Lorenzana anuncia que o Plan director da automoción será aprobado definitivamente no Consello da Xunta do vindeiro luns

Venres, 14 Marzo 2025 08:35
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou esta tarde na inauguración do XXXIV Salón do Automóbil Vigo 2025
  • Apunta que recolle axudas de 234 M€ dos cales 75 M€ son apoios directos de fondos propios da Xunta para todas as empresas que conforman a cadea de valor do sector en Galicia

 

Vigo, 12 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o Consello da Xunta do vindeiro luns aprobará definitivamente o Plan director da automoción, con axudas de 234 M€ dos cales 75 M€ son apoios directos de fondos propios da Xunta para todas as empresas que conforman a cadea de valor deste sector en Galicia.

Lorenzana participou esta tarde na inauguración do XXXIV Salón do Automóbil Vigo 2025, onde sinalou que a automoción representa un 15 % do emprego industrial da Comunidade e reiterou a compromiso da Xunta con esta industria.

Ao respecto, lembrou que o Goberno galego leva tempo demandando no seo da Comisión Europea medidas de flexibilización como as que recolle o novo plan europeo da automoción aprobado a pasada semana, que a Xunta apoia, dixo, pero que debe implantarse “de xeito áxil, que é o que necesita agora mesmo todo o sector”.

Neste eido, proseguiu, “a Xunta defende unha transición xusta que teña en conta os empregos, a formación das persoas, a transformación que teñen que facer as industrias” pero, tamén, aos consumidores finais, dixo como marco á celebración deste salón, a cuxos organizadores felicitou “porque foron quen de sumar e de facer máis grande esta feira” que exhibe “o que representa Vigo e Galicia en materia de automoción”, concluíu.

  • O Igape convoca 40 prazas para formación e prácticas en internacionalización empresarial
    Ler máis
  • Rueda destaca que proxectos como o da multinacional SAIC contribúen a construír unha Galicia competitiva e industrial
    Ler máis
  • Lorenzana chama a promover o talento e o liderado feminino como un factor de competitividade empresarial e sustentabilidade económica
    Ler máis