A Xunta destaca o potencial do comercio electrónico para impulsar a competitividade e abrir novos mercados

Xoves, 01 Outubro 2026 13:33
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Pontevedra na inauguración da quinta edición de Ecommerce Days, o principal encontro anual do sector en Galicia
  • Pon en valor as oportunidades que ofrecen a intelixencia artificial, a dixitalización e os novos canais de venda para mellorar procesos, chegar a novos clientes e favorecer a internacionalización das pemes

Pontevedra, 1 de outubro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o potencial do comercio electrónico e das novas ferramentas dixitais para reforzar a competitividade das empresas galegas, mellorar a súa relación cos clientes e facilitar o acceso a novos mercados.

Durante a inauguración da quinta edición de Ecommerce Days, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, Toca Carús puxo en valor a evolución dun encontro que desde a súa posta en marcha en 2022 reuniu xa a máis de 700 asistentes e 80 relatores, consolidándose como a principal cita anual do comercio electrónico en Galicia.

Neste contexto, a directora salientou que o ecommerce vai hoxe moito máis alá da venda por internet e está cada vez máis vinculado á tecnoloxía, aos datos, ao coñecemento do cliente, ao marketing e á apertura de novos mercados. Unha transformación que, segundo apuntou, obriga as empresas non só a coñecer as novas ferramentas, senón a identificar aquelas que poden achegar valor real ao seu negocio.

Así, Toca Carús referiuse especialmente á intelixencia artificial e á necesidade de avanzar desde o coñecemento das súas posibilidades cara á súa aplicación práctica nas empresas. Deste xeito, incidiu no seu potencial para coñecer mellor os clientes, personalizar ofertas, analizar datos, automatizar tarefas ou facer máis eficientes os procesos.

Nesta liña, explicou que a orientación que impulsa a Xunta a través do Igape pasa por favorecer que a innovación e a tecnoloxía se traduzan en resultados concretos para o tecido empresarial, contribuíndo a vender mellor, aforrar tempo, mellorar a toma de decisións e xerar novas oportunidades de negocio.

Porta de entrada a novos mercados

A directora do Igape destacou tamén a capacidade do comercio electrónico para facilitar a internacionalización das pemes galegas. Os canais dixitais, explicou, permiten ás empresas testar mercados, chegar a novos clientes, acceder a marketplaces e construír unha marca no exterior con maiores posibilidades que hai apenas uns anos.

Por este motivo, subliñou a crecente conexión entre dixitalización, innovación e internacionalización, tres ámbitos que forman parte dunha mesma estratexia de crecemento empresarial. Así, unha empresa que incorpora eficazmente as ferramentas dixitais está mellor preparada para competir fóra, do mesmo xeito que unha compañía que aspira a crecer internacionalmente necesita unha estratexia dixital cada vez máis sólida.

Finalmente, a directora puxo en valor o papel do Clúster do Ecommerce Galego e de encontros como Ecommerce Days para conectar empresas, compartir experiencias e coñecemento e favorecer novas colaboracións. Neste sentido, reafirmou a vontade da Xunta e do Igape de seguir traballando en contacto directo co tecido empresarial para adaptar os instrumentos de apoio ás súas necesidades e aos novos retos do mercado.

  • A Xunta destaca o potencial do comercio electrónico para impulsar a competitividade e abrir novos mercados
    Ler máis
  • O Igape organiza unha xornada sobre as oportunidades actuais das empresas galegas nos Emiratos Árabes Unidos
    Ler máis
  • A Xunta aposta por "industrializar a innovación" para converter o talento en crecemento empresarial e emprego
    Ler máis