novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego
    Ler máis
  • Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa para fortalecer o desenvolvemento empresarial
    Ler máis