- O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participaron hoxe na xornada de presentación do informe de BDO Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2025
- Nicolás Vázquez destaca que Galicia está comprometida con apoiar as demandas do sector privado para impulsar o seu crecemento e a consolidación das súas iniciativas, especialmente en materia de industria
- Covadonga Toca sinala que Galicia segue a consolidarse como unha das comunidades autónomas máis dinámicas en exportacións, cunha facturación superior aos 30.000 M€ en 2023 e un crecemento do 3,1% en 2024
Vigo, 11 de febreiro de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, puxo hoxe de manifesto a aposta da Xunta por fomentar a diversificación do sector industrial en Galicia para reducir a dependencia do exterior en áreas estratéxicas e gañar, así, competitividade.
Nicolás Vázquez inaugurou hoxe o acto de presentación do informe de BDO Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2025, onde recoñeceu que a industria é un pilar fundamental para o desenvolvemento económico non só pola produción de bens, senón, tamén, pola ampla rede de actividades que xera ao seu redor.
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético subliñou que “Galicia está comprometida con apoiar as demandas do sector privado para impulsar o seu crecemento e a consolidación das súas iniciativas, especialmente en materia de industria, facilitando a adaptación aos novos desafíos e aproveitando as oportunidades que ofrece a transición cara a unha economía máis sustentable e dixital”, dixo.
Ao respecto, mencionou as principais liñas de traballo que vén mantendo a Xunta de Galicia con este obxectivo, entre as que citou a axilización administrativa e a desburocratización, os plans directores para os sectores estratéxicos, as medidas de creación e acceso a solo industrial gratuíto ou as que van destinadas a promover a descarbonización da industria e a garantir que o aproveitamento dos recursos naturais xere beneficios económicos e sociais en Galicia.
Boas expectativas de crecemento
Pola súa banda, a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, destacou as boas expectativas de crecemento da economía galega en 2025, e subliñou que a estabilidade institucional e a capacidade de adaptación das empresas están a xogar un papel clave.
Neste contexto, sinalou a importancia da internacionalización das empresas galegas como ferramenta para garantir a súa competitividade. Galicia, expuxo, segue a consolidarse como unha das comunidades autónomas máis dinámicas en exportacións, cunha facturación superior aos 30.000 millóns de euros en 2023 e un crecemento do 3,1% en 2024. Un proceso que acompaña o Igape proporcionando apoio, financiamento e asesoramento neste eido.
Así mesmo, a directora do Igape tamén puxo en valor o papel da Oficina Económica de Galicia, que actúa como un punto de referencia único para empresas e industrias que precisen información e asesoramento promovendo unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial galego.
Por último, fixo referencia ás novas liñas de axudas postas en marcha polo Igape, cun paquete de 172 millóns de euros dirixido á mellora da competitividade, o financiamento e á innovación das empresas galegas.